30 de abr. de 2019

PARA A NOSA COMPAÑEIRA CARMEN RIVERO

Querida Carmen, o sendeiro de baldosas amarelas polo que levas camiñando tanto tempo, agora desvíase e toma unha nova dirección na súa viaxe cara Oz, ese reino onde quen non o ten pode atopar o corazón ou o valor. Como corazón e valentía tes a mans cheas, o que ti atoparás será descanso, paz, tempo para a poesía...
Botaremos moito de menos a ese excepcional ser que ti es, a esa grande amante do galego que tanto traballou por el no noso instituto, como coordinadora do EDLG primeiro, e despois como colaboradora desa mesma equipa, cousa que fixeches ata o mesmo día de hoxe, no que te xubilas. Botarémoste moito de menos, a túa compañía, o teu esforzo,os teus versos:

Querida ROSALíA

(“ Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.” )
Rosalía de Castro.
Cantares Gallegos-1852

Querida Rosalía :
Onte vin nos ollos puros dunha nena,
un tempo novo;
ao escoitar dos seus beizos
este falar meloso
e puiden albiscar un futuro
preñado de esperanza,
que sen ti,
quizais ficaría baleiro.

¿Como esquecer os teus versos?
Ese amor a Galicia
que zumegan as túas letras,
asolagando os ollos
e encollendo as entrañas.
dos que amamos esta terra.

¿Como non agradecerche
que rescataras o noso idioma
para que brille con luz propia?
Cando todo estaba escurecido
teimaches e teimaches en escribir
na lingua máis fermosa;
Ceibando camiños atuídos polas silvas
que afogaban no esquecemento,
a supervivencia nosa.

¿Como non loarte , muller galega
que viviches as penurias desta xente?
se fuches quen de ser muller,
cando daquela era unha eiva,
e aínda así facer poemas
escribindo na lingua da pobreza.

¿Como non lembrar a túa andaina?
Se fixeches que mulleres coma ti ,
prenderan o facho que deixaches
honrando o sexo feminino,
que nin é segundo nin é débil;
e seguen a colocar pedras
construíndo día a día
este país senlleiro .

¿Como non bendicir o teu nome
desexando que sigas a facer o que ben sabes?
Dende o infindo lugar onde te atopes,
non deixes que a túa pluma se volva preguiceira
e segue , segue, querida musa,
escribindo palabras fermosas
nesta lingua meiga.

Carmen Rivero Gallego .
Do Poemario “Berce de peliqueiros”

29 de abr. de 2019

INSUELA

Esta exposición, elaborada polo IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e gañadora do Concurso das Letras Galegas 2019, titúlase Insuela. Fai un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e da obra de Antonio Fraguas, autor a quen lle renderemos homenaxe o próximo 17 de maio. 


Podedes decargar os carteis premendo na seguinte LIGAZÓN

24 de abr. de 2019

INSPIRACIENCIA 2019: IX CONCURSO DE RELATOS DE INSPIRACIÓN CIENTÍFICA

Inspiraciencia é unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico,un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción.
No noso centro levamos seis anos participando neste concurso con moi bos resultados. En todas as edicións anteriores, alumnos do Chivite gañaron ou quedaron entre os finalistas na modalidade de relato xuvenil galego.
Escribe unha boa ficción científica e participa! Poderás presentar relatos cunha extensión máxima de 800 palabras, en galego, castelán, catalán ou éuscaro.
Tes  ata o 19 de xuño de 2019 para presentar o teu relato. A entrega de premios terá lugar no mes de setembro.
Para consultar as bases do concurso, preme na seguinte  LIGAZÓN

DÍA DO LIBRO NO CHIVITE

O 23 de abril conmemoramos o Día do Libro con dúas actividades. A primeira foi organizada polo equipo da Biblioteca e a segunda propúxoa o Departamento de Lingua Castelá.
Desde a Biblioteca do noso instituto déronnos a coñecer moitos libros sobranceiros que foron censurados ó longo da historia, algúns deles en galego.
Ademais, profesoras e profesores do centro agasalláronse con libros os uns ós outros. Esta iniciativa do “amigo invisible lector” partiu dos membros do Departamento de Lingua e Literatura Castelá.

9 de abr. de 2019

GAÑADORA FOTONTROIDO 2019

A alumna gañadora da VII edición do concurso Fotontroido 2019 é:

Ana Reigada de 4º ESO C con "Tradición".

Parabéns!!!

8 de abr. de 2019

INFOGRAFÍAS VITICULTURA

Alumnado de 3º e 4º de ESO co profesor Javier Rodríguez, do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, realizaron varias infografías relacionadas coa viticultura, que proximamente serán expostas no centro.

A continuación aparecen tres delas:

"Estados fenolóxicos do viño", realizada por: Álvaro Barato Pousada, Pablo Fernández Lamas, Pablo García Santiago, Aitor Blanco Ferreira, Alberto Figueira Palomanes.

" Follas de variedades brancas" realizada por: Ana Alvar Pousada e Dayana Campos Vieira.

"Copa de viño" realizada por: Tania Rodríguez, María Palomares e Andrés García.


7 de abr. de 2019

FINALISTAS FOTONTROIDO 2019

Os finalistas do concurso fotográfico "Fotontroido 2019" son:

Daniel González 1º BAC A:
"Cando o cigarron sae a rúa o pobo da comarca sente a chegada do entroido"

María Barreira 3º ESO B:
"O corazón acelérase co sentir das chocas"

Sheila Alves 4º ESO B:
"O mellor é o cariño que lle ten o cigarrón ao meniño".

Esther Lorenzo 2º ESO B:
"Só a lembranza de onde veño, me axuda a saber cara onde vou"

Ana Reigada 4º ESO C:
"Tradición".

En breve, daremos a coñecer ao gañador do concurso.