O equipo de Dinamización da lingua este ano colle un novo rumbo, despois do traballo inxente do anterior equipo, ó que lle agradecemos tantas actividades feitas, xiramos a nosa mirada cara un proxecto de Posta en valor do noso patrimonio local. Ben seguro que coñecemos o Castro de Baroña pero nunca visitamos o de San Millao ou Saceda en Cualedro, sabemos da nosa toponimia e dos tesouros que se esconden na nosa zona?
Continuaremos con algunhas das actividades que xa teñen certa “sona” no noso centro, e engadiremos o proxecto:
1. E ti de onde vés sendo? De quen vés sendo? Quen es? Para os cursos de 1º, 2º e 3º da ESO que consistirá na procura dos nomes de lugar da zona para pescudar na nosa historia, entendermos o significado que agochan e baleiralos sobre un programa de información xeográfica, SIX.
2. Es de aquí ou vés á festa? Será para 4º da ESO e 1ºBacharelato ademais dos afoutos e afoutas de 2ºBAC que nos queiran botar unha man. Neste caso traballaremos a recollida de festas locais, ritos, costumes…que ben moitos son!
Con todo pretendemos amosarlle ó mundo que temos moito do que nos sentir orgullosas/os da nosa zona.
Quen dixo que en Verín non temos nada que ensinar?
O equipo do profesorado xa está disposto a zarpar: Paula e Olaia de mate dirixindo o temón, Carmen de historia esculcando no ronsel, Ana de Tecnoloxía á fronte da sala de máquinas, Belén, Inma e César de Galego interpretando as cartas náuticas, Pili de Física coas coordenadas para a nosa singradura , Sonia axuda en mapas antigos, Silvia de castelán con “dez canóns por banda”, Pablo de Educación Plástica deseñando as novas velas. Case todo preparado! Temos agora que engrosar a tripulación co alumnado: es ti unha persoa aventureira para te embarcares?