VISITA A LUGO
O 6 de outubro, as 9 menos dez, os alumnos de segundo de Bacharelato con relixión, collíamos o autobús que nos levaría ata Lugo, e deste xeito, cumprir a promesa por parte do noso profesor de relixión de levarnos de excursión. Intentamos escoller unha data, na que segundo os predicións metereolóxicas, nos aseguraban un bo día, con tan mala sorte, que o final resultou ser un día de choiva e de frío, mais non foi este un motivo polo cal desaparecese o brillo dos ollos, entusiasmados pola idea de que sería unha das nosas últimas excursións xuntos.
A viaxe, a pesares de durar preto de dúas horas e media, non se fixo longa, a compañía era grata e os temas de conversación múltiples. A metade do camiño fixemos unha parada para estirar as pernas, e algúns para aproveitar e levar algo ata o estómago. Cando por fin chegamos ao noso primeiro destino, Lugo, dirixímonos directamente cara a famosa muralla. Moitos xa non era a primeira vez que visitaban a cidade, e para outros, era a primeira vez que tiñamos a oportunidade de desfilar pola pasarela da antiga construción, ao mesmo tempo que podiamos aproveitar das fermosas vistas. Seguindo o percorrido chegamos a catedral. Elegante e simple ao mesmo tempo, a definiría eu. Nada máis chegar a porta, xa todos empezamos a facer bromas e a deteñernos pensando nos tres típicos desexos que hai que pedir ao entrar a unha igrexa ou templo por primeira vez. Persoalmente, son unha persoa que sempre se fascina ao ver a decoración de grandes igrexas por dentro, e a cantidade de pequenos detalles que a simple vista se escapan dos nosos ollos. O profe, Don Luís, tivo o detalle de mercarnos a todos unha estampiña da virxe para que nos dese boa sorte.
Cando saímos da catedral, xa nos atopabamos famentos, e cansos, con ganas de parar a descansar. Por outro lado, tamén existía unha maioría que pedía aos mestres que nos levasen ao centro comercial, pero non puido ser, posto que en Lugo, eran festas. Terminamos de dar unha volta completa a muralla, e regresamos ao autobús con dirección a Samos. Os máis impacientes incluso lle dimos uns bocados ao bocadillo antes de chegar ao destino.
Don Luis mercounos un décimo de lotería de Nadal, o 49.699, e se toca volveremos todos de excursión de novo!!
O autobús deixounos nun merendeiro ao lado dun río bastante tranquilo e agradable, a única pega e que facía moito frío. Para o meu gusto foi un dos mellores momentos da excursión, comendo e pasando o tempo cos compañeiros. Cando rematamos, empezamos a camiñar cara o mosteiro, como de costume, os máis lacazáns queixábanse por ter que ir a pé. Tivemos que parar nun bar a tomar algo e facer tempo ata as catro e media, hora na que abría o mosteiro. Cando chegamos, recibiunos un monxe que sería o noso guía polo edificio. El amosounos todos as instalacións e segredos das pinturas que envolvían as paredes. Díxonos que en Ourense hai cousas moi bonitas e Lucía coa súa espontaneidade respondeulle: por exemplo as mozas!! Ademais, tamén tivemos a oportunidade de ver o cemiterio no que soterraran aos monxes que se aloxan alí. O monxe que nos tocou durante a visita, era moi simpático e logo simpatizamos moito con el. Cando rematamos de ver todo, fomos a unha pequena tenda que había dentro do mosteiro, na que puidemos comprar agasallos e recordos. Nese momento, o moxe que nos guiara anteriormente, regaloume unha tableta de chocolate que eles mesmos fixeran alí, e eu repartina cos compañeiros. Gustounos tanto, que ao final todos acabamos comprando máis chocolate!
O monxe díxolle a Don Luis que quedou abraiado coa madurez e coas preguntas que lle faciamos.
Despedímonos e de novo voltamos ao autobús para dirixirnos ao noso último destino, O Cebreiro. Lugar no que empeza o camiño de Santiago. Trátase dunha pequena aldea que seguramente viva do turismo, posto que está chea de tendas de recordos, bares e un pequeno supermercado. Tivemos 45 minutos libres, aproximadamente, para mercar cousas e visitar a aldea, pero a maioría optamos por meternos nun bar ou nunha tenda e pasar o tempo, xa que chovía moito e facía moitísimo frío.
Xa moi cansados, regresamos ao autobús e emprendemos o regreso a Verín!
A dicir verdade, foi unha excursión da que todos saímos moi contentos e agradecidos polo respiro que se nos ofreceu nun atarefado segundo de bacharelato!