28 de out. de 2014

NOVO MUSICAL E ESTE ANO EN GALEGO!!!!!

Este ano o musical Mamma Mia vaise representar íntegramente en galego, por iso estamos a traducir todas as cancións á nosa lingua. Moitas grazas ao equipo capitaneado por David!!!!

Un exemplo, a famosa canción de Abba Chiquitita:

Chiquitita, que é o que vai mal?
A túa dor é unha cadea.
Na túa ollada hai
unha sombra que marea. 

Como odio verte así.
Ti non podes disimulalo.
Vexo a mágoa en ti
e non es quen de agochalo.

Chiquitita confía en min.
Podes chorar no meu ombro.
Son unha amiga fiel.
Cóntame os teus malos soños.

Sempre fuches forte e feliz
mais agora chea de bágoas,
quero estar aí, para ti,
para que marchen as mágoas.

Chiquitita sabes moi ben
que as penas veñen e van ata esvaeceren
Xuntas iremos bailar.
O amor sandará
a soedade ós amenceres.

Chiquitita non máis chorar
pois o sol está a brillar alá no máis alto.
Quero escoitar na túa voz
unha nova canción
como aquelas do pasado.

Na túa voz
unha nova canción
como aquelas do pasado.

O teu mundo xa non está.
O amor foi a outra parte.
Mais ti non sufras xa.
Alguén chegará para amarte.
Chiquitita, confía en min.
Non me negues a túa verdade.
Ti sabes que esta é
unha eterna amizade.

23 de out. de 2014

PRIMEIRA RESEÑA NA NOVA SECCIÓN LITERARIA NO FIADEIRO DA LINGUA

Ao longo do curso imos difundir as reseñas dos libros que van facendo as alumnas e alumnos do noso IES. Poderédelas atopar na etiqueta SECCIÓN LITERARIA no comezo do blog. Ana Manso inaugura esta sección co seu comentario do libro Corazón de Mariposa

Comentario -Corazón de Mariposa-.doc by ofiadeirodalingua

21 de out. de 2014

OBRADOIRO CABAZAS SAMAÍN

EXCURSIÓN A LUGO E SAMOS

VISITA A LUGO

O 6 de outubro, as 9 menos dez, os alumnos de segundo de Bacharelato con relixión, collíamos o autobús que nos levaría ata Lugo, e deste xeito, cumprir a promesa por parte do noso profesor de relixión de levarnos de excursión. Intentamos escoller unha data, na que segundo os predicións metereolóxicas, nos aseguraban un bo día, con tan mala sorte, que o final resultou ser un día de choiva e de frío, mais non foi este un motivo polo cal desaparecese o brillo dos ollos, entusiasmados pola idea de que sería unha das nosas últimas excursións xuntos.
A viaxe, a pesares de durar preto de dúas horas e media, non se fixo longa, a compañía era grata e os temas de conversación múltiples. A metade do camiño fixemos unha parada para estirar as pernas, e algúns para aproveitar e levar algo ata o estómago. Cando por fin chegamos ao noso primeiro destino, Lugo, dirixímonos directamente cara a famosa muralla. Moitos xa non era a primeira vez que visitaban a cidade, e para outros, era a primeira vez que tiñamos a oportunidade de desfilar pola pasarela da antiga construción, ao mesmo tempo que podiamos aproveitar das fermosas vistas. Seguindo o percorrido chegamos a catedral. Elegante e simple ao mesmo tempo, a definiría eu. Nada máis chegar a porta, xa todos empezamos a facer bromas e a deteñernos pensando nos tres típicos desexos que hai que pedir ao entrar a unha igrexa ou templo por primeira vez. Persoalmente, son unha persoa que sempre se fascina ao ver a decoración de grandes igrexas por dentro, e a cantidade de pequenos detalles que a simple vista se escapan dos nosos ollos. O profe, Don Luís, tivo o detalle de mercarnos a todos unha estampiña da virxe para que nos dese boa sorte.
Cando saímos da catedral, xa nos atopabamos famentos, e cansos, con ganas de parar a descansar. Por outro lado, tamén existía unha maioría que pedía aos mestres que nos levasen ao centro comercial, pero non puido ser, posto que en Lugo, eran festas. Terminamos de dar unha volta completa a muralla, e regresamos ao autobús con dirección a Samos. Os máis impacientes incluso lle dimos uns bocados ao bocadillo antes de chegar ao destino.
Don Luis mercounos un décimo de lotería de Nadal, o 49.699, e se toca volveremos todos de excursión de novo!!
O autobús deixounos nun merendeiro ao lado dun río bastante tranquilo e agradable, a única pega e que facía moito frío. Para o meu gusto foi un dos mellores momentos da excursión, comendo e pasando o tempo cos compañeiros. Cando rematamos, empezamos a camiñar cara o mosteiro, como de costume, os máis lacazáns queixábanse por ter que ir a pé. Tivemos que parar nun bar a tomar algo e facer tempo ata as catro e media, hora na que abría o mosteiro. Cando chegamos, recibiunos un monxe que sería o noso guía polo edificio. El amosounos todos as instalacións e segredos das pinturas que envolvían as paredes. Díxonos que en Ourense hai cousas moi bonitas e Lucía coa súa espontaneidade respondeulle: por exemplo as mozas!! Ademais, tamén tivemos a oportunidade de ver o cemiterio no que soterraran aos monxes que se aloxan alí. O monxe que nos tocou durante a visita, era moi simpático e logo simpatizamos moito con el. Cando rematamos de ver todo, fomos a unha pequena tenda que había dentro do mosteiro, na que puidemos comprar agasallos e recordos. Nese momento, o moxe que nos guiara anteriormente, regaloume unha tableta de chocolate que eles mesmos fixeran alí, e eu repartina cos compañeiros. Gustounos tanto, que ao final todos acabamos comprando máis chocolate!
O monxe díxolle a Don Luis que quedou abraiado coa madurez e coas preguntas que lle faciamos.
Despedímonos e de novo voltamos ao autobús para dirixirnos ao noso último destino, O Cebreiro. Lugar no que empeza o camiño de Santiago. Trátase dunha pequena aldea que seguramente viva do turismo, posto que está chea de tendas de recordos, bares e un pequeno supermercado. Tivemos 45 minutos libres, aproximadamente, para mercar cousas e visitar a aldea, pero a maioría optamos por meternos nun bar ou nunha tenda e pasar o tempo, xa que chovía moito e facía moitísimo frío.
Xa moi cansados, regresamos ao autobús e emprendemos o regreso a Verín!
A dicir verdade, foi unha excursión da que todos saímos moi contentos e agradecidos polo respiro que se nos ofreceu nun atarefado segundo de bacharelato!




14 de out. de 2014

CONFERENCIA: TIPOLOXÍA DE INNOVACIÓN NO SECTOR LÁCTEO

O venres 10 de Outubro, tivemos a oportunidade de asistir a unha conferencia impartida no salón de actos do Instituto. Dende a Universidade de Santiago de Compostela desplazouse un séquito de expertos, comandado por Juan Méndez Dónega ( profesor de Industrias Lácteas na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e coordinador da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago), para ofrecer información sobre a súa especialidade. E esta non é outra que a Innovación no sector lácteo.
Así a primeira vista, non son estas palabras que levanten fascinación e interés. Mais no fondo a cuestión non deixa de perder importancia, e este argumento empregouno ao comezo da exposición a anteriormente citada eminencia leiteira.
O sector dos alimentos hoxe en día, está a padecer unha gran presión dende escalafóns inferiores no complexo sistema de abastecemento humano.Por conseguinte, como calibrar na situación presente a balanza global, que a un lado sostén o medio ambiente e ao outro 7000 millóns de persoas que precisan alimentarse? A resposta atópase na investigación, e a iso é ao que se adica a Aula de Produtos Lácteos.
Este centro que cada ano rexistra máis de cen contratos con múltiples e coñecidas empresas (Río, Chuf, Asturiana…) atesora catro obxectivos. A formación, a asesoría e control de calidade, o I+D no sector lácteo e o suministro de información dende plataformas sociais.
Para Juan Méndez Dónega, a empresa contén uns principios de traballo indispensables e segundo di, exclusivos. Para resumilo emprega a alegoría moi común no mundo da moda do Flash / Cash / Dash.
Que supón cada termo nesta expresión tan vangardista?
O flash comprende as Investigación e Innovacións. As novas tecnologías xúntanse co consumo para dar a luz unha idea nun producto que se leva producindo dende sempre do mesmo modo. É dicir, reconstruír ou remodelar o vello adaptándoio aos novos tempos.
O cash fai referencia ao deleitoso son da caixa pechándose e axitando as pelas (diso tampouco se esquecen os nosos amigos, todo sexa pola ciencia). Quero que o meu producto chegue ao mercado e sexa o predilecto dos consumidores.
No dash vemos que a dinámica da empresa supón soster os proxectos cos productos, e isto a súa vez nos servicios tecnolóxicos.
Por último, Juan Méndez recordounos cales son os valores nos que descansa o seu traballo: coñecemento, confidencialidade, presuposto axustado, rapidez e servicialización.
Posteriormente, Jaime Magdalena Vera falounos sobre as posibilidades actuais das enxeñerias agroalimentarias no mercado e isto aplicado a súa experiencia persoal no oficio.
Na hora vespertina, os mesmos protagonistas continuaron estas xornadas sobre A conservación do medio natural patrocinadas pola oficina de Turismo galega na Casa da Cultura de Verín. O éxito non foi o esperado, tan só seis persoas asistiron ao evento.

Recapitulando e como conclusión, debemos recoñecer moderadamente a labor dos expertos na materia agroalimentaria. Quizais non semelle útil ou interesante a súa ocupación, pero nunha perspectiva máis crítica e obxectiva , é a xente que pon sabor a nosa vida.


Miguel Franco Álvarez e Tania Prieto Vilariño.

7 de out. de 2014

REPRESENTACIÓN DE "EDIPO REI"

Un magnífico grupo de alumnos de 2º de Bacharelato do IES Ribeira do Louro (O Porriño), capitaneados por Delio, Virginia e Patricia, deixounos onte marabillados coa súa fermosa versión de "Edipo, rei", de Sófocles.
Algúns dos nosos alumnos puideron gozar co seu talento, dedicación e CORAXE.
Talento, o que precisaron para memorizar un texto tan difícil, tan fermoso e tan esixente como o que adaptaron, traduciron e interpretaron en galego. Talento, o que amosaron ó dar vida a tantos personaxes, seres tráxicos con tanta profundidade e con tal carga emotiva que algúns dos nosos alumnos non terminaron de comprender a súa proposta. Talento, o que derrochou ese fabuloso coro grego, recitando ó unísono, sen mirarse, de memoria, as súas magníficas reflexións.
Dedicación, a que nos demostraron ó ter coidado ata o mínimo detalle: o altar, as ramiñas do coro, as túnicas, esas preciosas máscaras que traballaron con Víctor (profe de plástica e amigo, un grande docente). Dedicación, a que é necesaria para vir dende O Porriño ata Verín para representar un clásico como este ante un público descoñecido a 150 km da túa casa. Dedicación, a que se precisa para compartir nervios, agobios, présas, horas e horas de ensaios, viaxes cos teus compañeiros de teatro.
Pero sobre todo CORAXE, e permitídeme que use as maiúsculas. Nunha época na que se trocea os alumnos con decimais, táboas de baremación, cualificacións ponderadas, táboas de excel que pretenden poñer parcelas ó océano, nunha época asquerosamente mecanizada, onde só vales o que indica a túa nota de corte e os ingresos dos teus pais, onde se enmudece os que queren facer algo diferente, pero non só polo feito de facer algo distinto SENÓN PORQUE ISO É O QUE REALMENTE DI ALGO DELES MESMOS... nun momento histórico (permitídeme que corrixa: histérico) como este, estamos diante de auténticos HEROES e HEROÍNAS das artes cando vemos alumnos de 2º de Bacharelato apuntándose a algo polo que non se lles vai agasallar con ningunha décima, polo que perderán tempo de estudo para aquelo co que realmente se lles retribuirá ……
GRAZAS, moitas moitas GRAZAS, por dedicarnos o voso tempo, por compartir a vosa paixón connosco, por ser tan xenerosos, por manter vivo o espírito da traxedia clásica, por respectar tanto o texto orixinal, por involucrarvos tantísimo, por ter arriscado esas décimas e ser libres. Grazas, grupo de teatro do IES Ribeira do Louro.
Sodes moi grandes.
David Rodríguez Rivada








2 de out. de 2014

CONVOCADO A VII EDICIÓN DE CIENCIA QUE CONTA

Por fin! Xa estabamos un chisco nervosos!! Con todo o que temos que contar.

Que conto? Que conto!

7º Concurso de relatos curtos sobre ciencia: Ciencia que Conta 2014 (CQC14)
A por el!! O prazo remata o 15 de novembro de 2014.

Que miras? A pensar, a traballar, a escribir, a desfrutar da ciencia! Non o deixes pasar! E por certo: grandes premios!!

Elixe tema, fai o relato e envíao. Debes utilizar o formulario da nosa sección participa PREME AQUÍ

Máximo 1000 palabras (uns 3 folios). Se tes dúbidas, escribe un email a: contacto@cienciaqueconta.com

Contamos contigo!