O pasado venres 17
de febreiro, o alumnado de 1º BACH tivemos a sorte de acudir á charla “O galego
é un mundo”, a cargo de Anik Nandi.
Nun galego tan fluído
coma correcto, este sociolingüista de orixe bengalí amosounos a importancia da
nosa lingua en diferentes facetas nas que non estamos acostumados a vela, como
por exemplo o uso que podemos darlle en outros países e as facilidades que
temos fronte a outros sendo bilingües.
Un dos puntos da
charla foi facernos ver a diversidade lingüística que existe no mundo e tentar
que fixeramos todo o posible por normalizar o galego e tamén para erradicar os
prexuízos que tivésemos sobre a nosa lingua autóctona.
Nandi falou tamén
dos estereotipos que se teñen das linguas, da importancia das que son
minoritarias e fíxonos saber cal é a situación do seu país, facendo que todos
nos interesaramos pola súa cultura e costumes.
Ao final da
charla respondeu moi amablemente a todas as nosas dúbidas e penso que falo por
todos os meus compañeiros cando digo que grazas as súas palabras démonos conta
de que aínda que ás veces pensemos que unha lingua é inferior por ter menos
cantidade de falantes, iso é completamente falso.
Sara Guerra Sandoval
O venres pasado, os alumnos de primeiro de Bacharelato asistimos a un
discurso moi rechamante presentado por un recoñecido doutor en Filoloxía, Anik
Nandi, procedente da zona este da India, concretamente onde o idioma bengalí
predomina.
Foi unha exposición dos seus amplísimos
coñecementos a tódolos niveis, ben sexan culturais, xeográficos e como non, lingüísticos.
Que teñen en común todos estes conceptos?
A simple vista, pódese pensar que non teñen gran
relación entre eles, porén, se pensamos un intre, e definimos mentalmente cada
un deles, acabaremos por decatarnos de que están aínda máis conectados que
tódalas conexións neuronais no noso cerebro.
Que é senón cultura, que falar de lingua?
Para min, unha fonte inesgotable de cultura reside
no saber. E o saber, non se pode máis que pasar de xeración en xeración
mediante a fala, mediante a lingua, mediante o corazón.
Cando falamos de lingua, non só falamos do conxunto
de letras que constrúen os seu alfabeto, senón de recordos, antepasados,
historia, sentimentos e costumes.
Cando falamos de lingua, non falamos só de normas
gramaticais. Estamos a falar de paixón, de compromiso, de respecto.
Como ían a respectarnos se non respectamos a nosa
propia lingua? Aquilo que nos representa, aquilo que nos da un nome. Aquilo que
as nosas cordas vocais entoan coa axuda da intención humana.
Polo tanto, sería razoable renegar ó saber porque
non respectamos a lingua que se nos presenta coma un regalo? Non.
Imos coa xeografía.
Quizais é momento de pensar neste apartado, que o
ámbito lingüístico ten máis que ver co mundo ético que o matemático (poboación,
densidade, número de linguas dun estado).
Para que unha lingua sexa rexeitada, non só cómpre con que a deixemos
desaparecer en perigo de extinción.
É suficiente con que abandonemos a historia que
traía consigo. É suficiente, con que ensinemos ós nosos futuros fillos e fillas
un só idioma, esquecendo a ampla capacidade de aprendizaxe que posúen nos
primeiros anos de vida.
A educación, sexa no estado que sexa e en calquera
momento da historia do ser humano, foi o motor e a nai que decidía cando algo
ía apagarse coma unha estrela no universo, para non volver a acenderse nunca
máis. Ou pola contra, os forza que conservaba os coñecementos que consideraba
importante para o tempo e as circunstancias.
A conclusión pois, de este apartado, é que non
importa o número de linguas que se dan nunha zona, nin o extensa que esta sexa.
Senón a conciencia implantada nos individuos desa sociedade ante o aspecto lingüístico.
Todo se reduce á conciencia, a querer o que nos
representa. Sexa galego, bengalí, ou calquera das sete mil linguas que nacen e
morren no noso planeta. Se cada unha delas, comparte algo entre si, porque non
íamos nós, os seres humanos, compartir tamén rasgos uns doutros?
Que mellor maneira, de dicilo coa palabra que máis
merecen tódolos loitadores coma Anik Nandi.
Dhanyabaad (bengalí), grazas.
Esther Santiago
Ningún comentario:
Publicar un comentario