15 de maio de 2018

ROTEIRO EN HOMENAXE A MARÍA SOLIÑO


Mañá, día  16 de maio, o alumnado de 4º ESO do Xesús Taboada Chivite e do IES de Rodeira manterá un encontro na localidade pontevedresa de Cangas do Morrazo para realizar un “Roteiro en homenaxe a María Soliño”. Esta actividade extraescolar plantéxase como complemento doutras artelladas co gaio da celebración do Día Internacional da Muller. Ten o propósito de reivindicar a esta personaxe histórica, emblemática dentro da Península do Morrazo, como símbolo da violencia institucional e social exercida contra as mulleres durante a “caza de bruxas”, iniciada no 1621. O alumnado visitará os lugares máis importantes vinculados a esa infortunada etapa da súa biografía. Neles lerán textos alleos ou de creación propia nos que explicarán as causas, desenvolvemento e consecuencias do proceso inquisitorial sufrido por Soliño. Como remate, interpretarán unha versión cantada do poema adicado á súa figura polo poeta ouresán Celso Emilio Ferreiro, pertencente ao poemario Longa noite de pedra.


Tamén participarán neste roteiro-homenaxe algunhas alumnas de Bacharelato. Virán en representación do grupo do alumnado dese nivel que, xunto con parte do de 4º ESO, promoveu en datas previas á folga do 8M diversas actividades encamiñadas a sensibilizar a comunidade educativa sobre a necesidade de impulsar o logro da igualdade de xénero. Como profesora e educadora especialmente comprometida co feminismo e coa loita polos dereitos humanos, quero agradecer públicamente o esforzo realizado por este conxunto de rapaces e rapazas. Considero imprescindible resaltar a súa madurez intelectual e ética, moi inusual nestes tempos convulsos e insolidarios que estamos a vivir. Presenciar este tipo de actuacións, inicialmente artelladas en solitario -e con numerosos atrancos- por persoas tan novas, fai ver unha raiola de esperanza nesta sociedade do século XXI, aínda dominada pola inxustiza. Estes estudantes son un vivo exemplo de que a educación pode e debe ser unha poderosa ferramenta para transformar o mundo. Por último, grazas ao profesorado dos departamentos de Normalización Lingüística, Lingua e Literatura Galega e Música do Chivite e do Rodeira polo seu apoio e implicación, nesta e noutras actividades paralelas. Sodes xenuínos ensinantes, por vocación e por corazón.

Diana Almeida Guillán (Departamento de Lingua Castelá e Literatura).

Ningún comentario:

Publicar un comentario