22 de xuño de 2018

O TEATRO AXUDA A SUPERAR A TIMIDEZ






Fai xa tres anos que estou no grupo de teatro “A Tecedora de Soños”  e a 
verdade, non teño ningunha queixa . Aprendín moito sobre interpretación , 
ademais coñecín a persoas marabillosas.
As miñas primeiras obras no grupo foron “Anfitrión”, “A casa de Bernarda 
Alba” e “A estanqueira da praza da Merced”.
No meu segundo ano fixemos “Lisístrata” e “Cadros de humor ao fresco”.
Este ano,  os da miña xeración de tecedores, debutamos  no drama con
 “Historia dunha escaleira” e con monólogos de moita profundidade, 
que deixaron pegada na literatura e no cine. Finalizamos a tempada coa 
comedia “As rás e o Sol”.Tampouco podo esquecer a nosa participación  
na gala de teatro de Verín, que celebramos no Auditorio da vila e na que
actuamos non  só para os coñecidos do colexio e a familia, senón para 
todo Verín. A nivel individual, dicir que estes proxectos axudáronme a 
vencer  a timidez e a soltarme máis á hora de actuar. 
Tamén influíu que nas primeiras obras actuei cun rapaz  co que xa tiña 
confianza, pois é o meu amigo. A parte, escolléronme para un 
campamento de artes escénicas, dirixido por Rubén Riós no meu 2º ano.
Por último, quero recomendar a todos  a que se apunten a actividades ou
grupos como estes, xa que deste xeito vencerán os seus medos escénicos, 
como fixen eu, e aprenderán a ser responsables.
Miguel Quintas Parada (alumno de 3º ESO)

O TALENTO E A ENTREGA DOS NOSOS ALUMNOS DO GRUPO DE TEATRO "A TECEDORA DE SOÑOS"


Vídeo de Javier Díaz (Profesor de Plástica)

Na tarde deste xoves puidemos gozar do talento dos nosos alumnos do grupo de teatro, que, tras meses de ensaio e esforzos adicionais ós estrictamente académicos, souberon atopar os folgos para construiren universos de ficción teatral moi variados.
Así, ademais de"Historia de una escalera", de Buero Vallejo,  e grandes monólogos teatrais femininos procedentes de obras como "Medea",  ou "Fuenteovejuna", que foron interpretados en castelán,  representaron en galego "As ras e o Sol", unha fábula na que oito ras alborotadoras piden ó Sol que lles envíe un soberano que sexa quen de pór orde na súa caótica charca. 
Tamén asistimos ós monólogos protagonizados por personaxes masculinos, pertencentes ó mundo da literatura (Balbino, de "Memorias dun neno labrego"; O Principiño e o raposo, de "O Principiño") e ó mundo do cinema (Alfredo e Totó, de "Cinema paradiso"; o barbeiro confundido co dictador Hynkel, de "O gran ditador"; o amigo do protagonista de "Cadea perpetua").

David Rodríguez Rivada (Profesor de Música)

14 de xuño de 2018

RODRIGO JUSTO DE 1º BAC A FINALISTA DE "INSPIRACIENCIA" CO RELATO "INFORMACIÓN"

O relato "Información" de Rodrigo Justo Fernández de 1º BAC A, está entre os dous finalistas do concurso "Inspiraciencia", na categoría de relato mozo en galego.
O gañador darase a coñecer o vindeiro día 29 de xuño, ás 19:00, no acto de entrega de premios que terá lugar no Museo da Casa da Ciencia (CSIC) de Sevilla.
Parabéns!

13 de xuño de 2018

A RECICLAXE É ARTE

Os alumnos de 3º ESO, coa súa profesora de Plástica, Margarita García, realizaron auténticas obras de arte con materiais reciclados:





12 de xuño de 2018

ESTUDO DE XERMINACIÓN CON CEBOLAS, PEMENTOS E LEITUGAS

Luis Martínez de 1º BAC A realizou un estudo para determinar cal é o terreo máis idóneo e o mes máis propicio para que xerminen sementes de cebolas, leitugas e pementos.

EMBARAZOS NON DESEXADOS EN ADOLESCENTES

Na seguinte presentación Teresa Castro e Claudia Dobarrio de 1º BAC A, analizan as causas dos embarazos non desexados en adolescentes, o dilema social do aborto, o aborto ilegal e as súas consecuencias, así como a descrición dos distintos métodos anticonceptivos para previlos.


11 de xuño de 2018

XII ENCONTRO LUSO-GALAICO EN VIGO

O día 1 de xuño viaxamos a Vigo cos nosos compañeiros do encontro luso-galaico cos que nos levabamos cartendo todo o curso. 
En Vigo visitamos "O Castro", dende onde se vían as marabillosas illas Cíes e toda a cidade; o concello, onde se nos recibiu moi ben; e o Museo da Arte Contemporánea MARCO. 
Despois tivemos tempo libre polo centro e a zona do porto, e á hora de comer fomos á praia de Samil. Alí relacionámonos cos nosos compañeiros portugueses e disfrutamos da praia. 
Por último, visitamos o interesante Museo do Mar de Galicia. Pese ao comportamento dalgúns rapaces, pareceume unha actividade moi boa e produtiva.
Xabier Guede 4º ESO A

EXCURSIÓN A MADRID


O día 31 de maio e 1 de xuño fun cos meus compañeiros do instituto a Madrid.
 Partimos o 31 de maio ás 7 da mañá en autobús.Tras 6 horas de longa viaxe, e logo de varios descansos, chegamos a unha do mediodía ao noso lugar de destino, o hotel "Axor Feria".
Ao chegar, instalámonos,e as 2 do mediodía, marchamos comer ao "Museo do Xamón" en Madrid. Logo, fomos a dar unha volta pola Gran Vía. Estivemos no Primark, no Corte inglés....
Ese día ás 8 da noite, fomos ver o musical Billy Elliot ao teatro Alcalá, e alí estivemos ata o seu remate, que foi ás 12 da noite. Ao saír, fomos cear ao Mcdonals, e logo, fomos ao hotel para descansar.
O Venres pola mañá, levantámonos ás 9, fixemos a equipaxe, almorzamos no hotel,e logo fomos pasar o día ao parque de atraccións Warner.
Saímos as 6 da tarde e iniciamos o noso camiño de regreso a casa.

Texto de Lorena Rodríguez de 3º ESO A. Vídeo e imaxe de María Justo e Naiara Rodríguez 3º ESO A

6 de xuño de 2018

IX CERTAME DE CINEMA OUFF ESCOLA


A Concellería de Cultura do Concello de Ourense e o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o IX Certame de Cinema OUFF Escola, dentro da 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense que se celebrará en 2018.
Poderán presentarse curtametraxes en lingua galega de ata 20 minutos de duración. Haberá premios para as dúas categorías establecidas: infantil e primaria, por unha banda, e outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son), por outra.

A inscrición deberá formalizarse na web do Certame Internacional de Cine de Ourense antes do 2 de xullo de 2018.


MODELO DUNHA VÉRTEBRA CON MATERIAIS RECICLABLES.


Os alumnos de 1º de bacharelato, que cursan Anatomía Aplicada deseñaron e construíron un modelo dunha vertebra con calquera tipo de materiais reciclados: cartolina, cortiza, plástico, arame, madeira, plastilina, etc.
O obxectivo desta actividade foi facer un modelo dunha vértebra que resultase útil para estudar as súas partes e entender o funcionamento da columna vertebral.

4 de xuño de 2018

CONFERENCIA DE ANTÓN RIVEIRO COELLO


A continuación aparece a reseña redactada por un dos alumnos de 1º de bacharelato, que asistiu a conferencia:
O venres, día 1 de xuño, tivemos unha charla cun dos autores máis prestixiosos da narrativa galega contemporánea, Antón Riveiro Coello, na que nos contou importantes acontecementos da súa vida e do seu libro a” A ferida do vento”, que estivemos lendo este trimestre.
Contounos que de pequeno, quería ser guitarrista dunha banda de rock de éxito, xa que sabía tocar este instrumento bastante ben. Nunca pensara en converterse en escritor. Só  empezou a concentrarse en escribir cando coñeceu a súa futura muller, xa que vivían separados e comunicábanse a través de cartas. El tiña un talento innato para iso. A partir dese momento, decidiu participar nun concurso de escritores, no cal,  tiña que presentar unha novela en castelán. Pediulle axuda a un amigo co que traballaba, que lle axudou a traducir o seu relato en galego, a castelán. Presentou este relato nos dous idiomas. Tras un tempo, chegou a noticia de que gañara este concurso. A partir dese momento, empezou a presentarse a unha gran cantidade de concursos, moitos dos cales gañou. Gañar todos estes premios convertiuno nun gran escritor famoso e incluso foi nomeado fillo predilecto de Xinzo de Limia.

Toda esta charla foi contada dunha maneira moi cercana e atractiva. Polo tanto fomos capaces de prestar atención a cada un dos detalles que el narraba, foi unha gran charla.

Román Fernández López 1º BAC A

Ademais de ler o libro "A ferida do vento", os alumnos de 1º de bacharelato, realizaron presentacións sobre a súa biografía, que espuxeron na clase de Lingua e Literatura Galega.

Unha desas presentacións foi a realizada por: Luis Martínez Rodríguez, Alejandro Suárez Hervella e Rodrigo Justo Fernández de 1º BAC A.


XINCANA SOBRE Mª VICTORIA MORENO


O luns 21 de maio, 16 alumnos de 2º ESO participaron na II Xincana das Letras Galegas, organizada desde a Biblioteca, polo profesor Daniel García Cancio do Departamento de Grego, coa axuda dos profesores Luis González Jove (Matemáticas), Laura Cervera González (Lingua Castelá) e Mª Luisa Corral Valín (Audición e Linguaxe).