27 de set. de 2019

"FLASHMOB" SOBRE O REXURDIMENTO DUN BOSQUE QUEIMADO




Desde o noso centro, quixemos sumarnos ás reinvindicacións que teñen lugar hoxe  en todo o mundo en contra do cambio climático, realizando un "flashmob" sobre o rexurdimento das árbores dun bosque queimado.
Alumnos de 1º ESO, 2º ESO , 3º PMAR e 1º BAC leron un manifesto, elaborado por eles mesmos,  sobre o valor dos nosos montes e en contra dos lumes, no patio do instituto, durante o recreo.  
Ao comezo da lectura, quince rapaces de 3º ESO, 1º e 2º de BAC vestidos de negro apareceron encollidos entre as chamas debuxadas con xices no chan, representando un bosque morto. 
A medida que avanzaba a lectura, fóronse erguendo,  un a un, amosando o dorsal dunha árbore viva, que levaban no peito, e simulando o rexurdimento das árbores queimadas.
Nesta actividade participaron catro profesores do Departamento de Lingua Galega (Rosa Alonso, Belén Mellado, Natalia Nóvoa e Xabier Álvarez) , unha profesora do Departamento de Inglés (Isabel Cota), o coordinador TICs (Daniel García) e a coordinadora de Dinamización Lingüística (Guiomar Vázquez).
Podedes ler o manifesto premendo na seguinte LIGAZÓN


24 de set. de 2019

RADIO CHIVITE

Se estás interesado en participar nun proxecto de radio escolar en formato podcast acode á reunión que terá lugar o próximo 30 de setembro ás 11: 20 no salón de actos do instituto.
Non podes faltar!!!

CONCURSO DE REDACCIÓN "A MAN CULPABLE"


O Museo do Claustro Mercedario de Verín convoca un concurso de redacción para todos os escolares da Comarca de Monterrei que teñen entre 8 e 16 anos.
A temática é sobre os impactos negativos do ser humano no medio ambiente na contorna da nosa comarca. O cambio climático é un deles, pero tamén os incendios forestais, a contaminación das augas ou a desaparición masiva de especies.
Cada alumno poderá enviar un relato a museodeverin@gmail.com.
Poderanse enviar relatos ata o 15 de outubro de 2019.
O premio é unha cámara Canon EOS 4000D cun obxectivo EF-S 18-55 III.
Para consultar as bases preme na seguinte LIGAZÓN

14 de set. de 2019

CONCURSO FOTOGRÁFICO "O VALOR DO MONTE GALEGO"

Se es alumno do IES Xesús Taboada Chivite, sae ao monte e descobre o seu valor. Participa no concurso de fotos "O valor do monte galego".


















O tema a retratar é:  O valor económico, ambiental, social, cultural e paisaxístico dos nosos montes.

Cada alumno poderá presentar un máximo de tres fotografías. Cada imaxe irá acompañada dun título, da data de realización e dunha breve reflexión explicativa en verso ou en prosa sobre o beneficio directo (madeira, froitos, pastos, leña, cogumelos, mel, etc.) ou indirecto (redución da erosión, regulación do clima, fertilidade do solo, etc) que aporta o monte na ilustración. 

As imaxes enviaranse en formato dixital a ofiadeirodalingua@gmail.com  . Na mensaxe indicarase o nome do autor/a e o curso.

Tes ata o 31 de outubro para participar. Que non se che pase!

Podes consultar as bases premendo na seguinte LIGAZÓN

11 de set. de 2019

ALDEAS RURAIS. NO NOSO HAI FUTURO!!!

O alumnado de 1º BAC B atreveuse a dinamizar unha aldea. Case todos se centraron nas súas, analizando nelas aspectos poboacionais e os principais sectores económicos e produtivos. Logo atrevéronse a comentar novas posibilidades que segundo eles lles darían unha maior vitalidade a ese espazo rural. O obxectivo era loitar contra o abandono do rural e demostrar que na aldea si que se pode vivir, e subsistir. Animádesvos a probar a experiencia de vivir no rural? No noso hai futuro!!!

Para acceder a canle de vídeos preme na seguinte LIGAZÓN

6 de set. de 2019

CONSUMAMOS PRODUTOS GALEGOS!!

O alumnado de 1º de Bacharelato C quere animarnos a que consumos produtos elaborados en Galicia, moitos deles descoñecidos polo consumidor galego, que merca unha porcentaxe importante de alimentos procedentes de fóra descoñecendo a exitencia dos nosos.



Para ver o vídeo de Pablo Fernández preme aquí