24 de out. de 2019

CONCURSO DE IMAXES PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE DE XÉNERO.

O alumnado de 4º ESO do noso centro participará no "Concurso de imaxes para a promoción da igualdade de xénero e a prevención da violencia de xénero entre o alumnado da Eurocidade Chaves-Verín", enmarcado no Proxecto 0101_GNP_AECT_1_E (INTERREG ESPAÑA-PORTUGAL, Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal) e promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade. 

Trátase dun concurso en liña de proxectos plásticos formados por fotografías, fotomontaxes, carteis, debuxos ou outras imaxes en formato dixital no que o alumnado reflexionará sobre a igualdade entre mulleres e homes e/ou sobre a violencia contra as mulleres e as nenas, nun marco de cooperación territorial entre Galicia e o norte de Portugal.

O próximo luns, 28 de decembro, ás 16:40, no salón de actos, realizarase unha palestra informativa dirixida ao alumnado participante, na que se introducirán os conceptos básicos para a participación informada no concurso: igualdade entre mulleres e homes, violencia de xénero e cooperación.

Estamos ante unha actividade interdepartamental, na que colaboran os tres titores de 4º ESO, o Departamento de Orientación, o Equipo Directivo, o Departamento de Plástica e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Pódense consultar as bases do concurso premendo na seguinte LIGAZÓN

Ningún comentario:

Publicar un comentario