(Moitas grazas, Rebeca e Maite, responsábeis da Biblioteca. Moitas grazas, César, director do centro.)
Hai oito anos " Basi " chegou ó club de lectura A árbore vermella da man da súa autora, a "fada" Julia, como a chamaban os/as seus/súas nenos/as de infantil.
Naquela sesión do club coñecéronse Julia e o noso compañeiro Víctor, outro ser cheo de maxia, que xa comezara a facer algunhas ilustracións do conto de Julia, imaxes que nos deixaron a todos abraiados. Foi unha sesión do club desas que quedan gravadas. Na nosa árbore vermella compartimos moitos momentos que atesoraremos para sempre nos nosos corazóns, cheos de deleite, de aprendizaxe, de proximidade, de verdade, de calor humano.
O nacemento do que sería uns cantos anos despois o libro ilustrado "Basi e os seus amigos" foi un deses momentos especiais, inesquecibles.
Tiveron que pasar uns anos ata que o proxecto iniciado por Julia cos/coas seus/súas pequenos/as alumnos/as de infantil se convertise en obra impresa...Mais onte pechouse o círculo. De novo na biblioteca do Chivite sentimos como se estivésemos outra vez nunha sesión da nosa querida árbore vermella. Nun ambiente de intimidade, arroupados por persoas que sempre están preto, apoiando, querendo, Julia e Víctor, que traían Basi con eles, faláronnos de novo, como hai oito anos...E de novo, como hai oito anos, gozamos...E aprendemos.

A continuación o texto que David Rodríguez Rivada, profesor de música do IES Taboada Chivite e fillo da autora, escribiu despois da primeira visita de "Basi" ó noso centro:
Do 22/10/2011.
A mirada fulminante do basilisco foi un tópico literario moi recorrente nos nosos poetas do Século de Ouro. A miúdo utilizaban referencias deste tipo para subliñar o carácter demoníaco ou sobrenatural do desamor e os seus recunchos.
Por iso resulta enormemente orixinal exporse a convidar este ser monstruoso e maléfico a unha aula de nenos de entre 3 e 5 anos.
Pero precisamente a mirada do que contempla pode ser o que faga perigoso o ser observado.
Cando a man que sinala faino pedindo un achegamento coa outra, non hai lanzas senón felpudos de benvida e abrazos reconciliadores.
Unha aula de infantil é moito, moitísimo máis ca unha réplica en miniatura do que serán logo as aulas de instituto. É moito máis que xogar coa plastilina, cantar cancións ou pintar. Moitísimo máis.
É probablemente o elo máis complexo de toda a cadea educativa, xa que estamos a falar da casa de saída. Do que aí se faga dependerá se este neno mañá terá opcións no nivel académico, afectivo e persoal, ou non.
Trátase dun traballo de enormes consecuencias, xa que o material humano co que se trata é moi sensíbel a toda acción, as pegadas do bo ou mal facer do profesor quedarán aí, en cada neno.
Por iso encántame o traballo que fan os mestres e mestras de infantil, e permitídeme que neste artigo fale do caso da miña nai, Julia Rivada.
Onte deleitounos no club de lectura (xunto ao noso marabilloso e sempre lúcido compañeiro Víctor, profe de plástica, que está a ilustrar o seu conto cun gusto e unha dedicación impecables) falando sobre o seu proxecto " Basi e os seus amigos".
Chámoo proxecto e non conto porque realmente o seu alcance transcende os límites do relato inicial ou da obra teatral posterior.
Un proxecto que trata temas como a integración, a igualdade, o amor á diferenza e o respecto polo que cada un é.
Un traballo multidisciplinar que non se reduce a un texto fermoso cuns personaxes que se prestan a intervir, e facer disfraces cos nenos.
Unha tarefa que ben podería converterse nos rudimentos dunha democracia e un civismo tan necesarios como realmente escasos hoxe día.
É un conto no que podemos buscarnos cada un de nós, porque non é só un paseo que un ser estraño aos ollos dos demais dá, non é só a creación dunha comunidade na que o lema "ti es eu, eu son ti" impera.
É ademais a oportunidade marabillosa de aceptar o que cada un de nós pode achegar aos demais, o que os demais nos poden ensinar, o que debemos afrontar na vida, e o modo en que os problemas poden disolverse con boas intencións e determinación.
A empatía é quizais a palabra crave. Esa palabra que tan poucos saben definir de verdade, entendendo por "de verdade" o feito de practicala.
A necesidade de vivir tamén a través das experiencias alleas, dos outros, dos demais, dos non-eu, para achegarnos un pasiño máis ao que é a humanidade.
Basi, un conto para nenos e para maiores.
Basi, un inicio para unha longa vida chea de sapos que te desprezan, galos que te miran por riba do ombreiro, serpes que che quitan o pelello ás túas costas.
Basi, un guión fabuloso para unha vida chea de sapos entrañábeis que croan de ledicia nas charcas cando ven que te achegas; unha vida chea de galos alegres e risoños que che alegran o corazón coas súas historias e palabras; unha vida chea de serpes loitadoras que renovan a súa pel ante as feridas que unha vida de privacións e miserias lles ofrece.
Basi, ou unha Dorothy que camiña en busca do seu mago de Oz coa compaña dun sapo, un galo e unha serpe capaces de abandonar os seus prexuízos e voar moi por encima do aburrido camiño de baldosas amarelas, atravesando campos de mapoulas dormideiras e bosques con monos voadores.
Basi, ou o basilisco que non mata, senón que che abre os ollos e che amosa o que es realmente.
Basi, ou a nai e profesora e superheroína e sobrevivente e demiurga.
Basi, ou a revelación compartida no mellor dos momentos.
Basi, ou a mirada que salva.
Basi, ou a diferenza que iguala.
Basi, ou a procura da propia identidade a través da mestura co outro.
Orgullo de nai, utilizado nun sentido invertido: é o fillo o que se enorgullece de compartir o mundo con ela.
David Rodríguez Rivada
Ningún comentario:
Publicar un comentario