18 de dec. de 2018

GOZA DO NADAL EN GALEGO!


Imaxe de Javier Rodríguez
Os membros do EDLG do IES Xesús Taboada Chivite desexamos que gocedes do Nadal en galego e que teñades un feliz 2019!

15 de dec. de 2018

GAÑADORES DO CONCURSO DE FOTOS "A VENDIMA 2018"

Neste concurso participaron 101 alumnos, que enviaron 215 fotos. 

Os gañadores do concurso fotográfico  "A vendima 2018" son:

1º premio da categoría de 1º e 2º ESO:

Lucía Díaz Villarino 1º ESO B.

1º premio da categoría de 3º e 4º ESO:
Manuel Quintas Martínez 4º ESO C. "Doce solpor"
"Doce solpor". Ao rematar un día tan marabilloso como este, non hai nada mellor que despedir ao sol cun acio de uvas recollido coas túas propias mans.

1º premio da categoría de 1º e 2º BAC:
Inés García Nóvoa 1º BAC A. "89 vendimas"
Por que se di que o viño mellora cós anos?
O viño ao igual cás persoas vai sumando cos anos sabedoría, experiencia e paixón. Por iso, é nas engurras, onde se atopa o saber máis doce.

Parabéns aos gañadores e moitas grazas a todos por participar!

























































































14 de dec. de 2018

SARAY SUÁREZ MONTOYA, GALARDOADA POLO SEU ESFORZO E SUPERACIÓN PERSOAL NA ESO.


Saray Suárez, alumna do noso centro, que cursa 1º de Bacharelato,  acaba de lograr un dos vinte premios, que a Consellería de Educación concede ao esforzo e a superación persoal do alumnado de ESO, superando as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural.
Recibirá 750 euros, pero o principal obxectivo destes premios é que os alumnos galardoados sexan un exemplo para compañeiros e compañeiras en situacións similares.
Nunha entrevista publicada hoxe en  "La voz de Galicia" Saray comenta que non debería ser noticia que unha xitana aprobe a ESO e que o máis importante na vida, a base de todo, é a educación. A súa meta é chegar a graduarse en Maxisterio por Infantil.

13 de dec. de 2018

DIPROSIA, TITANIA OU EUROPIA: A GRANXA DE VACAS CON NOME DE TÁBOA PERIÓDICA




Rosalind Franklin e Lise Meitner viven en Palas de Rei, xunto a Europia, Titania ou Disprosia, bautizadas en homenaxe aos elementos da táboa periódica. Todas son vacas da granxa A Cernada, unha explotación bovina de leite situada na aldea do mesmo nome, ao norte do concello de Palas de Rei, xa preto de Friol. Son algunhas das 6.837 vacas que, segundo os datos de Medio Rural, viven no municipio. Moitas máis ca as 3.489 persoas empadroadas en Palas; unha mostra do pulo do sector primario na comarca da Ulloa, unha das principais zonas produtoras de leite de Galicia. Podedes seguir lendo o artigo da revista GCiencia premendo na seguinte LIGAZÓN

TARXETAS DE NADAL


Este ano a tarxeta, feita por Samuel Martínez, de 3 ESO B, foi a gañadora, e con ela felicitaremos o Nadal no noso centro. Parabéns Samuel!
Se queredes ver, as demais tarxetas realizadas polo alumnado do Taboada Chivite, podedes premer na seguinte LIGAZÓN

12 de dec. de 2018

EXTRACCIÓN DO ADN DUN PLÁTANO

Neste vídeo, Pablo Rodríguez Dos Praceres e Miguel Quintas Parada de 4º ESO B, desenvolveron un experimento para extraer o ADN dun plátano.

11 de dec. de 2018

SON PREXUDICIAIS OS ALIMENTOS TRANSXÉNICOS?

Dous grupos de alumnas de 4º ESO, analizan nas súas presentacións, se os alimentos transxénicos son prexudiciais para a nosa saúde.
O primeiro grupo está integado por Sheila Álves Gómez e Esther Canado Gómez de 4º ESO A


Para ver a súa presentación, podedes premer na seguinte LIGAZÓN.

O segundo grupo está formado por Naiara Rodríguez Rojas e María Vega Pazos de 4º ESO C.
Para ver a súa presentación, podedes premer na seguinte LIGAZÓN

5 de dec. de 2018

III EDICIÓN DO CONCURSO DE VIDEOPOEMAS SOBRE COMPOSICIÓNS POÉTICAS DE ROSALÍA E MANUEL MARÍA

A Casa-Museo Manuel María organiza un concurso de videopoemas que ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra de Rosalía e Manuel María.
O concurso vai destinado a todo o alumnado galego de ensino non universitario a partir da ESO podendo facelo tanto a nivel individual como grupal.
 Os videopoemas consistirán nun vídeo baseado nunha composición poética en galego de Rosalía ou de Manuel María. O poema deberá aparecer nalgún momento do videopoema, ben sexa impreso, recitado ou en calquera outra opción que se considere.
 Os centros participantes deberán realizar a súa preinscrición antes do 18 de marzo.
O curso pasado dous videopoemas realizados por alumnas do noso centro: "Tecín soia a miña tea" e "Cando a luniña aparece" quedaron finalista da II edición dete concurso.
Animádevos a participar!!!
Podedes consultar as bases premendo nesta LIGAZÓN

4 de dec. de 2018

PREMIO LUIS FREIRE DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA NA ESCOLA

Os Museos Científicos Coruñeses instauraron o Premio Luis Freire de Investigación Científica na Escola en 1999, para promover entre o estudantado galego valores como a creatividade, a imaxinación, a constancia e o espírito crítico.
Con motivo do 20 aniversario premiaranse todas as inscricións que finalicen e presenten a súa investigación. As persoas admitidas poderán comezar as súas investigacións e traballos ao recibir a confirmación de inscrición.
O alumnado de ESO poderá participar de xeito individual ou en grupos de como máximo tres persoas.
Os que desexedes participar deberedes elixir a pregunta que será obxecto da vosa investigación e cumprimentar o boletín de inscrición, onde redactaredes un resumo do proxecto (extensión máxima de 60 palabras).
O prazo de inscrición remata o día 28 de decembro de 2018 ás 12:00.
As bases do concurso, así como o boletín de inscrición pódense consultar premendo na seguinte LIGAZÓN

3 de dec. de 2018

PREMIOS OUFF ESCOLA, MENCIÓN ESPECIAL AOS ALUMNOS DO CHIVITE POLAS CURTAS PRESENTADAS

Hoxe 3 de decembro,  celebrouse a gala de premios do concurso Ouff Escola 2018, presentado polo actor Fernando González, no Auditorio Municicipal de Ourense. Esta edición contou con 102 traballos a concurso.
Os alumnos do noso centro, recibiron unha mención especial pola calidade dos traballos presentados. Participaron con dezaseis curtametraxes, que coordinou a profesora de Lingua Galega Rosa Alonso.
Parabéns rapaces!!!. Ler máis

2 de dec. de 2018

O ALUMNADO DE IMAXE E SON PARTICIPA NO FIC


Na semana do 1 ao 9 de decembro estase a celebrar o III Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC) no que se visualizarán 68 curtas de 26 países diferentes, seleccionadas entre as 1261 curtas que recibiron os organizadores do certame.
Paralelamente estanse realizando unha serie de actividades públicas co gallo de potenciar o festival. Entre elas está achegar o certame ao alumnado e dende este punto de vista o alumnado de Imaxe e Son está elaborando unhas curtametraxes seguindo os mesmos pasos que se dan a nivel profesional (elaboración de guións literarios, técnicos, storyboard, plan de rodaxe, reparto de funcións, produción, edición, making of…) colaborando con Xosé Luis Santiago, “Pello”, xefe de produción do festival. De feito, están a traballar en catro curtas con diferentes temáticas e esperan poder chegar a gravalas todas.
Baixo esta liña de traballo, os alumnos de Imaxe e Son recibiron unhas acreditacións dos organizadores do evento que lles dan acceso ás curtas que se emitirán ademais de, poder contactar, coñecer e entrevistar a profesionais que virán ao festival e embeber todo o relacionado co mundo audiovisual patente na semana do FIC.
Ler máis.



26 de nov. de 2018

DOBRAXE DE BEIZOS: "EU CHORO", CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

Hoxe no recreo, alumnas de 4 ESO presentaron o vídeo contra a violencia de xénero "Eu Choro", realizado por elas mesmas empregando unha letra escrita por alumnado de 3 ESO C+PMAR.
Ademais, Mónica Pousada Alonso, de 1 BAC A, e alumnado de todos os grupos de 3 ESO (actividade organizada pola Biblioteca), interpretaron cancións con letras que expresasen rexeitamento á violencia que sofren milleiros de mulleres.
Podedes ver as fotos do acto, premendo na seguinte LIGAZÓN

20 de nov. de 2018

PEQUENOS EMPRENDEDORES DA UVA NO CHIVITE




Mascarilla e exfoliante Eco-uva, torta Grape Cake, mostos Alpauxa, marmelada DM, xeado Enux e augardente Terras de Monterrei, son algúns dos produtos fabricados  con uvas polos alumnos de 1º de bacharelato, que cursan Anatomía Aplicada.
Non só elaboraron os produtos, tamén desenvolveron os procesos de envasado, etiquetado e conservación. Ademais, puxéronlles prezo e deseñaron un eslogan para comercializalos.
Podedes consultar as presentacións dos produtos que se espuxeron na aula, premendo na seguinte LIGAZÓN

13 de nov. de 2018

IMAXE GAÑADORA DO CONCURSO FOTOGRÁFICO SAMAÍN 2018

A imaxe gañadora do concurso de fotos Samaín 2018, foi a realizada por Almudena Juncal, Esther Lorenzo e Eliana Reigada de 2º ESO B, cuxo título é:

"Cando non houbese máis espazo no inferno, os mortos camiñarán pola Terra"


Parabéns rapazas, por esta imaxe tan arrepiante!

10 de nov. de 2018

O NOSO INSTITUTO CONVERTIDO NUN LUGAR TERRORÍFICO

As fotografías, os textos e os deseños do noso alumnado vanvos facer arrepiar!


Se queres tremer de medo, preme nesta LIGAZÒN

9 de nov. de 2018

EU QUEDO AQUÍ, E TI?


Xornadas en defensa do rural galego no IES Xesús Taboada Chivite.


Para máis información preme na seguinte LIGAZÓN

8 de nov. de 2018

III EDICIÓN DO CONCURSO ESCOLAR DE DEBUXO E REDACCIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

As mulleres foron e son vitais no mundo da ciencia.
Que descubrimentos científicos fixeron Hipatia de Alejandría, Bárbara McClintock, Rosalind Franklind, Jane Goodald, Jocelyn Bell, Lisa Meitner...?
En que campo da ciencia traballan as seguintes mulleres: Mara Dierssen, Margarita Salas, María Blasco, Ana Mª Prieto, Nubia Muñoz, Vanesa Valdeiglesias García, Sonia Villapol Salgado, Alicia Estévez Toranzo, Gloria Revilla López...,  que cos seus traballos de investigación contribúen a mellorar as nosas vidas?.
Hai  algunha muller científica na comarca de Verín ?. E na túa familia?
Indaga sobre o tema e anímate a participar no concurso sobre "As Mulleres e a Ciencia" organizado pola Universidade de Vigo.
O curso pasado, tres alumnos do noso centro resultaron premiados na segunda edición deste concurso.
Podes consultar as bases do concurso na seguinte LIGAZÓN

ENTREVISTA A NURIA TRIGUEROS: CATADORA DA DENOMINACIÓN DE ORIXE MONTERREI

Tres alumnas de 3º PMAR: Coral Heredia, Natalia Mocho e Andrea Rocha, realizáronlle unha entrevista moi interesante á profesora de Física e Química do noso centro Nuria Trigueros, que é catadora de viño da Denominación de Orixe Monterrei.


Cando e por que empezaches a catar viño?
A verdade é que foi unha cousa un pouco estraña. Unha vez fixéronme chegar a oportunidade de facer un curso de cata. Para min era unha afección e decidín facelo, e a partir de aí ofrecéronme a posibilidade de catar para a Denominación de Orixe Monterrei. E agora estou facendo catas de viños para eles.
Canto tempo levas realizando esta actividade?
Debo levar seis ou sete anos para a denominación de orixe... Ler máis

2 de nov. de 2018

"A VENDIMA", POEMA DE © CARMEN RIVERO GALLEGO




"A Vendima", poema de © Carmen Rivero Gallego,profesora do IES Xesús Tabaoda Chivite de Verín, incluido nun poemario que se editará en breve. Recita o poema o alumno de 1º Bacharelato do IES Taboada Chivite de Verín Julio Alvar. As fotografías foron realizadas por alumnado de todos os cursos de ESO e Bacharelato do IES Taboada Chivite, que participaron nun concurso fotográfico en torno a temática da vendima. A montaxe do videopoema foi realizada pola profesora Isabel Cota.

31 de out. de 2018

SAMAÍN 2018 NO IES XESÚS TABOADA CHIVITE


Samaín 2018 no IES Xesús Taboada Chivite from DanGarCan on Vimeo.


Os cinco alumnos de Valores Éticos de 3º ESO A, xunto co profesor desta materia (xefe do Departamento de Grego) fixeron unha curtametraxe polo Samaín 2018. Os alumnos son: Marta Danta González, Aitana De Arriba Pantaleón, Rubén Freitas Ribeiro, José Ramón García Cernadas e María Guerra Sandoval.
Da montaxe encargouse o propio profesor: Daniel García Cancio. Ademais, o resto dos alumnos de 3º ESO A colaboraron xenerosamente na rodaxe.
Rubén rodou, María é a protagonista, Aitana e José Ramón son os actores secundarios, e Marta foi axudante durante toda a rodaxe.
A idea é o guión fixéronse coa colaboración estreita entre o profesor e os cinco alumnos mencionados.
Parabéns!. Un traballo excelente.

30 de out. de 2018

ACTO DE PRESENTACIÓN DAS PARELLAS DO PROGRAMA TEI 2018-2019




O luns, 29 de outubro, ás 16:40,  púxose en marcha o "PROGRAMA TEI" (Titoría Entre Iguais), por terceiro ano consecutivo, co acto de presentación das parellas alumno titor-alumno titorizado.
Este programa está deseñado como unha medida preventiva contra a violencia e o acoso escolar. Os alumnos de terceiro curso de secundaria titorizarán aos de primeiro.
Previamente tiveron lugar varias sesións informativas para o alumnado titorizado, o alumnado titor e as familias. Nestas sesións explicáronse as características do programa, os obxectivos, o procedemento de intervención e o calendario de actividades.

Se queres atopar a foto co teu titor ou titorizado, preme na seguinte LIGAZÓN

23 de out. de 2018

OBRADOIROS DE CURTAMETRAXES ORGANIZADOS POLO FIC VÍA XIV NO IES CASTRO DE BARONCELI E NO NOSO CENTRO



Estudantes de secundaria do IES Xesús Taboada Chivite e do IES Castro de Baronceli coñecerán as claves de produción dunha curtametraxe no marco dunha iniciativa piloto que promoven os organizadores do FIC Vía XIV. O obxectivo final é que poidan elaborar por grupos unha proposta orixinal de curtametraxe”, sinala o director do certame, Carlos Montero. Ler máis


18 de out. de 2018

SABES QUE NON TES ESCAPATORIA!!



Co gallo do Samaín, queremos converter o noso instituto nun lugar TERRORÍFICO. Axúdanos a conseguilo!!! Fai a túa foto de terror e envíaa a:
ofiadeirodalingua@gmail.com
Acompáñaa dun título en galego, que nada máis lelo provoque que un xélido arrepío atravese o teu corpo.
A que esperas? Corre a facer esa foto!!!! 


Haberá algún premio para o mellor! 

17 de out. de 2018

A TECEDORA DE SOÑOS NA IX EDICIÓN DO FESTIVAL DE TEATRO ENTRECULTURAS



O pasado venres 12 de outubro, ás 20:30, tivemos ocasión de ver actuar ao grupo de teatro do noso instituto, A Tecedora de Soños, no Auditorio de Verín, dentro da novena edición do Festival de Teatro Entreculturas, organizado por “La Caja de Pandora”, coa obra “Historia de una escalera” de Buero Vallejo.
O sábado 20 de outubro volverán actuar no Auditorio de Verín, ofrecéndonos unha tarde distinta, a partir das 20:30, coa representación de: “Monólogos dramáticos da literatura e o cinema”.

11 de out. de 2018

"A TECEDORA DE SOÑOS" COMPROBA A IDONEIDADE DO BALNEARIO DE CALDELIÑAS PARA REPRESENTAR OBRAS CLÁSICAS.

Actores e actrices da compañía de teatro do noso centro "A Tecedora de Soños" realizaron no Balneario de Caldeliñas (propiedade do Concello de Verín) varias probas escenográficas co obxectivo de determinar se o espazo sería óptimo para acoller representacións teatrais.
Concretamente, comprobouse a acústica e os diferentes escenarios do entorno a través do ensaio da obra "Lisístrata", de Aristófenes.
O resultado da proba foi un éxito. As condicións de Caldeliñas son  óptimas para a representación de obras clásicas, tanto pola acústica como pola distribución dos espazos. Queda agora en man das compañías solicitar ó Concello o acondicionamento do antigo balneario para albergar ó público, e a proposta de obras que poidan ser representadas no lugar.

9 de out. de 2018

O "COEFICIENTE OURENSE": OS INCENDIOS QUE MÁIS ARDEN, PERO QUE MENOS SE VEN.

Actuacións dos medios aéreos de extinción do Ministerio en 2011, un dos peores anos de incendios en Ourense. Fonte: Mapama.gob.

A provincia de España con máis hectáreas queimadas recibe unha atención menor que a dos lumes de menos extensión que se achegan a zonas habitadas. 
Nestes últimos días, a veciñanza dalgunhas zonas de Galicia reviviu a preocupación de hai case un ano, cando dous días fatídicos arrasaron centos de quilómetros cadrados por todo o país. Na Ribeira Sacra, un espazo que opta a ser Patrimonio da Humanidade, arderon máis de 150 hectáreas. Tamén houbo lumes en Verín e na Gudiña. E outro incendio volveu afectar á Serra do Xurés, un parque natural na parte galega, e que na parte portuguesa é Parque Nacional. En total, máis de 300 hectáreas queimadas. 
Ler máis

8 de out. de 2018

UNHA UNIDADE DIDÁCTICA PARA QUE A MOCIDADE DESCUBRA A FONTÁN

Real Academia Galega de Ciencias celebra hoxe Día da Ciencia en Galicia, cunha homenaxe a  Domingo Fontán, o autor da Carta Xeométrica de Galicia (primeiro mapa topográfico de Galicia).
O pasado mércores, 3 de outubro, o Consello da Cultura Galega presentou unha  unidade didáctica destinada aos centros educativos galegos, coa que se pretende difundir entre a mocidade – aínda que tamén entre a sociedade en xeral – a figura de Domingo Fontán.

Podedes descargar a unidade didáctica premendo na seguinte LIGAZÓN

3 de out. de 2018

COMEZA A INVESTIGACIÓN DE PINTURAS RUPESTRES DE VILARDEVÓS.

Un equipo galaico-luso liderado pola Universidade de Vigo está a realizar o proxecto de intervención arqueolóxica no abrigo con pintura rupestre prehistórica localizado en Vilardevós o pasado ano. 
O proxecto, financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, permitirá afondar no coñecemento “do segundo sitio con pinturas de estilo esquemático que se descubre e escava en Galicia”, segundo subliña Beatriz Comendador, profesora da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) que dirixe o proxecto. 

18 de set. de 2018

CONCURSO FOTOGRÁFICO "A VENDIMA 2018"

Se eres alumno do IES Xesús Taboada Chivite participa no concurso de fotos "A VENDIMA 2018".
O tema a retratar é a vendima en sentido amplo, podes fotografiar os traballadores, os útiles de traballo, as viñas, as adegas,etc.


Cada alumno pode enviar ata tres imaxes a: ofiadeirodalingua@gmail.com.
Cada foto irá acompañada dun título, da data de realización  e dunha breve reflexión explicativa en verso ou en prosa.
O prazo de admisión de imaxes é desde o 20 de setembro ata o 31 de outubro de 2018. Que non se che pase!
Podes consultar as bases do concurso na seguinte LIGAZÓN

XEOCLIP, XEOLOXÍA EN GALEGO NAS REDES SOCIAIS

Xacobo de Toro e Adela Otero, 'teletransportados' aos Alpes para explicar a deriva continental nun dos vídeos de Xeoclip. Fonte: Youtube.
Xacobo de Toro e Adela Otero, dous profesores de instituto, son os impulsores da canle educativa XeoClip,  que consiste en lanzar vídeos explicativos sobre xeoloxía e ciencia a través da rede social Youtube.
Rachan cos prexuízos. Rachan con algunhas opinións aínda estendidas sobre as clases anquilosadas e aburridas, sobre o uso e as posibilidades das novas tecnoloxías e sobre o galego como lingua de ciencia. Con paixón polo ensino, con esforzo e con moita creatividade idearon XeoClip

22 de xuño de 2018

O TEATRO AXUDA A SUPERAR A TIMIDEZ






Fai xa tres anos que estou no grupo de teatro “A Tecedora de Soños”  e a 
verdade, non teño ningunha queixa . Aprendín moito sobre interpretación , 
ademais coñecín a persoas marabillosas.
As miñas primeiras obras no grupo foron “Anfitrión”, “A casa de Bernarda 
Alba” e “A estanqueira da praza da Merced”.
No meu segundo ano fixemos “Lisístrata” e “Cadros de humor ao fresco”.
Este ano,  os da miña xeración de tecedores, debutamos  no drama con
 “Historia dunha escaleira” e con monólogos de moita profundidade, 
que deixaron pegada na literatura e no cine. Finalizamos a tempada coa 
comedia “As rás e o Sol”.Tampouco podo esquecer a nosa participación  
na gala de teatro de Verín, que celebramos no Auditorio da vila e na que
actuamos non  só para os coñecidos do colexio e a familia, senón para 
todo Verín. A nivel individual, dicir que estes proxectos axudáronme a 
vencer  a timidez e a soltarme máis á hora de actuar. 
Tamén influíu que nas primeiras obras actuei cun rapaz  co que xa tiña 
confianza, pois é o meu amigo. A parte, escolléronme para un 
campamento de artes escénicas, dirixido por Rubén Riós no meu 2º ano.
Por último, quero recomendar a todos  a que se apunten a actividades ou
grupos como estes, xa que deste xeito vencerán os seus medos escénicos, 
como fixen eu, e aprenderán a ser responsables.
Miguel Quintas Parada (alumno de 3º ESO)

O TALENTO E A ENTREGA DOS NOSOS ALUMNOS DO GRUPO DE TEATRO "A TECEDORA DE SOÑOS"


Vídeo de Javier Díaz (Profesor de Plástica)

Na tarde deste xoves puidemos gozar do talento dos nosos alumnos do grupo de teatro, que, tras meses de ensaio e esforzos adicionais ós estrictamente académicos, souberon atopar os folgos para construiren universos de ficción teatral moi variados.
Así, ademais de"Historia de una escalera", de Buero Vallejo,  e grandes monólogos teatrais femininos procedentes de obras como "Medea",  ou "Fuenteovejuna", que foron interpretados en castelán,  representaron en galego "As ras e o Sol", unha fábula na que oito ras alborotadoras piden ó Sol que lles envíe un soberano que sexa quen de pór orde na súa caótica charca. 
Tamén asistimos ós monólogos protagonizados por personaxes masculinos, pertencentes ó mundo da literatura (Balbino, de "Memorias dun neno labrego"; O Principiño e o raposo, de "O Principiño") e ó mundo do cinema (Alfredo e Totó, de "Cinema paradiso"; o barbeiro confundido co dictador Hynkel, de "O gran ditador"; o amigo do protagonista de "Cadea perpetua").

David Rodríguez Rivada (Profesor de Música)

14 de xuño de 2018

RODRIGO JUSTO DE 1º BAC A FINALISTA DE "INSPIRACIENCIA" CO RELATO "INFORMACIÓN"

O relato "Información" de Rodrigo Justo Fernández de 1º BAC A, está entre os dous finalistas do concurso "Inspiraciencia", na categoría de relato mozo en galego.
O gañador darase a coñecer o vindeiro día 29 de xuño, ás 19:00, no acto de entrega de premios que terá lugar no Museo da Casa da Ciencia (CSIC) de Sevilla.
Parabéns!

13 de xuño de 2018

A RECICLAXE É ARTE

Os alumnos de 3º ESO, coa súa profesora de Plástica, Margarita García, realizaron auténticas obras de arte con materiais reciclados: