31 de maio de 2021

A XUBILACIÓN ACTIVA DO MEU AVÓ

Adara Vivel, alumna do IES Xesús Taboada Chivite de Verín realiza este audio sobre a vida laboral dos seus avós, dentro do programa 21 Días co Galego e + da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

AS AVOAS ACTIVAS DO RURAL

Marta Rato e Aroa Teixeira, alumnas de 4º ESO do IES Xesús Taboada Chivite, contan neste vídeo o envellecemento activo das súas avoas no rural, dentro do programa 21 Días co Galego e + da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

CIENCIA NA CASA: DISECCIÓN DO APARATO RESPIRATORIO DUN PORCO


Neste vídeo, Inés André e Iria García, alumnas de Anatomía Aplicada de 1º BAC diseccionan o aparato respiratorio dun porco, que é bastante semellante ao noso. Observaron a anatomía externa e interna das vías aéreas e dos pulmóns.
Bo traballo rapazas!

30 de maio de 2021

APROVEITAMENTO FORESTAL: PRESENTE E PASADO.

O alumnado de 4º ESO, que cursa Bioloxía e Xeoloxía, gravou audios en grupos de tres, dentro do programa 21 Días co Galego e + da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, comparando os recursos que obtiñan do monte os nosos avós, cos que aproveitamos nós. A agricultura e a gandaría tradicionais estaban interconectadas e en equilibrio co monte.O monte reportaba máis beneficios e a súa explotación era máis sostible.


INCENDIOS NA COMARCA: CAUSAS, CONSECUENCIAS E SOLUCIÓNS

O alumnos e as alumnas de 4º ESO fixeron vídeos nos que analizaron as causas, as consecuencias e as posibles solucións fronte aos incendios na nosa contorna,dentro do programa 21 Días co Galego e + da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Escribiron os guións, escolleron os escenarios, realizaron as gravacións e editaron os vídeos en grupos de tres ou catro persoas.

VOLCÁNS DE AUGA: OS GÉYSERES

 Redacción e audio: Nuria Barreira, 1º ESO A.


Un  géyser é un tipo especial de fonte termal que emite periodicamente unha columna de auga quente e vapor ao aire.

O famoso  Géyser de Islandia é o que deu o nome común de  géyser a estas fontes termais. Outro famoso  géyser, o  Strokkur, pódese ver expulsando chorros de auga quente cada 14 minutos e dunha gran altura.

A formación de  géyseres require unha hidroxeoloxía favorable que existe só nalgunhas partes do planeta, polo que son un fenómeno bastante estraño. Existen preto de 1000 ao redor do planeta, dos cales case a metade están situados no parque nacional de  Yellowstone, Estados Unidos.

A actividade dos  géyseres causada polo contacto entre a auga superficial e rocas quentadas polo magma situado  subterraneamente. A auga quentada  xeotermicamente regresa á superficie por  convección a través de rocas  fracturadas.

Para poder ver un  géyser, debemos estar nunha zona  volcánica, cuns depósitos de minerais de varios materiais máis se crean sistemas de canos que dan lugar a estas fontes naturais.


CONSERVAS TERRA DE BARONCELI

 Redacción e audio: Uxía Pérez Díaz, 1º ESO A

Terra de Baronceli é un complexo gastronómico natural , tenda e fábrica de conservas situado en Vilaza, no Val de Monterrei.

Cultivan practicamente todo o que producen e cando precisan máis produtos ,mercan froitos seleccionados a pequenos agricultores , polo que a súa produción garante a máis alta calidade nas materias primas, libre de sementes transxénicas, pesticidas e metáis pesados . Para a elaboración das súas conservas, escollen e lavan a man froito a froito.

A empresa comercializa diferentes tipos de marmeladas, patés, fritadas e salsas, elaborados con produtos procedentes de agricultura orgánica.

No envasado non se emprega ningún tipo de aditivo químico nin conservantes artificais. Unhas gotiñas de limón, recén espremido, e unha coidada esterilización garanten todo o sabor e a completa seguridade do produto que chega as súas mans.

A empresa potencia a economía local, respectando o medio ambiente e as tradicións dos núcleos rurais de Galicia, resucitando formas ancestrais da nosa cultura culinaria.


28 de maio de 2021

ALUMNADO DE 2º BAC PUXO EN VALOR O MONTE COA TÉCNICA "ELEVATOR PICH"

Os alumnos e as alumnas de 2º BAC, que cursan "Imaxe e Son", realizaron catro vídeos empregando a técnica publicitaria "Elevator Pitch" para por en valor o monte galego (o seu patrimonio, a súa riqueza, a súa conservación, a flora, a fauna, os seus produtos, a vida no rural, as nosas aldeas, etc.),

Podedes velos premendo nas seguintes ligazóns:


DESPEDIDA RADIO CHIVITE 2020-2021


Despedida ao alumnado colaborador de Radio Chivite, a radio do IES Taboada Chivite de Verín, neste curso 2020-2021.
Gran traballo realizado polo profesorado e o alumnado participante! Parabéns! Ata o próximo curso!

26 de maio de 2021

DERRADEIRO PROGRAMA DE RADIO CHIVITE DO CURSO 2020/2021

Undécimo programa da radio do centro IES Xesús Taboada Chivite de Verín, correspondente ao mes de maio, derradeiro deste curso, que conta coas seguintes seccións:

* Novas chivitianas: con Paula Gago e David Salgado (4º ESO)

- Inclúe "Novas científicas" e "Co selo galego", con Uxía Pérez e Diana Calvo (1º ESO)

- O alumnado de 3º de ESO cantando "Os nosos maios".

- Podcast sobre Xela Arias gravados por alumnado de 1º e 2º ciclo da ESO e Bacharelato.

- O "Grandola vila morena", interpretado polo alumnado de portugués da profesora Inma Campos.

- A canción "Mil estrelas" do musical La la land, interpretado polo coro de profes do Chivite.


* As nosas dúbidas: Xabi Alonso (1º BAC) entrevista ao director do noso centro César Sánchez.


* Adiviña quen é: con Carla Rosas e Sara Xing Moredo (1º BAC)


* Entrevistas:

César Sánchez entrevista a Manuel Añel, Fátima El Mouahid, Oumaima Fathallaah e Miguel Quintas, alumnado de 2º BAC sobre as súas sensacións ao rematar esta etapa no centro e o que este representou para eles.

David Salgado entrevista a Adrián González Salgueiro, antigo alumno, estudante do derradeiro curso do Grao en Historia da Arte, e fotógrafo.

Paula Gago entrevista a Guadi Galego, música multipremiada de grande traxectoria e relevancia na música galega contemporánea.


*Bibliochivite: Escoitaremos aos gañadores do concurso de microrelatos da biblioteca e o Podcast que o alumnado de 1º e 2º de ESO realizou como homenaxe a Xela Arias co gallo do Día das Letras Galegas.

25 de maio de 2021

"OS CONTAMINANTES QUE NOS RODEAN", PROXECTO FINALISTA DE OLLOBOI 2021.

 

O proxecto realizado por Marcos Gómez, Nerea García e Nuño Esteban, alumnado de 1º de bacharelato, no que sintetizan os principais tipos de contaminación aos que nos enfrontamos na Comarca de Verín, é finalista da X Edición do Festival de Cine Escolar Olloboi 2021.
Este traballo esta realizado en inglés con subtítulos en galego.
Parabéns rapaces!!!

24 de maio de 2021

A TORTA DE SANTIAGO

Redacción e audio: Nuria Barreira, 1ºESO


A torta de Santiago é unha torta tradicional da cociña galega con indicación xeográfica protexida.

Actualmente pódense comprar en case todas as pastelerías das zonas polas que pasa o Camiño de Santiago e en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente durante o mes de xullo e a primeira semana de agosto.

Os seus principais ingredientes son améndoas, azucre, ovos e laranxa.

Non se sabe nada do consumo de améndoa en Galicia durante a Idade Media, pero sábese que a carestía deste alimento convertíao nun luxo reservado a poucos. A primeira noticia que se ten do uso deste "biscoito de améndoa" procede de 1577 durante unha visita de Pedro de Porto á Universidade de Santiago. As primeiras receitas fiables proceden de apuntamentos de Luís Bartolomeu que datan de 1838 baixo o epígrafe de "Torta de Améndoa".

A orixe da Cruz de Santiago representada na súa superficie data de 1924. Nesta época, comezase a adornar as tortas de améndoa coa que sería a súa silueta característica, alcanzando gran éxito en Galicia e no resto de España.

23 de maio de 2021

CASTAÑAS NAICIÑA

 Redacción e audio: Uxía Pérez, 1º ESO.

A empresa galega “Naiciña”, ubicada na localidade lucense de Chantada,  xurdiu coma un pequeno negocio familiar adicado á comercialización de produtos agrícolas e que  desde o ano 1985 se especializou na manipulación e distribución da castaña.

Realizan os seus produtos con castañas que proveñen directamente dos soutos galegos e son coidadosamente seleccionadas para garantir a súa calidade e as súas características naturais. Empregan maquinaria de última tecnoloxía pero sempre respectando as fórmulas, métodos e calidade tradicionais, sen introducir colorantes, nin conservantes artificiais nos seus produtos. A empresa comercializa desde castañas secas  ata purés, cremas ou fariña deste produto.Nestes anos, “Castañas Naiciña, prosperou ata situarse nos primeiros postos do mercado internacional do sector e na actualidade está presente en toda Europa, EE.UU, Latinoamérica , Xapón e Oriente Medio.


COÑECES A TORTILLA DE BOGÓNS, PIÓNS E PIARDAS?

 Redacción e audio: Diana Calvo, 1º ESO.


Este é un prato tradicional galego, propio da nosa cultura mariñeira e que está case desaparecido. O bogón é un peixe miúdo que aparece entre a xouba e recibe tamén o nome de piarda, corcón ou pión.
Segundo di a xente maior, era moi tradicional no sur da Costa da Morte e mesmo na Ría de Vigo e na Ría de Pontevedra.

17 de maio de 2021

ILUSTRANDO OS POEMAS DE XELA ARIAS

Alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º BAC do IES Taboada Chivite fan unha homenaxe no Día das Letras Galegas convertendo algúns dos seus versos en imaxes. Parabéns polo voso traballo, pola vosa grande creatividade!!!!
 

COPLAS EN DEFENSA DA LIMPEZA E COIDADO DO MONTE


O alumnado de 1º ESO B promove coas súas coplas o coidado e a limpeza do monte Manteñámolo libre de lixo!!!

Somos os nenos do Chivite

e vimos cantar os Maios

xa é o tempo, son os Maios

e deste xeito comezamos

 

Nos montes de Verín

hai moito lixo no chan

e se os montes queremos coidar

o lixo non debemos tirar.

 

Se no monte ves un toxo

estás no alto do Foxo

e se tiras unha máscara ao chan

has de recollela por porcallán.

 

O noso monte aposto

temos que coidar

e para velo fermosos sempre

non o debemos estragar

 

Nos arredores de Verín

un monte tes que ver sen fin

o monte tes que coidar

sen máscaras debe quedar

 

Vexo as árbores moverse

nos montes da Galiza

vexo as flores belas

que son as súas acuarelas

 

Desexamos no Chivite

coidar o noso bosque

rimamos polo monte

que é a nosa fronte 

O POLBO Á GALEGA

 Redacción e audio: Nuria Barreira, 1º ESO.


Cando falamos de Polbo á Galega estamos a falar de Galicia, a nosa comunidade autónoma.

O polbo a  feira é chamado desta forma pola súa orixe nas feiras dos maragatos que volvían das terras galegas con polbo seco. Este era un dos produtos mariños que viaxaban cara á meseta, que se lle votaba aceite de oliva e  sazonaba co seu pemento para conservar o alimento durante a viaxe.

Pouco tardou en chegar ás feiras de Galicia este modo de preparar o polbo. Con máis de cento cincuenta anos de tradición culinaria ás súas costas. Para acompañalo engadíase unha pataca fervida. É nese último detalle onde reside a diferenza entre o polbo á galega e o polbo a  feira.

Así que, cando degustas un bo prato de Polbo á galega estás a saborear anos de tradición culinaria que se transmite de xeración en xeración.


PURES E CREMAS GALIFRESH

 Redacción e audio: Uxía Pérez Díaz, 1º ESO A.


Galifresh é unha empresa viguesa especializada en purés de froitas e cremas de verduras que acadou o selo de Galicia Calidade,  co cal certifica tanto a orixe galega dos seus produtos coma da excelente materia prima coa que están elaborados.

A empresa ten como obxectivo satisfacer as necesidades dos distintos mercados dunha maneira san e equilibrada, facendo uso de ingredientes 100% naturais procedentes das mellores hortas, sen aditivos, conservantes nin colorantes e sen azucres engadidos, garantindo sempre a máxima calidade e seguridade alimentaria.

Os purés están elaborados con froita de alta calidade, seleccionada no seu punto óptimo de madurez e que é transformada mediante un proceso innovador que mantén intacto todo o seu sabor e textura. As cremas e sopas de verduras son feitas, así mesmo, cos mellores vexetais e cun toque de aceite extra virxe, posuindo ademais un baixo contido en sal e graxas saturadas.

A empresa ten outro valor engadido, xa que está comprometida socialmente e  fomenta a integración e inserción laboral de determinados colectivos  contando con máis do 80% do seu persoal con capacidades especiais, altamente formado.


13 de maio de 2021

"PODCAST" DE HOMENAXE A XELA ARIAS

Neste vídeo aparecen tres podcast, cos que o equipo da biblioteca, Radio Chivite e o Departamento de Música, quixeron homenaxear a Xela Arias. 
O primeiro foi realizado por alumnado do 1ºciclo da ESO: "Un encontro no pasado". No segundo, participou alumnado do 2ºciclo da ESO: "Salmo RAPonsorial". O terceiro, feito por alumnado de bacharelato: "Xela tradutora. As Bruxas de Roald Dahl". 
Parabéns polo traballo realizado!
Este vídeo será proxectado mañá na pantalla da entrada do instituto

9 de maio de 2021

COMO CAMBIAN DE COR OS CAMALEÓNS?

 Redacción e audio: Diana Calvo Gallego, 1º ESO.


Os camaleóns cambian de cor grazas a unha batería de pigmentos que conteñen nunhas células especiais chamadas cromatóforos. Están situadas na parte externa da pel dos camaleóns distribuídas en tres capas.

A parte superior contén os pigmentos vermellos e amarelos. A capa intermedia aloxa os pigmentos de cor branca e azul. E a capa máis profunda contén os pigmentos escuros.

Os cromatóforos distribúen os pigmentos no seu interior, de tal maneira que se vexan máis ou menos segundo o estado de ánimo do animal.


IOGURES KALEKOI

 Redacción e audio: Uxía Pérez Díaz, 1º ESO A


Kalekoi é un obradoiro de iogur artesanal ubicado en Bergazos, no concello de Lalín (Pontevedra) e que só emprega leite recollida diariamente, na súa propia gandaría familiar. O seu nome ven dun topónimo de Galicia co que se coñecía ao Noroeste da Península Ibérica na época dos celtas. e levan con orgullo o compromiso coa terra e o valor do noso.

 Grazas ao benestar e a alimentación do seu gando conséguese un leite con proteína A2, que resulta mellor para a dixestión e máis beneficioso para a saúde e co que ademáis, se elaboran uns produtos de sabor auténtico e natural.

Os iogures Kalekoi elabóranse a partir dunha receita herdada dos seus avós , e que levan só o que debería levar un iogur natural: leite sen desnatar pasteurizado e fermentos lácticos. Sen engadidos de nata nen leite en po e despois dunha coidada fermentación , conseguen un iogur cremoso no padal e de sabor moi suave.

Para adaptarse á demanda, ademáis da gama clásica de iogures, elaboran outros máis innovadores , cos que pretenden sorprender aos consumidores e que van dende os iogures con froita de tempada, procedente de produtores galegos ata outros con sabores  tan singulares coma o de xelea de gin tónic, o de champaña ou o de cocido de Lalín.


7 de maio de 2021

COPLAS DOS MAIOS 2021 CANTADAS POLO ALUMNADO DE 3º ESO

O alumnado de 3º ESO compuxo e cantou as "Coplas dos Maios", que aparecen neste vídeo. Foi unha actividade colaborativa entre o Departamento de Música e o Departamento de Lingua Galega.
Con estas coplas, como xa comentamos nunha entrada anterior deste blog, colaboramos co Concello de Verín, xunto a outros nove colectivos, en recadar fondos para o programa de atención as necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do C.D.R. Portas Abertas.

3 de maio de 2021

AS PEDRAS NAVEGANTES

 Redacción e audio: Nuria Barreira, 1º ESO A.


As pedras navegantes, tamén coñecidas como pedras móbiles, son un fenómeno xeolóxico polo cal as rochas se moven, sen intervención humana ou animal, e deixan longas trazas.

A razón máis lóxica que encontran os expertos é que son movidas polo campo magnético que posúe a Terra, pero non está cen por cen confirmado.

Observáronse e estudáronse este tipo de pegadas en varios sitios, desde o suroeste norteamericano, onde son máis numerosas, ata o Sahara.

As pedras móvense só cada dous ou tres anos e a maioría das súas pegadas consérvanse durante tres ou catro anos.

As pedras que empezan o seu traxecto xunto a outras, poden viaxar en paralelo ata que algunhas delas desvíase segundo calquera dirección ou retrocedendo.

1 de maio de 2021

ENTREVISTA DE ANA GAGO A SÚA AVOA SOBRE A EVOLUCIÓN DO TELÉFONO

Ana Gago, unha alumna de 1º ESO do IES Xesús Taboada Chivite de Verín entrevista a súa avoa para preguntarlle pola evolución do teléfono, dentro do programa 21 Días co Galego e + da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

ACEITE EMBRUXO

 Redacción e audio: Uxía Díaz Pérez


Embruxo é unha empresa galega, que nace en Pontevedra, co obxectivo de recuperar a tradición oliveira de Galicia, crear valor e riqueza nos nosos campos e atopar alternativas ao mundo rural.

Con este fin, elaboran un aceite fresco e natural, de extracción en frío e sen filtrar, que a diferenza doutros aceites do mercado non se mestura con auga, polo que permanecen inalterables tódalas súas cualidades nutricionais, ao mesmo tempo que conserva  todo o sabor e aroma.

En Aceites Embruxo implícanse en todo o proceso de produción, razón pola que teñen en marcha, diferentes proxectos de plantación de oliveiras en distintas zonas de Galicia, tentando diversificar o aproveitamento forestal e xerar emprego e actividade económica no sector primario.

O seu sabor lémbranos a herba, a froita fresca cun toque de améndoa que o fai único e que non ten acidez nin amargura.

O aceite Embruxo é o zume máis auténtico que se pode atopar e co maior número de polifenoles e vitamina E. Un produto que seduce, inspira e enmeiga a todos aqueles que o proban.