28 de out. de 2017

NON É SERIO ESTE CEMITERIO





"E os mortos aquí pasámolo moi beeen..."
Por Samaín uns cantos defuntos saíron das súas tumbas e viñeron bailar....ó patio do Chivite!!!!!!
Premede no enlace para ver un cemiterio pouco serio:

https://vimeo.com/239873355


Os mortos son: Alfonso Seoane, Toni Porto, Ana Salgado, Elia Dopeso, Aarón Vaamonte, Noelia Morais e Alicia Paz.
Maquillaxe: Iria Vieito e Esther Santiago.
Gravación: Daniel García e Esther Santiago
Coreografía: Iria Otero.
Voces: Alumnos de Música de 4º ESO.
Piano: David Rodríguez.
Tradución ao galego: Isabel Cota.

25 de out. de 2017

O CONXURO DAS MEIGAS DO CHIVITE

Xa está preto o Samaín... e algo anda a se axitar no ar... Serán as meigas a cabalo das súas vasoiras creando brisas noxentas? Serán os espíritos dos amigos que están fóra? 

Non vos perdades o vídeo CONXURO, creado por tres alumnas de 2º BAC: Sara Guerra, Xiana González e Saioa Zozaya, xunto co profesor, Daniel García Cancio, para celebrar esta importante festa de fin do verán, que dito sexa de paso, case non da rematado!!!


Para visualizar o vídeo premede AQUÍ

E sobre todo... non vos esquezades de celebrar o Samaín como se merece!!!



23 de out. de 2017

CONCURSO DE COREOGRAFÍAS DE THRILLER EN GALEGO

ATENCIÓN alumnado do IES Taboada Chivite!!!!! 
A vindeira semana é SAMAÍN e para celebralo faremos un concurso de coreografías....A ver quen fai a mellor versión de THRILLER, de Michael Jackson!!!!
Tedes que facer e gravar en vídeo unha coreo de dous minutos de duración empregando o audio do vídeo que acompaña este texto, que é unha tradución ó galego, dun fragmento da canción de Michael Jackson, realizada pola profesora Isabel Cota.



Os vídeos enviaranse a:  ofiadeirodalingua@gmail.com. 
A data límite de envío é o venres 10 de novembro.

Á hora de escoller o gañador, terase en conta:
A calidade da coreografía
A sincronización
A caracterización
A montaxe do vídeo

19 de out. de 2017

MANIFESTO DO ALUMNADO DO CHIVITE EN REXEITAMENTO DOS INCENDIOS FORESTAIS

Hoxe 19 de outubro ás 11:20 da mañá, numerosos alumnos de todos os cursos concentrámonos na entrada do IES Xesús Taboada Chivite. Ademais dun minuto de silencio en nome das vítimas, quixemos facerlles unha homenaxe, mediante a palabra.
Cun motivo, unha razón. Un manifesto, por unha causa:
O total rexeitamento aos incendios forestais.

Aquí está, a continuación o discurso lido:
 MANIFESTO EN REXEITAMENTO DOS INCENDIOS FORESTAIS
Nas últimas semanas, como todos sabemos, as nosas vidas estiveron en xogo.
 Non somos quen de asimilar, o prezo que moitas familias están a pagar agora mesmo, nestre intre, e posiblemente mentres pronuncio estas palabras, un pai, unha nai, un avo… ou unha nena, están chorando de rabia e impotencia porque nada queda… daquelo que chamaban fogar.
 E se fosemos nós? E se estivesemos na súa pel? Onde está agora a Galiza verde que tanto nos enche o corazón?
216 incendios rexistrados, catro vítimas mortais xunto cunha trintena no país veciño, Portugal, que por suposto está terriblemente afectado. Isto non é un problema de España e para España, isto é un suceso enfermizo que se está a espallar á velocidade da luz, e moitos ignoramos as consecuencias que poden conlevar, e o que é peor, AS CAUSAS. Causas que por moito que nos enfade admitilo, residen na errónea política actual.
DEBEMOS POR EN MANIFESTO OS NOSOS DEREITOS, EN ESENCIAL, O NOSO MAIOR DEREITO, A VIDA.
Este dereito estase vendo quebrado, non só polos coñecidos ‘’incendiarios’’ senón por unha serie de intereses moi claros no ámbito estatal, que poden desatar sucesos como os ocorridos nas últimas horas.
SE O POBO FALA, debe ser escoitado. SE O POBO PIDE AXUDA, debe ser axudado. Non témo-los medios suficientes para combatir estas adversidades, e ao igual que nós temos dereitos, os gobernantes teñen DEBERES, deberes que á súa vez deberían ser inamovibles. A nosa terra, está sendo asasinada, e non queremos ver onde reside realmente o problema. Só unidos podemos cambialo.  Informádevos. Cómpre facelo.

Esther Santiago Casares 2º Bach B

A DERRADEIRA REPRESENTACIÓN DO MUSICAL GREASE






Verín tivo o pasado venres trece unha cita ca música, o teatro e o baile. Grease, o musical que representamos este ano con ilusión alumnos e profesores do IES Xesús Taboada Chivite, despediuse dos escenarios nunha emotiva derradeira actuación que non deixou indiferente a ninguén.
Despois de meses e meses de ensaios, vimos reflectido o resultado final no escenario do auditorio de Verín ca tristeza característica que embaza todos os finais. Os aplausos da xente foron unha das moitas mostras de que todo o noso traballo mereceu a pena, de que a suor estaba recompensada e de que ningún de nós ía esquecer endexamais aquel momento.
Esa noite pechamos unha porta nos nosos corazóns, porque Grease foi moito máis que un musical ou un traballo extraescolar. Grease foi facer amigos, compartir experiencias, rir con xente que non coñecías, bailar con amigos e inimigos, viaxar no tempo ata os anos 50 e meterte na pel dalgúns dos protagonistas ata sentir que non somos tan diferentes.
Grease foi un antes e un despois. Para algúns o primeiro e para outros o último, pero para todos unha pegada que vai quedar sempre no noso interior e proba diso foron as bágoas que se derramaron ao saber que era un adeus a Danny e Sandy.
Foi un adeus, si, pero foi un adeus espectacular. Bailamos ata que nos doeron os pés, cantamos ata quedar sen voz e actuamos ata mesturarnos cos nosos personaxes. Fixémolo o mellor posible, porque queriamos que todos aqueles que puxeron un pouco de si mesmos neste musical estivesen tan orgullosos coma nós de ser parte desta marabilla.

                                                                                                                               Sara Guerra Sandoval

18 de out. de 2017

"GALIZA EN CHAMAS": ARTIGO DE ALBERTE BLANCO

Queremos compartir o  interesante artigo "Galiza en chamas", publicado polo noso compañeiro Alberte Blanco (profesor de Tecnoloxía no IES Taboada Chivite) en:


Para lelo preme na seguinte LIGAZÓN

17 de out. de 2017

POEMA IMAXINISTA 4º ESO B "QUEIMAN GALICIA!"

A raíz dos tráxicos incendios acontecidos na Galiza, o alumnado de 4º ESO B quixemos reflectir o deplorable estado no que queda a paisaxe unha vez queimada. Foi por ese motivo que, a grande grupo, creamos un poema imaxinista, aproveitando tamén que estabamos abordando a vangarda imaxinista nestas datas.


Queiman Galicia!

As flores non rin,
a terra está triste
o vento non fala,
as follas non bailan
as nubes choran
o sol está de loito
e as pedras vístense de negro.