7 de out. de 2014

REPRESENTACIÓN DE "EDIPO REI"

Un magnífico grupo de alumnos de 2º de Bacharelato do IES Ribeira do Louro (O Porriño), capitaneados por Delio, Virginia e Patricia, deixounos onte marabillados coa súa fermosa versión de "Edipo, rei", de Sófocles.
Algúns dos nosos alumnos puideron gozar co seu talento, dedicación e CORAXE.
Talento, o que precisaron para memorizar un texto tan difícil, tan fermoso e tan esixente como o que adaptaron, traduciron e interpretaron en galego. Talento, o que amosaron ó dar vida a tantos personaxes, seres tráxicos con tanta profundidade e con tal carga emotiva que algúns dos nosos alumnos non terminaron de comprender a súa proposta. Talento, o que derrochou ese fabuloso coro grego, recitando ó unísono, sen mirarse, de memoria, as súas magníficas reflexións.
Dedicación, a que nos demostraron ó ter coidado ata o mínimo detalle: o altar, as ramiñas do coro, as túnicas, esas preciosas máscaras que traballaron con Víctor (profe de plástica e amigo, un grande docente). Dedicación, a que é necesaria para vir dende O Porriño ata Verín para representar un clásico como este ante un público descoñecido a 150 km da túa casa. Dedicación, a que se precisa para compartir nervios, agobios, présas, horas e horas de ensaios, viaxes cos teus compañeiros de teatro.
Pero sobre todo CORAXE, e permitídeme que use as maiúsculas. Nunha época na que se trocea os alumnos con decimais, táboas de baremación, cualificacións ponderadas, táboas de excel que pretenden poñer parcelas ó océano, nunha época asquerosamente mecanizada, onde só vales o que indica a túa nota de corte e os ingresos dos teus pais, onde se enmudece os que queren facer algo diferente, pero non só polo feito de facer algo distinto SENÓN PORQUE ISO É O QUE REALMENTE DI ALGO DELES MESMOS... nun momento histórico (permitídeme que corrixa: histérico) como este, estamos diante de auténticos HEROES e HEROÍNAS das artes cando vemos alumnos de 2º de Bacharelato apuntándose a algo polo que non se lles vai agasallar con ningunha décima, polo que perderán tempo de estudo para aquelo co que realmente se lles retribuirá ……
GRAZAS, moitas moitas GRAZAS, por dedicarnos o voso tempo, por compartir a vosa paixón connosco, por ser tan xenerosos, por manter vivo o espírito da traxedia clásica, por respectar tanto o texto orixinal, por involucrarvos tantísimo, por ter arriscado esas décimas e ser libres. Grazas, grupo de teatro do IES Ribeira do Louro.
Sodes moi grandes.
David Rodríguez Rivada








Ningún comentario:

Publicar un comentario