19 de nov. de 2017

INTERESANTE ENTREVISTA A CRISTINA ASENJO (SONORO MAXÍN)

David Rodríguez Rivada, profesor de música do noso centro, fíxolle unha entrevista moi interesante a Cristina Asenjo, unha das Músicas galegas ilustradas por Laura Romero.

Boas tardes, Cristina, ante todo moitas grazas por acceder a facer esta entrevista. Este curso o Equipo de Dinamización da Língua Galega do noso IES (IES Xesús Taboada Chivite) adicou uns paneis (que estiveron expostos no noso Salón de actos dúas semanas) ás Músicas galegas ilustradas (proxecto de Laura Romero), e seleccionamos unha para cada avaliación. Contigo comezamos este periplo musical: 

Moitísimas grazas ao Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, ao alumnado e a David por esta entrevista. A verdade é que non estou acostumada a falar de min na música cunha perspectiva de xénero e faime moita ilusión. Quero agradecer que sigades o traballo de Laura Romero, que tivo a boa iniciativa de ilustrar as súas compañeiras. 

P. Cal é a túa traxectoria musical? En que grupos e que instrumentos tocaches?

R. O contacto coa música foi algo natural dende a miña nenez. Nacín nunha familia de músicos. Meu pai, tíos, tíos-avós, primos...son músicos.. Na miña familia, nas xuntanzas, tocamos e cantamos. Parte da miña familia traballou no circo como músicos, en orquestras, en bandas de música moderna. 
Eu comecei bailando música popular galega moi pequeniña. Na miña primeira actuación tiña 4 anos. Bailei no ballet folclórico Ourensano, en Asuada, na época do instituto onde recolliamos folclore e descubrín os traballos de campo, o contacto coas verdadeiras cantadoras e bailadoras.  Fun profesora de pandeireta e canto na Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense e dirixín o grupo Lembranzas-Solpor. 

Acordeonista de Lamatumbá, e teclista en grupos como Tristetto, Agent V, Ondas Martenot, Cañita Brava ( ;) ),
actualmente toco o acordeón no Puto Coro do Exército Froilanista, en O Sonoro Maxín e o Trío Motobomba. Canto e toco a pandeireta coas Daminificadas. Un non parar !

P. Cal é a canción á que máis agarimo lle tes do teu anterior grupo e por que?

R. Licor Café de Lamatumbá. Pola coralidade da canción, os cantos e bailes da xente, a euforia e rebumbio que provocaba. Sempre era moi ben acollida. Gústame moito escoitárllela ás charangas e ás orquestras. É unha canción ben bonita.


P. Cres que o feito de ser muller inflúe dalgún xeito (positiva ou negativamente) á hora de facer música? Dito doutro xeito: detectaches machismo no mundo da música?

R. Mulleres e homes temos as mesmas capacidades para facer, aprender ou escoitar música. No home e na muller funcionan do mesmo xeito o órgano auditivo, os músculos, temos o mesmo número de dedos, funciona igual o órgano fonador (aínda que produzamos sons de distintas alturas)… non hai ningunha diferenza biolóxica que inflúa para participar da música.

Hai unha historia moi dura na relación que as mulleres poidemos ter coa música na historia da humanidade. 
O patriarcado sempre impediu e enrevesou a través de leis, concilios, dogmas, normas, costumes que a muller gozara ou fixera música dun xeito libre. Proibiron, coaccionaron, impediron e minguaron as posibilidades musicais das mulleres. En tódolas modalidades: escoitar, interpretar música, estudar ou ensinar música, cantar, bailar, compoñer. 


No mundo existe o machismo e no mundo da música tamén. Pero falar do mundo da música é moi amplo.  Dentro da música cada unha vive en diferentes micromundos musicais... 

No meu mundo, que maioritariamente é o mundo dos festivais en Galiza e das salas de concertos, non hai grandes diferenzas de trato entre unha muller música e un home músico. Atopas alguén machista no mundo da música coma no mundo da compra, do ocio ou no traballo. 

No meu grupo eu son a única muller. Sempre me sentín tratada como unha persoa sen que me distinguiran polo meu sexo. Meus compañeiros son defensores dos dereitos das mulleres non só na música, tamén nas súas vidas, o que sempre posibilitou unha situación de igualdade no grupo e facilidade de trato. 

Actualmente as mulleres comezamos a participar e estamos presentes na música en case tódolos ámbitos, xéneros e estilos musicais. 

O incremento de mulleres estudantes de todo tipo de instrumentos é abraiante. Agrupacións só de mulleres, mulleres instrumentistas en grupos masculinos (non só como cantantes…), orquestras de mulleres, mulleres compositoras, etc..

Porén, hai eidos ós que resulta aínda difícil chegar, postos superiores como produtoras, directoras, críticas musicais, organizadoras de festivais...


P. Cales son as motivacións que che levaron a formar parte de O sonoro maxín?

R. Seguir tocando as cancións de Ico ( cantante e compositor) cos meus compañeiros. A comodidade e familiaridade do grupo. 

P. Tes algunha anécdota especialmente graciosa ou divertida que nos poidas contar?

R. Moitísimas… Estabamos en pleno concerto nunha sala moi mítica de Alemaña, onde todas e todos bailaban un montón pero con movementos descoordinados, arrítmicos convulsivos, ninguén ía con ninguén, era grimosamente verdade... cando de repente, din algo en alemán e aparece un home espasmódico dicindo que  paremos de tocar. 

Mentres nos mandaban parar a  sala quedou desaloxada e sen un alma en 10 segundos. 
Paramos de tocar e diríxennos ao camerino, onde nos contan que o chan da sala furara. Abrira o chan cun burato enorme. 
Recollimos os bártulos con máximo coidado e desaloxamos entre policía e demais prevención. 

Quedamos moi chafadas, pois estaba a ser un concerto moi chulo e non o puidemos rematar, pero está claro que esa forma de bailar tiña que provocar algún mal... Hahaha

P. Que é o mellor de actuar en público para ti?

R. Compartir con xente momentos de troula cantando e bailando.  O Sonoro Maxín ten o mellor público que pode ter un grupo. Sempre veñen dispostas a pasalo ben, a bailar. Non teñen prexuízos, son capaces de facer momentos especiais e inolvidabeis para nós.  Gosto moito de interactuar co público que realmente non son público, son a extensión do escenario. Estamos todas e todos ao mesmo pero unhas tocamos e outras non. 


P. Que che parece o máis duro?

R. Ser música é unha actividade itinerante. Sempre hai que desprazarse para tocar. Quizais duros son o desprazamentos e o tempo que transcorre entre que fas a proba de son e tocas no concerto.  Nós tocamos en festivais e na maioría das veces pechamos os festivais ou imos nos postos finais.  As probas de son fanse ao revés que tocan os grupos, é dicir, os últimos proban de primeiros, os penúltimos proban de segundo… e claro, pasa moito tempo. 



P. Cales son as 2 cancións que máis che gustan do teu grupo actual?

R. Son fan de Ico e sempre me sentín afortunada de participar  nas súas cancións. Gústanme todas pero posta a escoller, gústame tocar Máquina a vapor e Así se constrúe unha bomba, e en directo un Mix que facemos de cumbias enganchadas. 


P. Cres que a mocidade galega coñece e consume a música que os grupos como o teu interpretades?

R. Non. A maioría pode coñecer pero non consumir. Eu son profesora de música nun IES e podo dicir que  non chegan a un 10% as ou os que consumen esta música. 


P. Que medidas consideras que se poderían adoptar para ampliar a recepción da vosa música?

R. Medidas que leven á normalización da nosa lingua e da nosa música.  Medidas que lle deran presenza nos currículums de música en calquera nivel educativo, a presenza en medios de comunicación, na radio galega, na Tvg, nos xornais… Non hai estilo musical que non se axeite á nosa lingua. A lírica da nosa lingua está máis que demostrada xa en moitos estilos como o  potente hip-hop galego. 


P. Por que en galego?

R. É a nosa lingua. O sonoro Maxín está moi definido polas súas declaracións de amor a Ourense. Non temos lingua mellor que a nosa.

P. Por que o acordeón?

R. O acordeón é desas cousas que pasan na vida así insospeitadamente. Eu era fan de Lamatumbá. Buscaban un acordeonista e anoteime eu. Nunca na vida o tocara, mais o seu son non era descoñecido para min, pois meu pai é acordeonista. Presenteime a un ensaio e alí quedei. O primeiro día toquei unha nota, o segundo dúas….e así é que toco o acordeón ata agora. Boteille bemoles e saiu a cousa xenial! Idade 27 anos. Para que vos animedes e saibades que nunca é tarde


P. Ademais de instrumentista es profesora de Música en ensinanzas medias. Como describirías a actual situación da túa materia no sistema educativo?

R. Teño unha sensación de fracaso e debilidade da música como materia no sistema educativo. A redución de horas, o absurdo do currículum, a escasa adaptación da educación musical aos medios tecnolóxicos, as diferentes necesidades do alumnado… 

P. Cales son para ti as principais dificultades coas que se atopa hoxe en día alguén que queira adicarse á música?

R. Depende no ámbito que queira exercer terá unhas dificultades ou outras, e de distintas envergaduras. Acho que non é mesmo se queres ser directora de orquestra, profesora de música en ensino medio ou compoñente dun grupo funki.


P. Que lugar cres que ten a música galega no panorama actual? (Non nos referimos á música popular tradicional senón á música popular urbana)

R. Está medrando polo pulo de músicas e músicos que tocan cada vez máis e mellor. A música galega conta con case tódolos xéneros musicais: hai blues, rock and roll, cumbias, hip-hop, swing, punk… O que non hai son espazos para que actuar. Son escasos os medios de comunicación que divulguen os traballos e  dean a coñecer grupos. E a medida que vas subindo escadas  o panorama é desolador. Non existe unha industria musical galega nin recoñecemento oficial e político da cultura musical.


P. Cales son os vosos próximos concertos, proxectos etc?

R.  Os próximos concertos serán en Ourense na Gala do Cancro da Asociación de Cancro. O día 29 de Decembro na sala El Pueblo e  o día 30 de decembro no Auriense. No inverno aproveitamos para ensaiar e variar os concertos. Comezaremos en Febreiro tocando no entroido en Xinzo e iniciaremos unha xira polas salas de Galiza. 


Moitísimas grazas pola túa amabilidade e pola vosa laboura no eido da música. Deica logo.

Moitas grazas a vós. Apertas para todos. Viva Verín!

Ningún comentario:

Publicar un comentario