30 de abr. de 2019

PARA A NOSA COMPAÑEIRA CARMEN RIVERO

Querida Carmen, o sendeiro de baldosas amarelas polo que levas camiñando tanto tempo, agora desvíase e toma unha nova dirección na súa viaxe cara Oz, ese reino onde quen non o ten pode atopar o corazón ou o valor. Como corazón e valentía tes a mans cheas, o que ti atoparás será descanso, paz, tempo para a poesía...
Botaremos moito de menos a ese excepcional ser que ti es, a esa grande amante do galego que tanto traballou por el no noso instituto, como coordinadora do EDLG primeiro, e despois como colaboradora desa mesma equipa, cousa que fixeches ata o mesmo día de hoxe, no que te xubilas. Botarémoste moito de menos, a túa compañía, o teu esforzo,os teus versos:

Querida ROSALíA

(“ Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.” )
Rosalía de Castro.
Cantares Gallegos-1852

Querida Rosalía :
Onte vin nos ollos puros dunha nena,
un tempo novo;
ao escoitar dos seus beizos
este falar meloso
e puiden albiscar un futuro
preñado de esperanza,
que sen ti,
quizais ficaría baleiro.

¿Como esquecer os teus versos?
Ese amor a Galicia
que zumegan as túas letras,
asolagando os ollos
e encollendo as entrañas.
dos que amamos esta terra.

¿Como non agradecerche
que rescataras o noso idioma
para que brille con luz propia?
Cando todo estaba escurecido
teimaches e teimaches en escribir
na lingua máis fermosa;
Ceibando camiños atuídos polas silvas
que afogaban no esquecemento,
a supervivencia nosa.

¿Como non loarte , muller galega
que viviches as penurias desta xente?
se fuches quen de ser muller,
cando daquela era unha eiva,
e aínda así facer poemas
escribindo na lingua da pobreza.

¿Como non lembrar a túa andaina?
Se fixeches que mulleres coma ti ,
prenderan o facho que deixaches
honrando o sexo feminino,
que nin é segundo nin é débil;
e seguen a colocar pedras
construíndo día a día
este país senlleiro .

¿Como non bendicir o teu nome
desexando que sigas a facer o que ben sabes?
Dende o infindo lugar onde te atopes,
non deixes que a túa pluma se volva preguiceira
e segue , segue, querida musa,
escribindo palabras fermosas
nesta lingua meiga.

Carmen Rivero Gallego .
Do Poemario “Berce de peliqueiros”

Ningún comentario:

Publicar un comentario