27 de maio de 2019

GRADUACIÓN 2º BACHARELATO 2019

O pasado venres foi o acto de graduación do noso alumnado de 2 Bacharelato. Desexámoslles moitísima sorte!!!
A continuación podedes ler dous textos escritos por alumnas de 2 Bacharelato. O primeiro, por Arancha Merodio, Marta Caneiro e Lucía Álvarez, que cursaron no Taboada Chivite 1 e 2 Bacharelato:

Hai dous anos, moitos sentimentos cruzaban a nosa mente. Entrar no instituto significaba saír de todo o coñecido, o que, por algunha razón, provocaba en nós unha emoción incontrolable. Quizais o medo aos novos horizontes, quizais o desacougo.

Os comezos nunca son sinxelos. Pasou moito tempo ata que os novos deixamos de perdernos polos corredores descoñecidos do Taboada Chivite, pero ó final non resultou tan diferente. Unha clase, uns adolescentes inquedos e impacientes ocupando a cadeira dun pupitre e un profesor que loitaba contra ese cúmulo de emocións.

Pero é que a aprendizaxe vai máis alá de tirarnos dos pelos por todos os temas de historia que nos temos que aprender. Máis alá de entender que o “logo” de Descartes equivale a “polo tanto” e non a “despois”, formando unha oración subordinada adverbial de consecuencia. Máis alá dos imposibles exames de física e dos interminables temas de bioloxía. Vai máis alá de Cunqueiro, de Fole, de Blanco Amor e de Neira Vilas; dos balances de situación de economía que nos perseguiron durante todo o curso. Bacharelato é máis da obra expresionista Munch e a mirada da Mona Lisa, os compases da Novena Sinfonía e a melodía das zarzuelas.

Día tras día, subir unhas escaleiras traía consigo convivir co estrés, compartir apuntes; levantarnos ás oito da mañá cada día, malia quedar estudando ata as catro nesas semanas infinitas de maio; deixar atrás os nervios antes de entrar a un exame as 16:30; e sobre todo, comprender que o esforzo sempre, sempre merece a pena. Aprendemos a formarnos, máis que academicamente, persoalmente, a definir a nosa insistencia, a non rendernos e a levantarnos despois de cada golpe e decepción.

Porque é verdade que o instituto é máis que clases. É unha mestura de axitacións, unha loita pola madurez, un cúmulo de coñecementos. As pizarras eran escritas, os bolígrafos gastados e os pupitres ocupados. E xunto con eles, profesores e profesoras transmitindo a paixón polo seu. Toda verba conseguía cruzar as catro paredes. Elas foron quen escoitaron o ensino de valores, de respecto, de educación.

E aínda que moitas veces cada tic-tac se nos fixo interminable… unímonos e creamos un grupo novo cada ano. Todo o que coñecemos hai dous anos son agora os nosos compañeiros, os nosos amigos, o noso respaldo en moitas situacións.

Co edificio, un lugar de ensino, deixamos atrás as risas que nos acompañaron durante anos, e incluso discusións sobre que data é a mellor para pór un exame. Pero, coma el, sempre quedarán os recordos e as amizades que fixemos ó longo da nosa segunda casa.

Chegados ó fin, podemos sentir admiración por nós mesmos, por conseguilo, desprendernos da agonía e seguir adiante, con moitos novos obxectivos e soños por cumprir. Grazas a todos e todas por facer que isto fose posible, grazas por crer en nós. Somos hoxe a imaxe dos vosos esforzos, do empeño e da dedicación.

O segundo, escrito por Teresa Castro, que cursou no Taboada Chivite toda a ESO e o Bacharelato:

É a primeira vez que me paro a pensar ata onde chegamos, todo o que pasamos dende ese 2012, cando uns ananos entramos pola porta do instituto. Era un cambio enorme vir do teu colexio a ese labirinto cheo de alumnos moito máis grandes que nós. E o máis sorprendente eran esos estraños da clase que non eran os compañeiros de toda a vida e todas esas caras novas de profesores que parecía imposible acordarse de todos os seus nomes.
Pasaron dous anos e xa nos perderamos mil veces por ese labirinto, eses estraños da clase convertéranse en compañeiros, colleramos cariño e confianza a eses profesores novos, e ben... algúns cantos partes tamén estiveron presentes. Foron unha chea de novas experiencias, como cando querías ir a plástica e recorrías as tres plantas, estar nas clases de Marisa onde ninguén facía o menor ruído, morrer nesa horrorosa proba de resistencia de ximnasia ou abrazar no recreo os teus amigos, dos que te separaran, coma se non os tiveras visto dende había anos.
Seguiron pasando máis anos e desas clases de terceiro e cuarto só podo recordar risas. Un pouco de música entre clase e clase, máis papeis no aire que nas libretas e un moi bo rollo entre todos nós. Dous anos nos que tivemos uns titores memorables como Lamas, Natalí e Dani de historia, que se gañaron a nosa simpatía en nada e cos que botamos moitísimas risas. Tamén hai que dicir que os nosos profesores tiveron que ter algo de paciencia, pero como xa nos dicían, sabían que no fondo eramos bos nenos e ao final collíannos cariño. Porén, ás veces iso non nos chegaba para ter suficientes profesores para as excursións, cando o único valente era o profe Dani de ximnasia.
O bacharelato chegou e con el algo de cambio, agora tiñamos máis responsabilidade, máis traballo e claro, se non escoitas mínimo 100 veces na primeira semana: “Téndesvos que pór as pilas xa” ou “Na selectividade...”, non é bacharelato. Menos mal que tiñamos a Ana Iria coidándonos e preocupándose por nós coma se fósemos os seus fillos, e a Isa soportando as nosas faltas polos exames e animándonos a dar o mellor de nós mesmos neste último tramo, ás veces eterno e ás veces fugaz.
En resumo, pasamos seis anos neste instituto, e é normal que teña un lugar importante nas nosas vidas. Neste sitio crecemos, aprendemos, maduramos e formamos a nosa identidade.
É curioso pensar nas veces que quixen que acabara xa e que agora me dá algo de mágoa pechar este ciclo. Lévome moi bos recordos que non serían posibles sen os meus compañeiros, os de toda vida e os que o parecen, e tampouco sen eses profesores que nos animaron a loitar polo que queremos e que riron con nós coma se fosen un máis.
Foi incrible, grazas

Ningún comentario:

Publicar un comentario