30 de set. de 2014

EDIPO REI O VINDEIRO LUNS NO NOSO IES


Os poemas do río é o título dunha obra "teatral poética" creada pola nosa compañeira Cristina Corral Soilán, profesora de Lingua castelá e literatura no noso centro hai un ano.
Dinos Cristina na páxina web Os poemas do río: (http://ospoemasdorio.com/aobra/)

“Esta pequena obriña teatral composta en verso fala dunha xornada na aula dunha mestra. A profesora le co alumnado poemas que van compoñendo ele@s mesm@s e que conforman a historia dunha fraga de animais que recitan tamén.
Na obra e nos poemas tod@s prestan especial atención á lectura de versos das poetas galegas (María Mariño, Rosalía de Castro, Francisca Herrera, Pura Vázquez e Filomena Dato) que acompañan a historia que tod@s eles van creando.”

Marita vai traballar esta obra, na que poesía e teatro se unen, co seu alumnado, e compartirémola tamén cos rapaces e rapazas que queiran acompañarnos nunha sesión do club de lectura (agardamos que Cristina poida estar connosco).


Edipo Rei é a obra teatral que o grupo de teatro do IES Ribeira do Louro de Porriño vai representar no noso instituto o vindeiro luns, seis de outubro, ás 16:40. Agradecemos a profesorado e alumnado dese centro a súa xenerosidade, pois eles, grandes amantes do teatro, veñen sen agardar de nós nada a cambio, incluso costeándose eles mesmos a viaxe dende Porriño.

Xenerosidade e amor polo teatro e a poesía unen Os poemas do río de Cristina e Edipo Rei do IES Ribeira do Louro. Nós uniremos con fíos vermellos e verdes os espazos físicos do noso centro onde ambas obras serán postas en escea, lidas, "gozadas"....

Os fíos verdes e vermellos engarzarán tamén outros proxectos que se desenvolvan ó longo do curso…





Ningún comentario:

Publicar un comentario