25 de feb. de 2016

VII OLIMPÍADA DE XEOLOXÍA


O mércores 17 de febreiro celebrouse a VII Olimpíada de Xeoloxía no campus de Ourense da Universidade de Vigo, concretamente na Facultade de Ciencias. Como o seu propio nome indica, trátase dunha competición que consta de dúas probas relacionadas coa xeoloxía: por un lado a práctica, que se realiza en grupos de 4 e consta dun mapa topográfico e a identificación dun mineral, unha rocha, un fósil e unha forma de relevo; e por outro a individual, que consiste nun exame tipo test de 40 preguntas. Pódense presentar alumnos de 4º de ESO e 1º de Bach. O gañador pasa á fase nacional en Jaca con todos os gastos pagados e, se resulta vitorioso nesta, terá a fortuna de Xapón a competir no ámbito internacional.

Os alumnos de 1º de Bach do Chivite participamos formando catro grupos, acompañados por o profesor de ciencias naturais Javier e a profesora de bioloxía Guiomar. Partimos de Verín as 8:50, chegamos á universidade e, tras tomar algo na cafetería, reunímonos todos os participantes nunha das aulas do edificio ás 11:20. Alí recibíronnos cun pequeno agasallo: unha bolsa de tea da Universidade de Vigo con varios folletos, unha carpeta e un bloc de notas no interior. Un membro do profesorado deunos unhas indicacións básicas para todo o día e xa estabamos listos para comezar.

Antes de entrar ao laboratorio onde tiña lugar a proba práctica tivemos uns minutos para observar unha interesante exposición de rochas, minerais e fósiles a modo de repaso. Unha vez dentro, comezamos a primeira proba, que podía ser o mapa topográfico ou a de identificación segundo o grupo, para que ninguén puidese copiar. Dispoñiamos de 30 minutos para cada unha. No noso caso comezamos co mapa topográfico, que non deu moitos problemas. Proseguimos coa proba de identificación, e esta resultou sernos algo máis complicada.

Tras rematar foinos concedida algo máis dunha hora para repoñer forzas. As 14:45 reunímonos de novo na aula e deu comezo a proba teórica dunha hora. 40 preguntas de distintos niveis que case todos rematamos moito antes do límite de tempo.

De novo un descanso. Algúns quedáronse por os arredores e outros aproveitaron para ir ao centro comercial (con molladura incluída). Tras o descanso e para aproveitar a ocasión, un dos profesores da facultade deu unha pequena conferencia dividida en dúas partes: a primeira con finalidade propagandística sobre a Universidade de Vigo e a segunda, máis didáctica, sobre o termalismo en Ourense. Foi interesante, sobre todo a parte na que se desmentiu o mito do volcán en Ourense, pero en certas ocasións superaba o que podíamos entender en base ao noso nivel de coñecementos.

Pasamos a entrega de premios. As personalidades máis importantes do lugar dixeron unhas palabras de agradecemento para abrir a cerimonia. Os gañadores subiron ao estrado e recibiron un diploma e varios agasallos. Había un premio para os tres primeiros postos na proba individual, outro honorífico para o mellor de 4º da ESO e un último para o grupo gañador da proba práctica. Ningún deles foi parar ás nosas mans, outra vez será.

Para culminar o día e gardar un recordo reunímonos todos os participantes e o profesorado no vestíbulo e inmortalizamos o momento en fotografías. Así rematou a Olimpíada e comezou o camiño de volta a casa. Volvemos coas mans baleiras, pero coa experiencia dun gran día na nosa memoria.

Alberto Rivero Manso

Ningún comentario:

Publicar un comentario