11 de maio de 2016

OPS! O PORTUGUÊS SIMPLES

O pasado luns, día 9 de maio, os alumnos e alumnas de cuarto da ESO tivemos a oportunidade de asistir durante dúas horas a unha charla sobre a nosa lingua veciña, o portugués.
Durante esta conferencia, aprendemos, a través de catro sinxelas unidades, diferentes países onde se fala esta lingua; as diferenzas que existen entre a nosa lingua materna e o portugués, tanto ortográficas como fonéticas; a evolución de ambas as dúas linguas ou a utilidade de saber falar galego no estranxeiro.
Desta charla podo salientar que, a parte da información que nos transmitiron sobre a lingua portuguesa, aprendemos diferentes aspectos sobre ela, que, polo menos eu, descoñecía, como a cantidade de países nos que se fala este idioma, ou a existencia de pequenos territorios dentro de grandes potencias onde valoran moito esta lingua. Tamén resaltar, que non solo nos falaron da lingua, se non tamén dos países, das súas cidades máis importantes, o número de falantes do idioma... Ademais de todo isto, explicáronnos o que significa saber galego para relacionarse con persoas doutros países e a gran vantaxe que temos sobre outras persoas neste sentido.


Para rematar, quero dar unha pequena opinión persoal sobre a charla e sobre o emprego do galego fora das nosas fronteiras.
Para min, a charla, tal como lle transmitín a outras persoas, foi moi enriquecedora a nivel cultural e paréceme que este tipo de conferencias son unha aposta moi acertada para todo tipo de persoas, ás que, simplemente, gústalles aprender cousas novas.
Por último, gustaríame dicirlle isto a esas persoas que menosprezan o galego e que o consideran inferior a outras linguas:
É certo que co castelán podemos falar con millóns e millóns de persoas, pero 600 millóns é unha cantidade insignificante en comparación cos sete mil millóns de persoas que convivimos neste planeta, así que, por que non aproveitamos que coa nosa lingua podemos comunicarnos cos case trescentos millóns de persoas que falan en portugués? As nosas linguas son irmás, empreguémolas para comunicarnos e, recordade que o que nos fai diferentes, é a nosa lingua.

Iria Vázquez Arcos 4º ESO A

Ningún comentario:

Publicar un comentario