2 de dec. de 2016

DESCUBRINDO AS ROCHAS QUE PISAS

O venres 25 de novembro, alumnos de 1º e 2º de Bacharelato participaron nunha actividade organizada polos departamentos de "Xeografía e Historia" e de "Bioloxía e Xeoloxía", a cargo do ponente Francisco Canosa. A actividade "Descubrindo as rochas que pisas",  incluiu unha breve e concisa charla sobre a xeoloxía xeral de Galicia, así como un obradoiro con rochas. 


RESUMO DA CHARLA:



O tema principal da charla era a xeoloxía e as rochas que compoñían a paisaxe galega.
Aínda sendo ese o tema principal a charla pódese considerar que estivo dividida en varias partes:

- INTRODUCIÓN: O maior problema que ten a xeoloxía son as unidades nas que é medida, é dicir os millóns de anos, xa que non sabemos cuantificar moi ben o tempo ao que se refire, polo que debemos por como exemplo un ano, situando os eventos xeolóxicos en meses e días concretos.


-ESTRUTURA E DINÁMICA TERRESTRE: O estudo da dinámica terrestre comezou cando Alfred Wegener estudou o posible movemento das placas tectónicas. Posteriormente comprobouse que tiña razón e coa axuda de estudos posteriores puidéronse diferenciar varios tipos de bordos de placas, xa que en cada un deses tipos producíanse diferentes movementos: Bordos diverxentes, converxentes e de fallas transformantes. O descubrimentos destes diferentes tipos de bordos permitiu establecer a teoría da Tectónica de Placas, onde se explicaba que o motivo polo que as placas cambian a súa posición son os movementos de convección que se producen no manto.  Posteriormente estableceuse o Ciclo de Wilson.

-XEOLOXÍA DE GALICIA: A creación das rochas que conforman a paisaxe galega producíronse en varias etapas, e nunha posición diferente á actual a maioría delas: Fase oroxénica no Paleozoico, fase de Arrasamento no Mesozoico, e fase de Reactivación no Cenozoico. A evolución máis destacable destas rochas produciuse nesta última etapa, onde tamén se produciron notables cambios no nivel do mar.
 Segundo a posición desas rochas distínguense 3 zonas: Zona Asturoccidental Leonesa, Zona Galega Trasosmontes e Zona Centro Ibérica.

-USOS DA XEOLOXÍA: A xeoloxía pódese aplicar en moitos aspectos da vida cotiá, como pode ser o seu uso para saber con antelación os posibles fenómenos e catástrofes naturais que poden suceder e protexer a poboación. Ademais moitas explotacións de petróleo e gas natural entre outros non poderían haberse feito sen axuda das sondaxes e mapas xeolóxicos.

OPINIÓN PERSOAL:
Foi unha charla interesante, aínda que algunhas partes puideron ser máis amenas e interesantes que outras. Na miña opinión a parte máis interesante foi na que falou das rochas que abundan en Galicia, xa que moitas veces ao estudar xeoloxía estudamos as rochas en xeral, e facelo das rochas que abundan na zona onde nos vivimos pode causar máis interese e curiosidade, e tamén cando ao rematar a charla fomos ao laboratorio a identificalas.

Sofía Vivián Álvarez 1BACH-A

Ningún comentario:

Publicar un comentario