11/11/2014

INMERSIÓN LINGÜÍSTICA DE INGLÉS EN LEKAROZ (NAVARRA)


O día 12 de outubro saímos de Verín un grupo de 25 alumnos e alumnas de 2º da E.S.O. e dúas profesoras (Maite e Nuria) con destino a Lekaroz (Navarra), grazas a unha subvención do Ministerio de Educación e Ciencia. Para a obtención da mesma as profesoras acompañantes tivemos que presentar un proxecto didáctico relacionado co tema “English around the world”.
O noso proxecto foi cualificado coa terceira mellor nota de Galicia co que finalmente fomos seleccionados para participar no proxecto de inmersión lingüística en inglés.
Os días que pasamos no Campamento de Inglés foron compartidos con outro grupo tamén de alumnos de 2º da E.S.O. que viñan de Lleida. A convivencia foi moi interesante por parte de alumnos e profesoras. O comportamento dos nosos rapaces foi altamente satisfactorio e a súa participación no desenvolvemento das actividades diarias exemplar.
As actividades foron coordinadas por sete profesores nativos que falaban constantemente en inglés ós nosos alumnos. O primeiro día observamos as dificultades dos nosos alumnos para comunicarse , pero ao longo da semana puidemos comprobar a mellora que se ía producindo, chegando incluso a dirixirse a nós en inglés como primeira lingua de comunicación.
O tempo foi espectacular, por contra do que sucedía en Verín (semana pasada por auga). As instalacións envexables, tanto no interior como no exterior. As actividades propostas polo equipo de traballo axeitadas ao nivel dos alumnos e o proxecto proposto polas profesoras acompañantes foi levado a cabo integramente.
A experiencia foi altamente satisfactoria para os alumnos e para nós, co que esperamos poder participar nun proxecto semellante nun futuro próximo.
MAITE GONZÁLEZ E NURIA TRIGUEROS

Ningún comentario:

Publicar un comentario