22 de xan. de 2020

CONFERENCIA SOBRE OS BOSQUES DE FRONDOSAS AUTÓCTONAS: CONSERVACIÓN E XESTIÓN SOSTIBLE


A continuación aparece a reseña sobre esta conferencia realizada por María Pérez Luis de 1º BAC B:

 O xoves 16 de xaneiro tivemos a oportunidade de escoitar a un enxeñeiro de montes do Campus de Lugo (USC) para aprender moito máis acerca dos nosos bosques.

   En primeiro lugar, amosounos unha imaxe dunha plantación de eucaliptos, especie frondosa foránea á que se lle adican máis de 300.000 ha en toda Galicia. Isto é debido á gran capacidade de adaptación a diversos terreos e á súa produtividade. Non obstante, a extensión de especies frondosas autóctonas (afortunadamente) é maior, con máis de 400.000 ha de 3 millóns e atópase en aumento debido á despoboación do rural. Algunhas das árbores que podemos atopar nestes últimos son: carballos, freixos, cerquiños, nogueiras, bidueiros, cerdeiras…


   En Galicia tamén se mostra vexetación perenne, (Pinus radiata, piñeiro de Oregón, Pinus pinaster…), mais, onde se presenta maior diversidade é nos caducifolios, por exemplo, A devesa da Rogueira contén unhas 21 formas arbóreas diferentes.

   Tamén se resaltou a importancia da sostibilidade, concepto que se puxo en marcha polas mans das institucións no 1987 e que procura o desenvolvemento social- económico e a protección do medio ambiente de xeito equilibrado.

   A continuación, coñecimos as variantes que podemos atopar no noso territorio:
Soutos: Bosques de castiñeiros, tal e como o Souto de Rozavales (Manzaneda), o cal é un monumento natural. Este posúe un castiñeiro cun tronco de tal diámetro que se precisan aproximadamente unhas 15 persoas para rodealo.

Bidueiros/albelos: Normalmete mesturados con outras especies. Ex: O bidueiral de Montederramo.

Amieirais:  Bosques de amieiros. Un exemplo famoso son os amieiros pintados polo artista Agustin Ibarrola en Allariz.



Bosques de faias: Comúns nas serras de Lugo. Podemos citar á Fraga da Marronda (600ha), presente na Rede Natura e que a pesar de estar ameazada por outras especies, os amieiros xorden con forza ao xermolar ben baixo a sombra e ser propios do terreo.

Bosques de ribeira/galería: Freixos, carballos, bidueiros… Ex: Bosque da fervenza ou a Lagoa de Antela antes de ser desecada.


   Finalmente, tamén descubrimos que moi preto de nós tamén temos verdadeiras paisaxes naturais e faunísticas recoñecidas coma o Parque do Invernadoiro, aínda que este fora froito dunha plantación.



  En definitiva, considero que a información recibida é moi importante porque trataba o noso arredor e impartiuse dunha maneira entendible para todo o público. Ademais, resultou un tema curioso e ameno para aquelas persoas ás que lle interese o rural e a natureza máis achegada.




Ningún comentario:

Publicar un comentario