17 de xan. de 2020

DIARIO DA VISITA DOS ERASMUS AO NOSO CENTRO POR PAULA GAGO PRIETO



Pavillón do IES Xesús Taboada Chivite

O día dous de decembro, o alumnado estranxeiro chegou ao instituto. Fineses, húngaros, italianos e portugueses, coas súas respectivas maletas, aproximadamente ás once da mañá. Estabamos todos moi nerviosos, tanto alumnos coma profesores, cando chegaron. Veu a banda de gaitas para darnos un pequeno concerto, durou aproximadamente vinte minutos. Ao rematar, levamos ao alumnado á sala de reunións onde os esperaba un gran almorzo, que tomarían mentres os demais desfrutabamos do recreo.


Despois deste, celebrouse unha xincana para romper un pouco o xeo. Ao rematar esta, déronnos unha charla e marchamos á cafetería, onde se celebrou un grande xantar. Despois de comer, realizamos unha visita guiada polo centro para o noso alumnado e así coñecémonos un pouco máis uns a outros; aínda que non todo o que nos gustaría, xa que chegou a hora de ir a clase, o momento de separarnos. Deixámolos na clase de lingua castelá, mentres eu fun a clase de francés. Ao rematar esta hora, reunímonos, e realizamos unha actividade TEI cos titorizados de primeiro e os  alumnos e alumnas de Erasmus.

 Acabouse a xornada lectiva e marchamos a casa, onde se instalou e de alí a un pouco reunímonos cos demais fineses para levalos  a coñecer Verín. Cando se cansaron, marchamos a casa, duchámonos, ceamos e fomos durmir.

O día tres de decembro realizamos moitas actividades xuntos, vimos unha película, tivemos unha charla e corremos unha carreira solidaria para “Save the children” onde se recadou moito diñeiro para as actuacións desta ONG. Pola tarde fixemos unha quedada, para levalos a percorrer Verín e ensinarlles o máis importante.

O mércores, catro de decembro, só realizamos unha actividade xuntas: a degustación dos pratos que deberíamos ter cociñado o día anterior pero que Katarina e máis eu fixemos esa mañá. Pola tarde quedamos tamén con todos os fineses aínda que a desfrutamos menos debido ao exame de bioloxía do día seguinte.
Visita ao Castelo de Monterrei
O xoves, día cinco de decembro realizamos unha actividade similar ao concurso de canción de  Eurovisión no salón de actos, desfrutamos do recreo, vimos unha curta na Casa da Cultura, xantamos e realizamos unha andaina ata o castelo de Monterrei, con visita guiada á torre e a todo o castelo. Despois, levámolos a mercar recordos para eles e os seu familiares. Katarina e máis eu marchamos a clase de
wu-shu ao ximnasio, acompañoume xa que é a actividade que realizo cada xoves. Ao rematar a clase, marchamos a casa a prepararnos para asistir a unha cea que organizamos os alumnos só para nós nun restaurante.

Visita a Santiago de Compostela
O venres, día seis de decembro, fixemos unha viaxe á cidade de Santiago para que o alumnado de Erasmus tivese a oportunidade de coñecer a cidade.

O sábado, día sete de decembro, despedímonos deles ás nove da mañá, choramos todos pero o noso consolo foi que nos volveriamos ver dentro dun ano.

Foi unha experiencia moi bonita, que repetiría durante máis tempo pero nunha época onde o alumnado galego non contara con tanto traballo escolar.


Paula Gago Prieto (3º ESO B)

Ningún comentario:

Publicar un comentario