Redacción e audio: Uxía Pérez Díaz.
Elaborado na aldea de Berán
(Leiro) na provincia de Ourense, Albarro é o primeiro vinagre artesanal galego.
Esta adega familiar quixo aproveitar un recurso infravalorado e refugado para
convertelo nun produto único que xa recibiu recoñecementos internacionais.
Os vinagres que comercializa esta marca están aromatizados con distintas especias e pensados para empregalos en diferentes elaboracións culinarias. Un dos aspectos que os diferenza é que son froito dun proceso de acetificación completamente artesanal, realizado en barricas de madeira adaptadas ao método Orleans, o que lles confire unhas características especiais.
Cada vinagre macera entre 15 e 20 días coas distintas especias para conseguir aromatizarse, antes de someterse durante varios meses, a un proceso de crianza. Despois realízase un filtrado medio para evitar impurezas, o que lle permite conservar o aroma e o sabor intenso que os caracteriza. Durante o proceso non se lle engade ningún tipo de sulfitos para estabilizar o vinagre, de maneira que, aínda despois de ser embotellado pode sufrir variacións o que certifica que é un produto totalmente natural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario