6 de mar. de 2017

O GALEGO É UN MUNDO. ANIK NANDI

O pasado venres 17 de febreiro, o alumnado de 1º BACH tivemos a sorte de acudir á charla “O galego é un mundo”, a cargo de Anik Nandi.
Nun galego tan fluído coma correcto, este sociolingüista de orixe bengalí amosounos a importancia da nosa lingua en diferentes facetas nas que non estamos acostumados a vela, como por exemplo o uso que podemos darlle en outros países e as facilidades que temos fronte a outros sendo bilingües.
Un dos puntos da charla foi facernos ver a diversidade lingüística que existe no mundo e tentar que fixeramos todo o posible por normalizar o galego e tamén para erradicar os prexuízos que tivésemos sobre a nosa lingua autóctona.
Nandi falou tamén dos estereotipos que se teñen das linguas, da importancia das que son minoritarias e fíxonos saber cal é a situación do seu país, facendo que todos nos interesaramos pola súa cultura e costumes.
Ao final da charla respondeu moi amablemente a todas as nosas dúbidas e penso que falo por todos os meus compañeiros cando digo que grazas as súas palabras démonos conta de que aínda que ás veces pensemos que unha lingua é inferior por ter menos cantidade de falantes, iso é completamente falso.   


                                                                                                                               Sara Guerra Sandoval


                                                                                                           O venres pasado, os alumnos de primeiro de Bacharelato asistimos a un discurso moi rechamante presentado por un recoñecido doutor en Filoloxía, Anik Nandi, procedente da zona este da India, concretamente onde o idioma bengalí predomina.
Foi unha exposición dos seus amplísimos coñecementos a tódolos niveis, ben sexan culturais, xeográficos e como non,  lingüísticos.
Que teñen en común todos estes conceptos?
A simple vista, pódese pensar que non teñen gran relación entre eles, porén, se pensamos un intre, e definimos mentalmente cada un deles, acabaremos por decatarnos de que están aínda máis conectados que tódalas conexións neuronais no noso cerebro.
Cultura, que é a cultura?
Que é senón cultura, que falar de lingua?
Para min, unha fonte inesgotable de cultura reside no saber. E o saber, non se pode máis que pasar de xeración en xeración mediante a fala, mediante a lingua, mediante o corazón.
Cando falamos de lingua, non só falamos do conxunto de letras que constrúen os seu alfabeto, senón de recordos, antepasados, historia, sentimentos e costumes.
Cando falamos de lingua, non falamos só de normas gramaticais. Estamos a falar de paixón, de compromiso, de respecto.
Como ían a respectarnos se non respectamos a nosa propia lingua? Aquilo que nos representa, aquilo que nos da un nome. Aquilo que as nosas cordas vocais entoan coa axuda da intención humana.
Polo tanto, sería razoable renegar ó saber porque non respectamos a lingua que se nos presenta coma un regalo? Non.

Imos coa xeografía.
Quizais é momento de pensar neste apartado, que o ámbito lingüístico ten máis que ver co mundo ético que o matemático (poboación, densidade, número de linguas dun estado).
Para que unha lingua sexa rexeitada, non só cómpre con que a deixemos desaparecer en perigo de extinción.
É suficiente con que abandonemos a historia que traía consigo. É suficiente, con que ensinemos ós nosos futuros fillos e fillas un só idioma, esquecendo a ampla capacidade de aprendizaxe que posúen nos primeiros anos de vida.
A educación, sexa no estado que sexa e en calquera momento da historia do ser humano, foi o motor e a nai que decidía cando algo ía apagarse coma unha estrela no universo, para non volver a acenderse nunca máis. Ou pola contra, os forza que conservaba os coñecementos que consideraba importante para o tempo e as circunstancias.

A conclusión pois, de este apartado, é que non importa o número de linguas que se dan nunha zona, nin o extensa que esta sexa. Senón a conciencia implantada nos individuos desa sociedade ante o aspecto lingüístico.

Todo se reduce á conciencia, a querer o que nos representa. Sexa galego, bengalí, ou calquera das sete mil linguas que nacen e morren no noso planeta. Se cada unha delas, comparte algo entre si, porque non íamos nós, os seres humanos, compartir tamén rasgos uns doutros?
Que mellor maneira, de dicilo coa palabra que máis merecen tódolos loitadores coma Anik Nandi.
Dhanyabaad (bengalí), grazas.

Esther Santiago