31 de mar. de 2022

 Comezando abril tamén o celebramos como mes da IGUALDADE, e en colaboración coas intérpretes de signos: Irene e Paula, coa PT: Patricia e coa montaxe de Daniel Cancio, así loce o alumnado de 2ºBAC de Portugués interpretando e as alumnas afoutas do noso centro que fomos entrevistando coas súas afeccións, ben seguro que deixamos moitas no tinteiro, para a próxima rapazas!



29 de mar. de 2022

Semente de berrar

Hoxe tivemos a Iago Rodia presentando o documental Semente de berrar sobre a contracultura galega dende os anos 80 á actualidade:punk, ska, hardcore...Todo se deu cita hoxe. Ademais o alumnado foi partícipe coas súas preguntas na tertulia final, e coas súas atinadas reflexións. Agradecemos a vosa resposta e tamén o traballo de David Rdg. de Música.




26 de mar. de 2022

MITOLOXÍA

 Xa sabemos algo máis da CASA DO ARANGAÑO e do rito que se facía grazas a Uxía , Noa Pérez e Samuel de 2ºESO A: que se dicía ó pasar o neno ou a nena debaixo dunha pota de cobre, como era que se curaba, de que se contaxiaba...Xa nolo contaron na Radio e sairá no espazo de Mitoloxía do próximo programa.


 

A CASA DO ARANGAÑO

(Noa, Samuel e Uxía )

 

A aldea de Paradiña, no Concello de Monterrei, estivo habitada ata finais dos anos oitenta do século pasado. Foi un importante lugar de paso da Comarca de Monterrei cara a Limia, onde a xente facía un descanso, unha parada, e diso xurdiu o nome de Paradiña.

A súa veciña  máis ilustre foi a María do Arangaño, da que  os derradeiros habitantes tanto falaban, e que foron testemuñas do peregrinar de moitas familias da comarca, que ían cos seus fillos, para que ela lles curara “ o arangaño”. Eran tempos difíciles con moitas necesidades polo que, debido á falta de alimentos, abundaban os casos de raquitismo e deformidades nas extremidades dos nenos. Estas doenzas eran coñecidas co nome de arangaño.

Di a lenda, que o segredo do poder curativo das augas para sanar o arangaño, foi levado ata Paradiña polas monxas que abandonaron o Mosteiro de Mixós, na alta Idade Media, segredo que mantivo con éxito a María do Arangaño, ao curar aos “engarañados” na  Fonte dos Tres Regatos, preto de Paradiña.

Toda a contorna coñecía onde estaba a Casa do Arangaño en Paradiña. Relatan algunhas testemuñas que  o ritual para curar tal mal esixía que “o engarañado” tiña que ir  cunha muda de roupa limpa acompañado dunha muller chamada María á casa de María do Arangaño. Esta levábao  a Fonte dos Tres Regatos, lugar onde o bendecía  co poder curativo da auga, deixando marchar polo río abaixo unha prenda  de roupa da persoa engarañada. O resto da roupa, despois de ser lavada, era traída de volta nun saco. Terminado o ritual,  a persoa  era recollida na Casa do Arangaño por outra muller, que  tamén tiña que chamarse María, e que debía facer un itinerario distinto de volta á casa. Era o rito das tres Marías.

Outras testemuñas din que o ritual acontecía do seguinte xeito: Unha vez que o neno ou nena, que tiña que ser curado, era entregado á María do Arangaño, esta levábao a Fonte dos Tres Regatos, cortaba un cacho de xesta, facendo unha cruz que ataba cun fio de lá  e deseguido, ao engarañado espido colocáballe a cruz nas costas e pasáballa nove veces polo corpo, dicindo as seguintes palabras:

”Arangaño, Arangaño, márchate de aí, que a auga dos tres ríos corre tras de ti, coa graza de Deus e máis da Virxe María”.

Despois metía ao neno espido na fonte, queimaba a súa roupa, e as cinzas ían polo río abaixo. Unha vez vestido o neno coa roupa nova, voltaba con el á aldea de Paradiña.

Recollida por Xosé Ramón Reigada, temos unha gravación da última habitante de alí, residente agora en Rebordondo.

Este ritual lexendario, co mesmo ou diferente nome e con distintas variantes, estivo moi estendido por toda Galicia e o Norte de Portugal. Na actualidade, segundo o etnógrafo Xosé Rodríguez Cruz, natural de A Gudiña, este rito continúa a celebrarse  nalgúns lugares tales como a aldea de Castelôes, no Concello de Chaves (Portugal).

Segundo a Real Academia Galega, a palabra “arangaño” é sinónimo de “tangaraño”, que no imaxinario popular, era un diaño que causaba raquitismo e deformación aos nenos; ou tamén a enfermidade provocada polo devandito demo. O termo pode usarse en sentido máis amplo para referirse a unha maldición ou feitizo.

O “penedo do Arangaño “ existe tamén noutras sitios de Galicia, como no Concello de Sarreaus, entre Perrelos e Cortegada.

Alí o ritual  consistía en que a nai debía pasalo por baixo da Pedra a través dun oco existente entre ela e outra sobre a que se apoia, dicindo unha frase: “Comadre ,iña, aí vaiche o “arangaño”; devólvemo san e vivo.

Debaixo situábase a madriña ou outra axudante para recollelo. A continuación, tíñase que queimar a ropa que tiña posta o neno ou colgala nas árboles próximas, e vestíaselle con outra nova.

En sinal de agradecemento pola curación, botábanse moedas no interior da Pedra e acendíase un cirio.

Aínda que non é habitual atopar pedras con propiedades similares, na provincia de Ourense hai outra pedra do Tangaraño, a de San Benito de Cova de Lobo, en Barbadás. A esta adicoulle un dos seus poemas o celanovés Curros Enríquez, titulado <<Tangaraños>>, onde escribe un ritual de sanación moi semellante ao de Sarreaus. Devandito santuario naceu para cristianizar o rito pagán.

Cóntase do ARANGAÑO que era unha enfermidade que se pegaba dos gatos unha pita choca (que estaba chocando os ovos) ou dunha cadela parida,

 ós nenos, dicían que quedaban pequenos, asociado co “raquitismo” .

Na miña aldea, en Matamá (concello de Laza) cóntame a miña tía María, curmá da miña avoa ,  unha das tres Marías que oficiaron o ritual do arangaño que,

 cando se sospeitaba de que algún neno tiña o arangaño, porque non comía moito, estaba delgadiño, non medraba ….Buscábanse na aldea tres mulleres que se chamaran María, neste caso fora a miña tía avoa María, a María Requeja e a María Checa. Nun caldeiro grande de cobre púñase auga morna, unha das Marías pegaba da asa do caldeiro para poder pasar ó neno por debaixo da asa, outra sostiña o neno e a outra recollíao. A que ía  recollelo despois de pasalo por debaixo da asa dicía:

- Que me dás María?

 Ó que a que lle pasaba o neno respondía:

 -O arangaño de Dios e da Virxe María.  

Así 9 veces. Logo botaban pez??? na auga e cuando ía arrefriando o pez facía un debuxo, ou forma segundo o animal que lle pegou o arangaño ao neno.  A miña avoa con 6 anos presenciou algún destes rituais.

 

 

 

21 de mar. de 2022

Fabricando a luz do Antroido

 Xa se nos foi o Antroido pero o alumnado de 3ESO C déixanos testemuña coa canción da Banda da loba: Fabricando luz, coa grande axuda de David Rdg, profe se Música



18 de mar. de 2022

A roda dos afectos

 Pouco a pouco imos montando a nosa Roda dos afectos e desmontando a idea do amor romántico, neste mes do 8 de marzo vennos moi a conto.



15 de mar. de 2022

 Xa temos á gañadora e ó gañador do Concurso da Foto do Antroido:

                                     O Antroido=? 

Desta tivemos unha participación baixa, esperamos para o ano atraer máis a vosa atención.

Parabéns para Aitor Cota de 2ºESO A e Laura Seoane de 2ºBAC A, que van desfrutar dun día de consumo de balde na cafetería do noso centro!!


 

11 de mar. de 2022

Encontro co autor de Maxia de pedra, Xabier Domínguez

 A que non sabedes como se fai un libro, canta xente traballa nel? Estas e outras preguntas resolvémolas pola mañá coa presenza de Xabier Domínguez, o autor de Maxia de pedra. Ademais explicounos curiosidades do libro e desvelounos cal é o segredo para ser un bo escritor/a.







10 de mar. de 2022

 Que sabedes das materias primas coma o coltan? O alumnado de 3ºESO B coa profesora de historia, Carmeen Cuquejo elaboraron esta presentación para que poidamos coñecer máis sobre estes recursos










2 de mar. de 2022

 Xa se vai acabando o Antroido...pero seguro que tedes unha chea de fotos para presentar ó Concurso de foto de Antroido, escollede un par delas e enviádeas ó correo do equipo: ofiadeirodalingua@gmail.com 

 

 

 

A IMAXE DO ANTROIDO

Cal é a imaxe que representa o espírito do Antroido para ti?

1ª PARTICIPANTES: Poderá participar no concurso calquera alumna ou alumno do centro, así como o profesorado ou persoal non docente.

 

2ª TEMÁTICA: O tema principal será Cal é o espírito do Antroido? Trátase de captar unha imaxe que represente o significado do Antroido, orixinal e auténtica.

 

3ª OBRAS: Cada participante poderá presentar un máximo de dúas fotografías.

 

4ª PRESENTACIÓN: As obras deben de enviarse por correo electrónico ó enderezo do equipo de normalización lingüística, indicando o autor ou autora da mesma:

ofiadeirodalingua@gmail.com

 

PRAZO: O prazo de envío das obras remata o 10 de marzo.

 

6ºPREMIOS: Haberá dous primeiros premios: 2días de consumicións  na cafetería para as categorías da ESO e de BACHARELATO e dous segundos premios:1 día de consumicións na cafetería do centro .