Amosando publicacións coa etiqueta TEATRO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TEATRO. Amosar todas as publicacións

14 de xuño de 2021

CADERNOS DE TEATRO 21 IES RIBEIRA DO LOURO



Saímos (A Tecedora de Soños, RadioChivite, EDLG) nas páxinas 18, 19 e 20 dos Cadernos de Teatro do IES Ribeira do Louro. Enorme publicación. Enorme traballo e paixón polo teatro. O responsable dos Cadernos, que leva moitos anos transmitindo, compartindo o seu amor polo teatro, é Delio García, do Dpto de Galego. MOITÍSIMAS GRAZAS.

Podedes velo premendo nesta LIGAZÓN


3 de xuño de 2021

OS MUSICAIS EN GALEGO DO CHIVITE


Álex Vaamonde e Carla Blanca, alumnos de 3º ESO do IES Xesús Taboada Chivite de Verín realizan este vídeo sobre a adaptación do alumnado deste centro de varios musicais de éxito mundial, dentro do programa 21 Días co Galego e + da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

29 de abr. de 2021

"O XOGO DA GUERRA" DE CARLOS CASARES, REPRESENTADO POLO ALUMNADO DE 3ºPMAR

Os alumnos de 3° de PMAR fixeron con Lucía Díaz Nicolino, antiga alumna do centro e profesora en prácticas do mestrado de Secundaria, a representación do relato: O Xogo da Guerra de Carlos Casares.
Agardamos que vos guste!

8 de abr. de 2021

VIDEOPOEMA "IRMAUS", CELSO EMILIO FERREIRO

 

Videopoema "Irmaus", de Celso Emilio Ferreiro, realizado por Alba Chantrero, Pablo Fernández, Brais González, Noa Lombao, Uxía Martínez e Jorge Valle, alumnado que cursa a materia de Literatura Galega do Século XX e da actualidade

VIDEOPOEMA "MORAIMA", CELSO EMILIO FERREIRO

 

Videopoema "Moraima", de Celso Emilio Ferreiro realizado por María Pérez, Lorena Rodríguez, Lucía Rodríguez, Raúl Cabido, Fernando Gallego e Fran Pérez, alumnado de 2º de bacharelato, que cursan a materia de Literatura Galega do Século XX e da actualidade.

7 de abr. de 2021

LONGA NOITE DE PEDRA, CELSO EMILIO FERREIRO

 

Videopoema realizado por Helena Rivero, Manuel Quintas, Daniel González, María Palomares, Sheila Alves e Diego Sabariz, alumnado de Literatura Galega do Século XX e da actualidade.

6 de abr. de 2021

VIDEOPOEMA "LETANÍA DE GALICIA", UXÍO NOVONEYRA


Alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato quixeron escenificar poemas coñecidos da literatura galega do período do século XX, porque para impregnarse cos versos dun poeta non fai falla lelos acochados no silencio, pois a través de xestos, imaxes ou obxectos podemos chegar á cerna da poesía. Cheguemos, xa que logo, tamén nós, e guiados da man destes precoces artistas!!!! Parabéns!!!!!!!!!!
Ao longo desta semana iremos publicando todos os traballos realizados. Comezamos con este  espectacular videopoema no que  Marina García, Claudia Álvarez, Claudia Martínez, Judith García, Uxía Estévez e Dalia Díaz interpretan e recitan o poema "Letanía de Galicia" de Uxío Noveneyra.

28 de xan. de 2021

CHARLA DE SANTIAGO CAÑAVERAL, ANTIGO ALUMNO, PROFESOR DE TEATRO

 


Lección maxistral (texto de David Rodríguez)

Hoxe tivemos unha clase diferente en Linguaxe e Práctica Musical (1° Bacharelato).

Santiago Cañaveral Vaccari, antigo alumno do centro e agora profesor de teatro e amigo, veu explicarnos varias cousas: como foi a súa percepción do sistema educativo cando era alumno e como é agora, que foi o que lle fixo escoller o durísimo e azaroso camiño das artes escénicas, que enfoque segue el nas súas clases de teatro e como poden repercutir positivamente nas vidas daqueles/ as que se animen a apuntarse a elas, que empezarán en febreiro (e que aplican un estrito protocolo Covid aprobado pola Xunta de Galicia).

Orientounos facendo un exercicio de memoria ao volver estar nas nosas instalacións, convidounos a descubrir outras formas de entender a arte dramática, fixo dous exercicios con dous alumnos do instituto e, o que ía ser unha información sobre unha posible actividade extraescolar a cargo dun exalumno, acabouse convertendo nunha magnífica clase maxistral sobre o que pasa cando un fai o que o apaixona.

PARABÉNS, Santi Cañaveral.

10 de nov. de 2020

ROCÍO SALGADO, ACTRIZ E ANTIGA ALUMNA, GAÑADORA DO MARÍA CASARES.


Rocío, actriz, exalumna do Chivite, entrevistada no último programa de RadioChivite, vén de gañar con Avento Teatro o María Casares.

Moitísimos parabéns a nosa antiga alumna, canto nos alegramos deste merecidísimo premio!!!

8 de nov. de 2020

AUTO DE FE CONTRA MARÍA SOLIÑA REPRESENTADO POR ALUMNADO DE 2º BAC

O alumnado de 2º BAC, que cursa Literatura Galega do Século XX, representou un auto de fe contra María Soliña nas catro aulas de 1º de ESO do noso centro.

Ademais, despois da representación, explicaron coa axuda dunha presentación, que era a "Santa Inquisición", cando apareceu e como procedía.

Moitas grazas por organizar e desenvolver esta actividade cumprindo escrupulosamente o protocolo fronte á COVID-19! 

Podedes ler o guión da representación premendo na seguinte LIGAZÓN

Se queredes acceder á presentación, na que se explica en que consiste un auto de fe, premede na seguinte LIGAZÓN


13 de maio de 2020

A "TECEDORA DE SOÑOS" NON PODERÁ REPRESENTAR ESTE CURSO "A PIRAGUA", DE CÁNDIDO PAZÓ,PERO OFRÉCENNOS UN AVANCE.

A obra que ía representar este curso o grupo de teatro do noso instituto, A Tecedora de Soños, é A Piragua, de Cándido Pazó, mais o seu proxecto quedou truncado como consecuencia do confinamento.
Os integrantes do grupo non queren que remate o curso sen que saibades algo sobre o que estaban a preparar e que esperan poder levar ó escenario o vindeiro curso.
Miguel Quintas, un dos integrantes que levan máis tempo no grupo e que ía ser o protagonista, fálanos do proxecto e interpreta un monólogo do seu personaxe, Delio.
Moito ánimo e forza para os integrantes de A Tecedora de Soños.
Parabéns polo voso traballo!!!!!!

29 de feb. de 2020

ROCÍO SALGADO, ANTIGA ALUMNA, NOMINADA AOS PREMIOS MARÍA CASARES


A nosa ex-alumna Rocío Salgado (que foi integrante do grupo de teatro do IES Taboada Chivite, A tecedora de soños) co grupo Teatro Avento Producións son candidatos aos premios de teatro María Casares como mellor espectáculo infantil con "Ummm!! Unha comedia musical... para chupar os dedos".
Moitísimos parabéns, Rocío!!!!!!!!!! Canto nos alegramos!!!!!!

13 de xuño de 2019

O BOSQUE ANIMADO NO CHIVITE




O vindeiro VENRES 21, ÁS 20:30, no noso instituto, o noso grupo de teatro, "A tecedora de soños", representará dúas pezas, unha delas en galego.
A obra en galego será unha adaptación de "O bosque animado", de Wenceslao Fernández Flórez, unha novela de mensaxe por veces radicalmente ecoloxista: os seres humanos debemos coidar do noso medio natural, xa non só porque resulta esencial para a nosa propia sobrevivencia ou porque mellora a nosa calidade de vida, senón nomeadamente porque a natureza non é nosa, porque a compartimos con outros seres vivos.
Tamén representarán, en castelán, a obra clásica "As nubes", de Aristófanes. NON O PERDADES!!!

12 de xuño de 2019

A TECEDORA DE SOÑOS REPRESENTARÁ DÚAS OBRAS TEATRAIS O 21 DE XUÑO NO CHIVITE

O vindeiro VENRES, 21 de XUÑO, ÁS 20:30, no SALÓN DE ACTOS do IES TABOADA CHIVITE, o noso grupo de teatro, A TECEDORA DE SOÑOS, presentará dúas obras teatrais.

Representarán, en galego, unha adaptación de "O bosque animado", de Wenceslao Fernández Flórez.O bosque animado é unha fraga na que as árbores, as silveiras, os insectos, as aves, os pequenos mamíferos, viven todos xuntos. Vidas suaves e plácidas, só interrompidas polo paso do home, ao que acompaña a traxedia, empuxado pola explotación do bosque e pola súa cobiza.

Tamén representarán unha adaptación da obra clásica "As nubes", de Aristófanes.
"As nubes" (en grego clásico, Νεφέλαι) é unha comedia temperá dentro da obra do autor ateniense Aristófanes. Nela faise unha forte crítica dos sofistas e as súas ensinanzas, e non faltan os temas e personaxes de moda da Atenas de finais do século V. A obra tamén é destacábel por ser a referencia histórica máis antiga sobre a figura de Sócrates

.
AGARDÁMOSVOS O VENRES 21, ÁS 20:00, NO IES TABOADA CHIVITE!!!! NON O PERDADES!!!!!!



17 de out. de 2018

A TECEDORA DE SOÑOS NA IX EDICIÓN DO FESTIVAL DE TEATRO ENTRECULTURAS



O pasado venres 12 de outubro, ás 20:30, tivemos ocasión de ver actuar ao grupo de teatro do noso instituto, A Tecedora de Soños, no Auditorio de Verín, dentro da novena edición do Festival de Teatro Entreculturas, organizado por “La Caja de Pandora”, coa obra “Historia de una escalera” de Buero Vallejo.
O sábado 20 de outubro volverán actuar no Auditorio de Verín, ofrecéndonos unha tarde distinta, a partir das 20:30, coa representación de: “Monólogos dramáticos da literatura e o cinema”.

11 de out. de 2018

"A TECEDORA DE SOÑOS" COMPROBA A IDONEIDADE DO BALNEARIO DE CALDELIÑAS PARA REPRESENTAR OBRAS CLÁSICAS.

Actores e actrices da compañía de teatro do noso centro "A Tecedora de Soños" realizaron no Balneario de Caldeliñas (propiedade do Concello de Verín) varias probas escenográficas co obxectivo de determinar se o espazo sería óptimo para acoller representacións teatrais.
Concretamente, comprobouse a acústica e os diferentes escenarios do entorno a través do ensaio da obra "Lisístrata", de Aristófenes.
O resultado da proba foi un éxito. As condicións de Caldeliñas son  óptimas para a representación de obras clásicas, tanto pola acústica como pola distribución dos espazos. Queda agora en man das compañías solicitar ó Concello o acondicionamento do antigo balneario para albergar ó público, e a proposta de obras que poidan ser representadas no lugar.

22 de xuño de 2018

O TEATRO AXUDA A SUPERAR A TIMIDEZ






Fai xa tres anos que estou no grupo de teatro “A Tecedora de Soños”  e a 
verdade, non teño ningunha queixa . Aprendín moito sobre interpretación , 
ademais coñecín a persoas marabillosas.
As miñas primeiras obras no grupo foron “Anfitrión”, “A casa de Bernarda 
Alba” e “A estanqueira da praza da Merced”.
No meu segundo ano fixemos “Lisístrata” e “Cadros de humor ao fresco”.
Este ano,  os da miña xeración de tecedores, debutamos  no drama con
 “Historia dunha escaleira” e con monólogos de moita profundidade, 
que deixaron pegada na literatura e no cine. Finalizamos a tempada coa 
comedia “As rás e o Sol”.Tampouco podo esquecer a nosa participación  
na gala de teatro de Verín, que celebramos no Auditorio da vila e na que
actuamos non  só para os coñecidos do colexio e a familia, senón para 
todo Verín. A nivel individual, dicir que estes proxectos axudáronme a 
vencer  a timidez e a soltarme máis á hora de actuar. 
Tamén influíu que nas primeiras obras actuei cun rapaz  co que xa tiña 
confianza, pois é o meu amigo. A parte, escolléronme para un 
campamento de artes escénicas, dirixido por Rubén Riós no meu 2º ano.
Por último, quero recomendar a todos  a que se apunten a actividades ou
grupos como estes, xa que deste xeito vencerán os seus medos escénicos, 
como fixen eu, e aprenderán a ser responsables.
Miguel Quintas Parada (alumno de 3º ESO)

O TALENTO E A ENTREGA DOS NOSOS ALUMNOS DO GRUPO DE TEATRO "A TECEDORA DE SOÑOS"


Vídeo de Javier Díaz (Profesor de Plástica)

Na tarde deste xoves puidemos gozar do talento dos nosos alumnos do grupo de teatro, que, tras meses de ensaio e esforzos adicionais ós estrictamente académicos, souberon atopar os folgos para construiren universos de ficción teatral moi variados.
Así, ademais de"Historia de una escalera", de Buero Vallejo,  e grandes monólogos teatrais femininos procedentes de obras como "Medea",  ou "Fuenteovejuna", que foron interpretados en castelán,  representaron en galego "As ras e o Sol", unha fábula na que oito ras alborotadoras piden ó Sol que lles envíe un soberano que sexa quen de pór orde na súa caótica charca. 
Tamén asistimos ós monólogos protagonizados por personaxes masculinos, pertencentes ó mundo da literatura (Balbino, de "Memorias dun neno labrego"; O Principiño e o raposo, de "O Principiño") e ó mundo do cinema (Alfredo e Totó, de "Cinema paradiso"; o barbeiro confundido co dictador Hynkel, de "O gran ditador"; o amigo do protagonista de "Cadea perpetua").

David Rodríguez Rivada (Profesor de Música)