24 de dec. de 2019

CONSELLOS PARA DESFRUTAR DO MONTE NO NADAL

Neste vídeo os alumnos e as alumnas de 1º e 2º ESO do IES Xesús Taboada Chivite de Verín aconsellan desfrutar do monte no Nadal. Esta actividade inclúese dentro do proxecto "O Monte Vivo".

21 de dec. de 2019

CADA PORTA: UN FOGAR DE FOGARES ONDE OS DESEXOS SON COMPARTIDOS. FELIZ 2020!

Neste vídeo a dirección do centro recoñece o traballo colaborativo desenvolto polo profesorado do Chivite e deséxalles un Feliz 2020!

20 de dec. de 2019

RECADACIÓN "SEMANA SOLIDARIA"


Na organización "Save de Children" ingresáronse 820 euros recadados na carreira solidaria.

En Cáritas Verín entregáronse 142 euros recollidos no Mercadillo Solidario, a roupa que non se vendeu, así como os alimentos recollidos na Campaña Nadal Solidario.

Moitas grazas a todos pola vosa colaboración!

Felices Festas!

UNHA FOTOMONTAXE DO NOSO CENTRO PREMIADA NO CONCURSO SOBRE IGUALDADE DE XÉNERO DAS EUROCIDADES GALICIA-NORTE DE PORTUGAL


Gabriela Dumitru e Elías Fabrizio Bernal Barrios de 2º ESO B premiados no concurso de imaxes sobre cooperación Galicia-Norte de Portugal na promoción da Igualdade e a Prevención de Violencia de Xénero coa fotomontaxe "Podemos con todo".
Proximamente darase a coñecer a data de entrega de premios. 

Parabéns rapaces!!!

Para máis información premede na seguinte LIGAZÓN

PEQUENOS EMPRENDEDORES DO MONTE NO CHIVITE




Ambientador de piñóns, bálsamo labial de mel e castañas, aceite de caléndula, culler de pao de cerdeira, xabón de lavanda, licor de herbas,  crema de castañas, leite de castañas, doces feitos con noces (bica, barritas enerxéticas e galletas), galletas de mel, madalenas de arandos  e biscoito de morogos son algúns dos produtos fabricados  con materias primas do monte polo alumnado de 3º ESO de Bioloxía e de 1º de bacharelato de Anatomía Aplicada.
Non só elaboraron os produtos, tamén desenvolveron os procesos de envasado, etiquetado e conservación. Ademais, puxéronlles prezo e deseñaron un eslogan para comercializalos.
Podedes consultar as presentacións dos produtos que se espuxeron na aula, premendo na seguinte LIGAZÓN

17 de dec. de 2019

TARXETA DE NADAL

Esta é a tarxeta escollida polo noso centro para felicitar o Nadal. É o resultado de combinar as tarxetas presentadas a concurso por Ainara Alonso Miguélez de 4º ESO A, Manuel Añel Prieto de 1º BAC C e Noa Lombao González de 1º BAC C.
Parabéns aos tres polas vosas aportacións!!!

GAÑADORES DO CONCURSO DE CURIOSIDADES "SABÍAS QUE...?" ORGANIZADO POLA ANPA

Os gañadores do concurso de curiosidades "Sabías que...?", organizado pola ANPA son:
  • Carlos Vázquez Arcos (1º ESO A): Sabías que o 20 % do osíxeno da Terra é producido pola selva tropical do Amazonas?
  • Adrián Rodríguez de Jesús (1º ESO B): Sabías que non Antigo Exipto, se un gato da familia morría, todos os membros da familia afeitábanse as cellas en sinal de loito?
  • Hiba Karym (1º ESO C): Sabías que se dormes oito horas, enfermas con menos frecuencia, manteste nun peso saudable, diminúe o estrés e mellora o teu estado de ánimo?
  • Lucas Rodríguez González (1º ESO D): Sabías que Albert Einstein nunca foi un bo alumno? De feito con nove anos pensaban que tiña un síndrome mental.
  • Siomara Navarro Miranda (3º ESO D): Sabías que se pos un ovo no medio de dous móbiles lograrás que se cociñe en aproximadamente sesenta e dous minutos?
Parabéns a todos os premiados!!!

GAÑADORES DO CONCURSO FOTOGRÁFICO "O VALOR DOS NOSOS MONTES"

Os gañadores do concurso fotográfico "o valor dos nosos montes" son:

Na categoría de "alumnado da ESO":



Diego Álvarez (3º ESO D):

“El é forte”; medra cara ó ceo a pesar de que a gravidade lle di que se encolla cara ó chan.

Na categoría de "alumnado de Bacharelato":


Sheila Prieto (1º BAC A):

“As sementes do outono galego” O monte é a fábrica natural dunha gran variedade de materiais presentes no noso día a día. Se ben é certo que algúns pasan máis desapercibidos e outros son detectables a simple vista. Mais, ao final, todos resultan imprescindibles e están relacionados con procesos ligados aos hábitos cotiáns das persoas, do propio ecosistema...

Parabéns!!!

14 de dec. de 2019

O MUSICAL LA LA LAND EN GALEGO


Xa en proceso de elaboración. Letras traducidas ó galego, un decorado....Aínda que este ano faremos un "remix" con números de musicais anteriores,arrancamos tamén coa preparación de La La Land

11 de dec. de 2019

O APALPADOR CHEGOU Ó IES TABOADA CHIVITE


O Apalpador chegou ó IES Taboada Chivite.
Moitas grazas a todos/as os/as alumnos/as do programa "CHIVITEI", que colaborastes coas vosas coplas e os vosos debuxos!!!
Bo Nadal!
Para ver o álbum completo de fotos podedes premer na seguinte LIGAZÓN

10 de dec. de 2019

O CORREDOR DOS DESEXOS



Un espectacular mar de desexos percorre o corredor que leva á Biblioteca. Oxalá que os soños do noso alumnado se convertan en realidade o vindeiro ano.
Nesta actividade participaron alumnos de todo o centro, os seus titores e o EDLG.

NADAL SOLIDARIO


Comeza a campaña "Nadal solidario".
Recolleremos alimentos que serán doados a Cáritas Verín para o seu reparto na Campaña de Nadal.
Podedes traer todo tipo de alimentos non perecedoiros: legumes, pasta, arroz, fariña, azucre, leite, aceite e conservas.
Tamén recolleremos xoguetes en bo estado.
Dado que o reparto vaise facer para as festas de Nadal, tamén podedes traer doces, galletas, chocolate, turrón, polvoróns...
Os alimentos depositaranse na entrada, ao lado de conserxería e haberá un gráfico onde teredes que marcar a cantidade de produtos que deixedes para que todos poidamos ver o avance na recollida.
Moitas grazas pola vosa colaboración.

2 de dec. de 2019

IMAXES DO COMPROMISO ECOLÓXICO REDUCE O CONSUMO DE PLÁSTICO


Se queredes ver os compromisos de redución do consumo de plástico asumidos polos membros da comunidade educativa do noso centro, podedes premer na seguinte LIGAZÓN

O RETO ECOLÓXICO DO MES DE DECEMBRO É: REDUCE A EMISIÓN DE GASES DE EFECTO INVERNADOIRO.


O compromiso ecolóxico que vos plantexamos este mes é reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro . Podedes consultar algúns consellos, premendo na seguinte LIGAZÓN
Poñede en práctica este reto e enviade imaxes  cun lema e os vosos datos a  ofiadeirodalingua@gmail.com.
Animádevos a participar!!!

CARREIRA SOLIDARIA NO CHIVITE


Data: Martes 3 de decembro de 2019 ás 12:00 H.
Organiza: IES Xesús Taboada Chivite.
Obxectivo: Recaudar a maior cantidade posible de diñeiro para "Save the Children"

Todo o diñeiro recaudado será ingresado na organización internacional "Save the Children".
Cada alumno participante deberá buscar patrocinadores que lle paguen o seu esforzo. Cantos máis patrocinadores teña, maior será a súa aportación.
A carreira será nun circuito pechado, de tal xeito que cada volta suporá unha maior recaudación.
Non é necesario correr, non é necesario gañar, simplemente debemos participar.

Colaboran: Cabreiroá, Hortoverín, Concello de Verín e IES Xesús Taboada Chivite (Departamento de Educación Física e equipo Erasmus +)

28 de nov. de 2019

VÍDEO CONTRA ALGÚNS DOS MACHISMOS QUE AMALLOAN A NOSA SOCIEDADE

Vídeo realizado polo alumnado de 2º de Bacharelato na materia de Literatura Galega do Século XX contra algúns dos machismos que amalloan a nosa sociedade. De música de fondo podemos escoitar  a canción "E ti, só ti" da intérprete SÉS.
Parabéns polo traballo!!!

26 de nov. de 2019

PRESENTACIÓN "BASI E OS SEUS AMIGOS"

(Moitas grazas, Rebeca e Maite, responsábeis da Biblioteca. Moitas grazas, César, director do centro.)
Hai oito anos " Basi " chegou ó club de lectura A árbore vermella da man da súa autora, a "fada" Julia, como a chamaban os/as seus/súas nenos/as de infantil.
Naquela sesión do club coñecéronse Julia e o noso compañeiro Víctor, outro ser cheo de maxia, que xa comezara a facer algunhas ilustracións do conto de Julia, imaxes que nos deixaron a todos abraiados. Foi unha sesión do club desas que quedan gravadas. Na nosa árbore vermella compartimos moitos momentos que atesoraremos para sempre nos nosos corazóns, cheos de deleite, de aprendizaxe, de proximidade, de verdade, de calor humano.
O nacemento do que sería uns cantos anos despois o libro ilustrado "Basi e os seus amigos" foi un deses momentos especiais, inesquecibles.
Tiveron que pasar uns anos ata que o proxecto iniciado por Julia cos/coas seus/súas pequenos/as alumnos/as de infantil se convertise en obra impresa...Mais onte pechouse o círculo. De novo na biblioteca do Chivite sentimos como se estivésemos outra vez nunha sesión da nosa querida árbore vermella. Nun ambiente de intimidade, arroupados por persoas que sempre están preto, apoiando, querendo, Julia e Víctor, que traían Basi con eles, faláronnos de novo, como hai oito anos...E de novo, como hai oito anos, gozamos...E aprendemos.
A continuación o texto que David Rodríguez Rivada, profesor de música do IES Taboada Chivite e fillo da autora, escribiu despois da primeira visita de "Basi" ó noso centro:
Do 22/10/2011.
A mirada fulminante do basilisco foi un tópico literario moi recorrente nos nosos poetas do Século de Ouro. A miúdo utilizaban referencias deste tipo para subliñar o carácter demoníaco ou sobrenatural do desamor e os seus recunchos.
Por iso resulta enormemente orixinal exporse a convidar este ser monstruoso e maléfico a unha aula de nenos de entre 3 e 5 anos.
Pero precisamente a mirada do que contempla pode ser o que faga perigoso o ser observado.
Cando a man que sinala faino pedindo un achegamento coa outra, non hai lanzas senón felpudos de benvida e abrazos reconciliadores.
Unha aula de infantil é moito, moitísimo máis ca unha réplica en miniatura do que serán logo as aulas de instituto. É moito máis que xogar coa plastilina, cantar cancións ou pintar. Moitísimo máis.
É probablemente o elo máis complexo de toda a cadea educativa, xa que estamos a falar da casa de saída. Do que aí se faga dependerá se este neno mañá terá opcións no nivel académico, afectivo e persoal, ou non.
Trátase dun traballo de enormes consecuencias, xa que o material humano co que se trata é moi sensíbel a toda acción, as pegadas do bo ou mal facer do profesor quedarán aí, en cada neno.
Por iso encántame o traballo que fan os mestres e mestras de infantil, e permitídeme que neste artigo fale do caso da miña nai, Julia Rivada.
Onte deleitounos no club de lectura (xunto ao noso marabilloso e sempre lúcido compañeiro Víctor, profe de plástica, que está a ilustrar o seu conto cun gusto e unha dedicación impecables) falando sobre o seu proxecto " Basi e os seus amigos".
Chámoo proxecto e non conto porque realmente o seu alcance transcende os límites do relato inicial ou da obra teatral posterior.
Un proxecto que trata temas como a integración, a igualdade, o amor á diferenza e o respecto polo que cada un é.
Un traballo multidisciplinar que non se reduce a un texto fermoso cuns personaxes que se prestan a intervir, e facer disfraces cos nenos.
Unha tarefa que ben podería converterse nos rudimentos dunha democracia e un civismo tan necesarios como realmente escasos hoxe día.
É un conto no que podemos buscarnos cada un de nós, porque non é só un paseo que un ser estraño aos ollos dos demais dá, non é só a creación dunha comunidade na que o lema "ti es eu, eu son ti" impera.
É ademais a oportunidade marabillosa de aceptar o que cada un de nós pode achegar aos demais, o que os demais nos poden ensinar, o que debemos afrontar na vida, e o modo en que os problemas poden disolverse con boas intencións e determinación.
A empatía é quizais a palabra crave. Esa palabra que tan poucos saben definir de verdade, entendendo por "de verdade" o feito de practicala.
A necesidade de vivir tamén a través das experiencias alleas, dos outros, dos demais, dos non-eu, para achegarnos un pasiño máis ao que é a humanidade.
Basi, un conto para nenos e para maiores.
Basi, un inicio para unha longa vida chea de sapos que te desprezan, galos que te miran por riba do ombreiro, serpes que che quitan o pelello ás túas costas.
Basi, un guión fabuloso para unha vida chea de sapos entrañábeis que croan de ledicia nas charcas cando ven que te achegas; unha vida chea de galos alegres e risoños que che alegran o corazón coas súas historias e palabras; unha vida chea de serpes loitadoras que renovan a súa pel ante as feridas que unha vida de privacións e miserias lles ofrece.
Basi, ou unha Dorothy que camiña en busca do seu mago de Oz coa compaña dun sapo, un galo e unha serpe capaces de abandonar os seus prexuízos e voar moi por encima do aburrido camiño de baldosas amarelas, atravesando campos de mapoulas dormideiras e bosques con monos voadores.
Basi, ou o basilisco que non mata, senón que che abre os ollos e che amosa o que es realmente.
Basi, ou a nai e profesora e superheroína e sobrevivente e demiurga.
Basi, ou a revelación compartida no mellor dos momentos.
Basi, ou a mirada que salva.
Basi, ou a diferenza que iguala.
Basi, ou a procura da propia identidade a través da mestura co outro.
Orgullo de nai, utilizado nun sentido invertido: é o fillo o que se enorgullece de compartir o mundo con ela.
David Rodríguez Rivada

22 de nov. de 2019

"VERDADES NO ESPELLO"





"Verdades no espello", espectacular actividade organizada pola Biblioteca do IES Taboada Chivite co gallo do Día Contra a Violencia de Xénero (25 de novembro). Mensaxes impactantes que non poden deixar indiferente a ninguén.
Para ver as mensaxes, podedes premer na seguinte LIGAZÓN
Parabéns pola iniciativa!

VÍDEOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO REALIZADOS POR ALUMNADO DE 2º DE BACHARELATO



Nesta lista de reprodución podedes ver os vídeos contra a violencia de xénero, realizados polo alumnado de 2º de Bacharelato na optativa de Literatura Galega do Século XX.
Serán proxectados o luns 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, na pantalla que está instalada ao lado de conserxería, para que toda a comunidade educativa do noso centro poida velos.

21 de nov. de 2019

LORENA CARNERO (ANTIGA ALUMNA) PRESENTA UN LIBRO SOBRE XESÚS TABOADA CHIVITE NA BIBLIOTECA DE VERÍN.

Este venres 22 de novembro, ás 19:30h, Lorena Carnero Pérez, antiga alumna do centro, que rematou 2º de Bacharelato en xuño de 2013, presentará na Biblioteca de Verín o seu libro D. Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán". O libro, editado pola Biblioteca Pública Municipal de Verín, contén o conxunto de separatas que publicou D. Xesús Taboada Chivite en multitude de revistas especializadas na etnografía e a arqueoloxía. O libro foi completado cunha biografía intimista que nos leva a coñecer ao escritor dun xeito máis próximo, todo relacionado coa correspondencia que este mantivo cos seus coetáneos ao longo da súa vida.
Para ampliar a información, preme na seguinte LIGAZÓN que te dirixe ao artigo publicado no "Diario do Támega".

FINALISTAS DO CONCURSO FOTOGRÁFICO "O VALOR DO MONTE GALEGO"

Os finalistas do concurso "o valor dos nosos montes" son:

Na categoría "Alumnos da ESO":

Marta Gijón  (3º ESO C):
 “O ceo e o monte”: Un valor que aporta o monte a simple vista é o seu aspecto, a simple vista é unha bonita mestura de cores.
Diego Álvarez (3º ESO D):
“El é forte”; medra cara ó ceo a pesar de que a gravidade lle di que se encolla cara ó chan.
Uxía Rúa (3º ESO C):
“Coidemos o que nos representa”: Ás veces, o importante non é só o valor económico que nos poden dar, centrámonos tanto no material que non vemos todo o bonito que hai arredor nosa, e que estamos descoidando tanto: contaminando ,incendios, lixo..; ata que  chegemos ao punto de que todo isto se esgote, e non haxa volta atrás.  
Noa Rodríguez  (3º ESO C):
“As marabillas dos montes”. O monte galego é rico nunha gran variedade de cogomelos, algúns deles comestibles, e plantas medicinais, entre outros moitos tesouros que agocha .
Marta Gil  (3º ESO C):
“Árbores sedentas”: Grazas a esta facilidade das árbores para atopar auga podemos disfrutar da súa beleza. Tamén dos bosques que estas forman e do osíxeno que nos proporcionan.

Na categoría "Alumnos de Bacharelato":

Esther Canado (1º BAC A):
“ Ao amencer saen todos os corzos pacer”
Lorena Gómez (1º BAC B):
“Auga, vida, maxia”. Os nosos bosques son escenario de lendas e historias. Segundo os nosos contos, os montes están poboados de meigas e espíritos, e a néboa, a chuvia a auga son elementos que condicionan estas lendas místicas e o noso ser galego en xeral.
Pablo Rodríguez (1º BAC A):
Esta foto mostra o gran valor paisaxístico que teñen as árbores, que forman os nosos bosques, xa que é unha das pezas básica para a vida cotiá dos galegos. Estas árbores cumpren unha gran función ecolóxica para incidir na flora e na fauna porque almacenan millóns de toneladas de dióxido de carbono que poden ser utilizados para mellorar a súa vida. Por iso é moi importante coidar os nosos montes para evitar a aparición de incendios, que poden destruír todos os valores que forman estes montes. 
Sheila Prieto (1º BAC A):
“As sementes do outono galego” O monte é a fábrica natural dunha gran variedade de materiais presentes no noso día a día. Se ben é certo que algúns pasan máis desapercibidos e outros son detectables a simple vista. Mais, ao final, todos resultan imprescindibles e están relacionados con procesos ligados aos hábitos cotiáns das persoas, do propio ecosistema...
Desi Barreira (1º BAC B):
A CEPA DOURADA
No monte e abandonada,
onde agora só hai castiñeiros,
nalgún día deu a súa vida,
e mira cara o solpor soitaria.
En breve daremos a coñecer aos gañadores.



SABELA SOUTO (ANTIGA ALUMNA) NO FIC VIA XIV COA CURTA "SANTA BAIA DE MONTES"


Hoxe inaguramos unha nova sección no noso blog "ANTIGOS ALUMNOS", na que daremos a coñecer os logros e os traballos de alumnos e alumnas, que pasaron polo no noso centro.
Imos comezar con Sabela Souto, que rematou 2º de Bacharelato en xuño de 2016 e actualmente estuda Comunicación Audiovisual en Pontevedra.
Entre os días 30 de novembro e 4 de decembro vai ter lugar en Verín o Festival Internacional de Curtas, no cal vai participar Sabela, dentro da sección " A Raia" coa curta: "Santa Baia de Monte".
A continuación aparece o trailer da súa creación:



Que teñas moita sorte no FIC VIA XIV, Sabela!

Podedes acceder ao programa do festival premendo na seguinte LIGAZÓN

15 de nov. de 2019

PESADELOS SOBRE FONDO NEGRO


Traballos realizados polo alumnado de 2º de Bacharelato co título de "Pesadelos" e inspirados nos artistas Ben Heiner e Mokhallad Habid.
Parabéns rapaces e rapazas!

Para ver os traballos premede na seguinte LIGAZÓN

ENTREVISTA A ALBERTE BLANCO

Entrevista sobre o valor do monte galego realizada polos alumnos de 3º ESO D ao profesor do noso centro Alberte Blanco, integrante do Grupo de Expertos en Incendios Forestais.

13 de nov. de 2019

NOVO COMPROMISO ECOLÓXICO: REDUCE O CONSUMO DE PLÁSTICOS

Mercar con bolsas de tea. Daniel García Cancio

O novo reto que vos plantexamos e unha diminución no consumo de plásticos. Podedes atopar alternativas ao consumo de plásticos premendo na seguinte LIGAZÓN
Poñede en práctica este compromiso e enviade imaxes  cun lema e os vosos datos a  ofiadeirodalingua@gmail.com.
Animádevos a participar!!!

IMAXES DO COMPROMISO "AFORREMOS AUGA"

Se queredes ver os compromisos de aforro de auga asumidos por algúns membros da comunidade educativa do noso centro, podedes premer na seguinte LIGAZÓN

11 de nov. de 2019

ACTIVIDADE CONXUNTA "ENCÓNTRAO" DO PROGRAMA CHIVITEI


Nun principio é difícil que as parellas TEI teñan confianza e se relacionen. Esta situación é debida a que non se coñecen, a que lles da vergoña ou pola  diferenza de idade.
Dende o centro preténdese posibilitar un maior contacto entre as parellas TEI para crear unha boa relación entre eles/as, así como favorecerlles momentos nos que poidan coñecerse máis, entenderse, descubrirse e incluso facerse amigos/as.
Consideramos o recreo un momento idóneo para este encontro e por iso esta actividade vaise realizar de forma activa nos recreos desta semana.
Os dous membros da parella TEI teranse que buscar para entrevistarse mutuamente. As tarxetas coas cuestións, que se deben plantexar, facilitáronse hoxe na hora de titoría e deberán devolvelas aos seus profesor/a titor/a cubertas.

9 de nov. de 2019

OS MINERAIS QUE APARECEN NA FICCIÓN, EXISTEN NA REALIDADE?

Seguramente vistes películas, listes libros ou cómics nos que aparecían rochas con poderes incribles como as Xemas do Infinito, a kryptonita ou o mithril.
Ou mesmo sabedes de personaxes con armaduras de materiais indestrutibles ou que controlan o magnetismo ou os glaciares.
E aquí van as dúbidas que se me presentaron ao afrontarme inicialmente a este traballo : Estas marabillas terán algunha base real? Poderemos atoparnos no noso propio planeta co talón de Aquiles de Superman? Poderemos facernos unha armadura tan resistente coma a de Bilbo Bolsón? 


Miguel Quintas de 1º BAC A dá resposta a estas e outras cuestións no seu proxecto de investigación. Podedes lelo, premendo na seguinte LIGAZÓN

8 de nov. de 2019

CONCURSO DECORA A TÚA PORTA DE NADAL

O equipo da biblioteca, "Bibliochivite", anímavos a que participedes no concurso "decora a túa porta de Nadal".

Cada clase, coa axuda do seu titor, terá que engalanar a  porta da súa aula con temática de Nadal entre os días 9 e o 19 de decembro. O xurado premiará a porta máis orixinal.
Podedes ir pensando no deseño e nos materiais que queredes empregar.

4 de nov. de 2019

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO NO CHIVITE, ADICADO Á TÁBOA PERIÓDICA

Este ano, conmemoramos o Día da Ciencia en Galego, cos dous murais sobre a Táboa Periódica,  realizados por alumnado de 3º ESO A e C coa súa profesora Dolores Meiriño.

Almudena Juncal e Esther Lorenzo, de 3º ESO A, fixeron o mural títulado: "Elementos Químicos Españois", no que aparece a historia de tres elementos da táboa, descubertos por españois: Vanadio, Wolframio e Platino. Se queredes coñecer a historia destes elementos, premede na seguinte LIGAZÓN
Anabel Lorenzo, Juan José Rodio, Noa Rodríguez, Lorena Moreira e Katarina Teixeira de 3º ESO C, realizaron o mural "Mulleres na Táboa Periódica", no que aparecen cinco mulleres pioneiras, que identificaron cinco elementos: Marie Curie (Polonio e Radio), Berta Karlik (Astato), Ida Nodack (Renio), Lise Meitner (un isótopo do Protactinio) e Margarite Perey (Francio).
Podedes ampliar a información, premendo na seguinte LIGAZÓN

3 de nov. de 2019

IV CONCURSO ESCOLAR DE DEBUXO E REDACCIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA.


As mulleres foron e son vitais no mundo da ciencia.
Que descubrimentos científicos fixeron Hipatia de Alejandría, Bárbara McClintock, Rosalind Franklind, Jane Goodald, Jocelyn Bell, Lisa Meitner...?
En que campo da ciencia traballan as seguintes mulleres: Mara Dierssen, Margarita Salas, María Blasco, Ana Mª Prieto, Nubia Muñoz, Vanesa Valdeiglesias García, Sonia Villapol Salgado, Alicia Estévez Toranzo, Gloria Revilla López...,  que cos seus traballos de investigación contribúen a mellorar as nosas vidas?.
Hai  algunha muller científica na comarca de Verín ?. E na túa familia?
Indaga sobre o tema e anímate a participar no concurso sobre "As Mulleres e a Ciencia" organizado pola Universidade de Vigo.
Para consultar as bases, preme na seguinte LIGAZÓN

30 de out. de 2019

SAMAÍN 2019 NO IES TABOADA CHIVITE

Traballo conxunto dos Dpts de Plástica (Javier Díaz) e Galego (Rosa Alonso), con apoio do EDLG. Participaron: alumnado de 4 ESO de Plástica ( que fixeron réplicas dalgúns dos cadros máis terroríficos da historia), de 2 Bacharelato de Literatura Galega do Século XX e de Reforzo de Lingua Galega de 1 ESO (que poetizaron esas pinturas).
Premede na LIGAZÓN para gozar da obra dos/as nosos/as grandes debuxantes e poetas/poetisas.

O coordinador TICS, Daniel García Cancio, montou un vídeo cos traballos do alumnado, empregando como música de fondo a canción "No Samaín", de Paco Nogueiras, do seu libro cd-dvd "Brinca Vai!".

28 de out. de 2019

OS CADROS MÁIS TERRORÍFICOS DA HISTORIA NO CHIVITE

Neste vídeo aparecen as réplicas, que realizaron os alumnos de Plástica de 4º ESO, dos cadros máis terroríficos da historia. Ademais, os alumnos  de 2º de Bacharelato, que cursan Literatura Galega do Século XX, poetizaron estas pinturas.
Trátase dunha actividade conxunta do Departamento de Plática e do Departamento de Lingua e Literatura Galega, coa colaboración do EDLG.
En breve será colocada esta exposición, que che prococará arrepíos.

IX CERTAME DE CURTAS AS-PG AO REDOR DA LITERATURA GALEGA

O Certame de Curtas da AS-PG é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega nun apoio ao audiovisual como forma de comunicación e divulgación da lingua e literatura galega.
As curtas xirarán ao redor da literatura, interpretando ou explorando calquera texto de calquera época da Literatura Galega.
A modalidade en que se presenten os traballos é libre: videocreacións, curtametraxes, videoclips… e admitirase calquera técnica de elaboración. As curtas presentadas levarán incluído un espazo de créditos.
Poderán optar aos premios as curtas rodadas en calquera sistema de gravación (cine, vídeo…), inéditas ou que fosen estreadas entre o 1 de setembro de 2017 e o 15 de novembro de 2019.

Anímate a participar, tes ata as 14 horas do día 15 de novembro para enviar a túa curta!!!

Podes consultar as bases premendo na seguinte LIGAZÓN

27 de out. de 2019

"NUN RECUNCHO DE LAZA": NOVO LIBRO DE CARMEN RIVERO GALLEGO.






Unha morea de veciños de Laza, amigos, compañeiros e familiares estivemos onte na presentación da nova publicación da poetisa Carmen Rivero. Foi un acto no que a música (guitarra) e o recitado da autora se combinaron para crear un momento máxico. O título do poemario (Nun recuncho chamado Laza) reflicte moi ben a paixón de Carmen pola súa terra, paixón da que nos fai partícipes.
O EDLG do IES Taboada Chivite, do que foi coordinadora, celebra esta publicación, que supón unha aportación moi persoal ó noso imaxinario cultural, na que se fan patentes a tenrura e a sensibilidade que sempre caracterizaron a nosa compañeira, recentemente xubilada.


Isabel Cota.

24 de out. de 2019

CONCURSO DE IMAXES PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE DE XÉNERO.

O alumnado de 4º ESO do noso centro participará no "Concurso de imaxes para a promoción da igualdade de xénero e a prevención da violencia de xénero entre o alumnado da Eurocidade Chaves-Verín", enmarcado no Proxecto 0101_GNP_AECT_1_E (INTERREG ESPAÑA-PORTUGAL, Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal) e promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade. 

Trátase dun concurso en liña de proxectos plásticos formados por fotografías, fotomontaxes, carteis, debuxos ou outras imaxes en formato dixital no que o alumnado reflexionará sobre a igualdade entre mulleres e homes e/ou sobre a violencia contra as mulleres e as nenas, nun marco de cooperación territorial entre Galicia e o norte de Portugal.

O próximo luns, 28 de decembro, ás 16:40, no salón de actos, realizarase unha palestra informativa dirixida ao alumnado participante, na que se introducirán os conceptos básicos para a participación informada no concurso: igualdade entre mulleres e homes, violencia de xénero e cooperación.

Estamos ante unha actividade interdepartamental, na que colaboran os tres titores de 4º ESO, o Departamento de Orientación, o Equipo Directivo, o Departamento de Plástica e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Pódense consultar as bases do concurso premendo na seguinte LIGAZÓN

23 de out. de 2019

A BELA E A BESTA NO AUDITORIO DE OURENSE


Onte, día 22 de outubro, parte do alumnado e profesorado do IES Taboada Chivite viviu a marabillosa experiencia de representar o musical A Bela e A Besta ante máis de mil alumnos e alumnas de primaria e secundaria no Auditorio de Ourense. Será algo inesquecible para eles que non tería sido posible sen o apoio do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e da Coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da provincia de Ourense, Manoli Maseda.
O noso máis profundo agradecemento, extensivo a todos /as os/as que, dende o Concello de Ourense, fixeron que isto fose posible.
Non queremos esquecer todo o alumnado e profesorado de centros de primaria e secundaria que nos foi ver (moitas grazas polo voso aplauso) e os técnicos do Auditorio de Ourense, que nos acompañaron e dedicaron moitas horas de traballo.
GRAZAS

15 de out. de 2019

ALGÚNS CONSELLOS PARA AFORRAR AUGA

A continuación aparecen algúns consellos, extraídos do blogue de Zaplo (https://www.zaplo.es/blog/consejos-para-ahorrar-agua/), para aforrar auga de forma sinxela e poder cumprir o compromiso ecolóxico deste mes:

Consellos para aforrar auga na cociña:
  • Deixa correr a auga da billa soa para  enxugar os pratos e pecha a billa mentres os  enxaboas.
  • Evita que as billas  goteen cando non as estás empregando.
  • Utiliza o lavalouzas só cando estea completamente cheo e utilizando un programa  economizador da auga.
  • Lava as froitas e verduras nun recipiente e non baixo a billa aberta. Para  desconxelar alimentos podes facer o mesmo.
  • Utiliza a auga do punto anterior para regar as plantas.
  • Pon en remollo as potas e tixolas uns minutos antes de fregalas para evitar o gasto desproporcionado de auga
Consellos para aforrar auga no baño
  • Pecha a billa mentres te afeitas ou lavas os dentes.
  • Apaga a ducha mentres  lavas o pelo.
  • Dúchate en lugar de bañarte e non esteas demasiado tempo baixo a ducha. De ser posible, reduce a duración un par de minutos.
  • Vixía que o tanque do inodoro non teña fugas de auga. Controla tamén que a cadea se pecha ao baleirarse o depósito.
  • Comproba que todas as billas teñen  aireadores de auga.
  • Instala un  difusor na  alcachofa da ducha e reduce o seu consumo á metade sen darte conta.
Consellos para aforrar auga no xardín
  • Rega o céspede e as plantas pola mañá ou pola noite, evitando as horas de maior evaporación da auga.
  • Revisa fugas en billas, mangueiras, bombas de auga… Ao estar no xardín é fácil que non nos deamos conta se hai unha avaría.
  • Usa unha vasoira no canto da mangueira para limpar exteriores e varrer follas.
  • Rega a man as zonas pequenas e con  aspersores as de maior tamaño. Programa estes últimos e úsaos de maneira eficiente seguindo os consellos do fabricante.
  • Teña o céspede limpo de vexetación e de arbustos, sobre todo en zonas de pendente e máis complicadas de regar.
Consellos para aforrar na piscina
  • Evita a evaporación da auga tapando a piscina cando isto sexa posible. Así evitarás ademais que se  ensucie e non terás que recorrer tan constantemente a aparellos de limpeza como limpa-fondos.
  • Comproba que non hai fugas. Para iso, sinala o nivel da mesma e, pasadas 24 horas, comproba que o devandito nivel é o mesmo. Apaga o dispositivo automático de enchido mentres fas esta comprobación.

Como podes observar, con estes consellos para aforrar auga, conseguilo é moito máis fácil do que parece. Simplemente temos que deixarnos levar polo noso sentido común. Asegurámosche que se segues ao pé da letra estes consellos poderás reducir o consumo de auga no teu fogar á metade, o cal será de agradecer tanto para o teu peto como para o medio ambiente.

COMPROMISOS ECOLÓXICOS

"Menos é máis" (Imaxe de Isabel Cota)
Desde o EDLG, en colaboración coa profesora Puy Goyache, queremos convidar a toda a comunidade educativa a que participe na actividade "Compromisos ecolóxicos".
Cada mes plantexaremos un compromiso ecóloxico que deberedes pór en práctica. Este mes o compromiso é: "Aforremos auga".
Como proba do cumprimento do reto, realizaredes unha fotografía na que aparezará unha das accións concretas que desenvolvestes.
Enviaredes a imaxe xunto cun lema e os vosos datos a seguinte dirección de correo electrónico: ofiadeirodalingua@gmail.com
As fotos iranse publicando neste blog e na páxina de Facebook do Fiadeiro da Lingua. A final de curso realizarase unha exposición con todas as imaxes presentadas.
Animádevos a participar!!!



ACTO DE PRESENTACIÓN DO PROGRAMA TEI 2019-2020


O luns, 14 de outubro, ás 16:40,  púxose en marcha o "PROGRAMA TEI" (Titoría Entre Iguais), por cuarto ano consecutivo, co acto de presentación das parellas alumno titor-alumno titorizado.
Este programa está deseñado como unha medida preventiva contra a violencia e o acoso escolar. Os alumnos de terceiro curso de secundaria titorizarán aos de primeiro.
Previamente tiveron lugar varias sesións informativas para o alumnado titorizado, o alumnado titor e as familias. Nestas sesións explicáronse as características do programa, os obxectivos, o procedemento de intervención e o calendario de actividades.

Se queres atopar a foto, co teu titor ou titorizado, preme na seguinte LIGAZÓN

14 de out. de 2019

MODELOS CELULARES EN CARTOLINA

O alumnos e alumnas de 3º ESO representaron a forma e a estrutura dunha célula eucariota animal,  mediante vistosos modelos que construíron en cartolina.
A continuación aparece unha pequena selección dos mesmos: