30 de maio de 2019

X EDICIÓN OUFF ESCOLA



Acaba de presentarse en Ourense a X edición do OUFF Escola, dentro das actividades cinematográficas do Festival de Cine Internacional de Ourense (Ouff).


Este concurso de creación audiovisual, organizado pola Concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vai dirixido aos centros de ensino públicos e privados que teñan no seu currículo materias en lingua galega.

Poderán presentarse curtametraxes en lingua galega de ata 20 minutos de duración. Haberá premios para as dúas categorías establecidas: infantil e primaria por unha  banda, e outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son), por outra.

O prazo para participar finaliza o 2 de xullo. Podedes consultar as bases premendo na seguinte LIGAZÓN

29 de maio de 2019

RETRATANDO A VIDA


Erik Santiago (alumno de 1ESO) é o gran fotógrafo, autor das imaxes expostas nun dos taboleiros do instituto, que forman parte do seu proxecto "Retratando a vida". Axudárono coa montaxe os seus compañeiros de clase de galego (profesora Rosa Alonso).

ESCAPE-ROOM LETRAS GALEGAS 2019

O pasado mércores, 22 de maio, a biblioteca organizou a primeira Escape-Room feita con alumnos no Chivite!!
Coma vén sendo costume, participaron alumnos de 2º ESO. Fíxose un sorteo entre os 5 grupos de 2º, e finalmente, sairon elixidos os seguintes catro, de 2º ESO C:
Daniel Oliveira Feijóo
Antonio Ginzo Miranda
Manuel Romero Jiménez
Juan José Rodicio López
Para quen non saiba o que é unha escape-room (en inglés "Habitación de escape"): é un xogo que cada vez se estende máis pola xeografía galega. Xógase sempre en grupo e consiste en resolver en equipo unha serie de problemas dentro dunha habitación ou máis dunha para acadar o obxectivo do xogo: escapar do lugar de xogo. Pero tamén hai un tempo limitado e o xogo se gaña se o equipo consegue resolver todos os problemas a tempo. En todo momento son vixiados por unha cámara web ou varias, que son monitorizadas desde o exterior.
A nosa escape-room tivo lugar na biblioteca, a 2ª hora do mércores. Daniel, Antonio, Manuel e Juan quedaron pechados na mesma baixo chave e tiveron 40 minutos para superar 5 probas que se lles ían pasando escritas por debaixo da porta: resolver un puzzle on-line, descifrar palabras para completar unha cita dun libro sobre Antonio Fraguas, atopar o libro entre os 10.000 volumes da biblioteca, ...
Os alumnos conseguiron superar a tempo as 5 probas, levando cada un un premio dun vale de 10€ !!!
As fotos que podedes ver foron tomadas pola cámara web posta na biblioteca exclusivamente para o xogo: a cada proba superada, tiñan que amosar ante a cámara unha proba de que conseguiron resolver o problema.
En homenaxe a Antonio Fraguas, o autor celebrado nas Letras Galegas 2019.
(Texto escrito por Daniel García Cancio, profesor de Grego, Cultura Clásica, Coordinador TICs e responsable da organización da actividade)
PARABÉNS!!!!!!

27 de maio de 2019

GRADUACIÓN 2º BACHARELATO 2019

O pasado venres foi o acto de graduación do noso alumnado de 2 Bacharelato. Desexámoslles moitísima sorte!!!
A continuación podedes ler dous textos escritos por alumnas de 2 Bacharelato. O primeiro, por Arancha Merodio, Marta Caneiro e Lucía Álvarez, que cursaron no Taboada Chivite 1 e 2 Bacharelato:

Hai dous anos, moitos sentimentos cruzaban a nosa mente. Entrar no instituto significaba saír de todo o coñecido, o que, por algunha razón, provocaba en nós unha emoción incontrolable. Quizais o medo aos novos horizontes, quizais o desacougo.

Os comezos nunca son sinxelos. Pasou moito tempo ata que os novos deixamos de perdernos polos corredores descoñecidos do Taboada Chivite, pero ó final non resultou tan diferente. Unha clase, uns adolescentes inquedos e impacientes ocupando a cadeira dun pupitre e un profesor que loitaba contra ese cúmulo de emocións.

Pero é que a aprendizaxe vai máis alá de tirarnos dos pelos por todos os temas de historia que nos temos que aprender. Máis alá de entender que o “logo” de Descartes equivale a “polo tanto” e non a “despois”, formando unha oración subordinada adverbial de consecuencia. Máis alá dos imposibles exames de física e dos interminables temas de bioloxía. Vai máis alá de Cunqueiro, de Fole, de Blanco Amor e de Neira Vilas; dos balances de situación de economía que nos perseguiron durante todo o curso. Bacharelato é máis da obra expresionista Munch e a mirada da Mona Lisa, os compases da Novena Sinfonía e a melodía das zarzuelas.

Día tras día, subir unhas escaleiras traía consigo convivir co estrés, compartir apuntes; levantarnos ás oito da mañá cada día, malia quedar estudando ata as catro nesas semanas infinitas de maio; deixar atrás os nervios antes de entrar a un exame as 16:30; e sobre todo, comprender que o esforzo sempre, sempre merece a pena. Aprendemos a formarnos, máis que academicamente, persoalmente, a definir a nosa insistencia, a non rendernos e a levantarnos despois de cada golpe e decepción.

Porque é verdade que o instituto é máis que clases. É unha mestura de axitacións, unha loita pola madurez, un cúmulo de coñecementos. As pizarras eran escritas, os bolígrafos gastados e os pupitres ocupados. E xunto con eles, profesores e profesoras transmitindo a paixón polo seu. Toda verba conseguía cruzar as catro paredes. Elas foron quen escoitaron o ensino de valores, de respecto, de educación.

E aínda que moitas veces cada tic-tac se nos fixo interminable… unímonos e creamos un grupo novo cada ano. Todo o que coñecemos hai dous anos son agora os nosos compañeiros, os nosos amigos, o noso respaldo en moitas situacións.

Co edificio, un lugar de ensino, deixamos atrás as risas que nos acompañaron durante anos, e incluso discusións sobre que data é a mellor para pór un exame. Pero, coma el, sempre quedarán os recordos e as amizades que fixemos ó longo da nosa segunda casa.

Chegados ó fin, podemos sentir admiración por nós mesmos, por conseguilo, desprendernos da agonía e seguir adiante, con moitos novos obxectivos e soños por cumprir. Grazas a todos e todas por facer que isto fose posible, grazas por crer en nós. Somos hoxe a imaxe dos vosos esforzos, do empeño e da dedicación.

O segundo, escrito por Teresa Castro, que cursou no Taboada Chivite toda a ESO e o Bacharelato:

É a primeira vez que me paro a pensar ata onde chegamos, todo o que pasamos dende ese 2012, cando uns ananos entramos pola porta do instituto. Era un cambio enorme vir do teu colexio a ese labirinto cheo de alumnos moito máis grandes que nós. E o máis sorprendente eran esos estraños da clase que non eran os compañeiros de toda a vida e todas esas caras novas de profesores que parecía imposible acordarse de todos os seus nomes.
Pasaron dous anos e xa nos perderamos mil veces por ese labirinto, eses estraños da clase convertéranse en compañeiros, colleramos cariño e confianza a eses profesores novos, e ben... algúns cantos partes tamén estiveron presentes. Foron unha chea de novas experiencias, como cando querías ir a plástica e recorrías as tres plantas, estar nas clases de Marisa onde ninguén facía o menor ruído, morrer nesa horrorosa proba de resistencia de ximnasia ou abrazar no recreo os teus amigos, dos que te separaran, coma se non os tiveras visto dende había anos.
Seguiron pasando máis anos e desas clases de terceiro e cuarto só podo recordar risas. Un pouco de música entre clase e clase, máis papeis no aire que nas libretas e un moi bo rollo entre todos nós. Dous anos nos que tivemos uns titores memorables como Lamas, Natalí e Dani de historia, que se gañaron a nosa simpatía en nada e cos que botamos moitísimas risas. Tamén hai que dicir que os nosos profesores tiveron que ter algo de paciencia, pero como xa nos dicían, sabían que no fondo eramos bos nenos e ao final collíannos cariño. Porén, ás veces iso non nos chegaba para ter suficientes profesores para as excursións, cando o único valente era o profe Dani de ximnasia.
O bacharelato chegou e con el algo de cambio, agora tiñamos máis responsabilidade, máis traballo e claro, se non escoitas mínimo 100 veces na primeira semana: “Téndesvos que pór as pilas xa” ou “Na selectividade...”, non é bacharelato. Menos mal que tiñamos a Ana Iria coidándonos e preocupándose por nós coma se fósemos os seus fillos, e a Isa soportando as nosas faltas polos exames e animándonos a dar o mellor de nós mesmos neste último tramo, ás veces eterno e ás veces fugaz.
En resumo, pasamos seis anos neste instituto, e é normal que teña un lugar importante nas nosas vidas. Neste sitio crecemos, aprendemos, maduramos e formamos a nosa identidade.
É curioso pensar nas veces que quixen que acabara xa e que agora me dá algo de mágoa pechar este ciclo. Lévome moi bos recordos que non serían posibles sen os meus compañeiros, os de toda vida e os que o parecen, e tampouco sen eses profesores que nos animaron a loitar polo que queremos e que riron con nós coma se fosen un máis.
Foi incrible, grazas

20 de maio de 2019

A NOVELA GRÁFICA "ZENOBIA" TEXTUALIZADA EN GALEGO

O alumnado de 1 ESO da profesora de galego Belén Mellado textualizou na nosa lingua a fermosa mais tráxica novela gráfica "Zenobia", unha historia sobre unha nena que foxe da súa terra por mor da guerra... A continuación podedes ver un fragmento:


A PEGADA DE ANTÓN FRAGUAS NO IES XESÚS TABOADA CHIVITE (LETRAS GALEGAS 2019)


Obra do profesor de Plástica Javier Díaz e alumnado de 1 e 2 de ESO e 2 Bach.

16 de maio de 2019

CERTAME ENREGUÉIFATE 2019

Dende o 1 de abril até o 10 de xuño está aberto o prazo para participar na III edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate.
Para facelo, debedes enviar o voso vídeo regueifando. A participación é aberta e de balde, mais tede en conta que:
– Hai dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios.
– A lingua empregada debe ser o galego, a temática é libre, en cada vídeo deben aparecer cando menos 2 persoas e a duración máxima é de 3 minutos.

Para consultar as bases premede na seguinte LIGAZÓN

11 de maio de 2019

10 de maio de 2019

SAÚDE E BOS HÁBITOS

O alumnado de 3º ESO e de 1º BAC, cos profesores do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía Javier Rodríguez e Celtia González, realizaron imaxes sobre hábitos saudables. Cada foto aparece acompañada dun lema relacionado cun ou varios hábitos saudables.
Podedes ver as imaxes premendo na seguinte LIGAZÓN

MUSICAL 2019: A BELA E A BESTA


Despois das marabillosas pre-estrea e estrea, os días 3 e 7 de maio do musical A Bela e a Besta , hoxe venres día 10 de maio, no salón de actos do IES Taboada Chivite, ás 20:30, e mañá día 11 de maio ás 20:30 no Auditorio de Verín terán lugar dúas novas funcións....NON AS PERDADES!!!!
Se queredes escoitar a entrevista ao director do noso musical: David Rodríguez Rivada, podedes premer na seguinte LIGAZÓN