15 de dec. de 2015

ALIMENTOS DO NADAL

O alumnado de 3º de ESO (Bioloxía) e 1º de Bacharelato (Anatomía Aplicada) analizan a composición nutricional dos alimentos do Nadal e os seus efectos sobre a nosa saúde.





2 de dec. de 2015

PRISMA DE ACRECIÓN

Experimento de simulación e formación dun prisma de acreción, realizado por Lúa María Núñez Álvarez de 1º BAC B.

30 de nov. de 2015

RUTAS CIENTÍFICAS E LITERARIAS 2015

Un grupo de 24 alumnos de 2º de Bacharelato tivemos a sorte de vivir unha inmellorable semana de rutas científicas, artísticas e literarias organizadas polo Ministerio de Educación. No nosos caso, as rutas realizáronse na zona oriental de Andalucía e na comunidade de Murcia , lugares nos cales realizamos innumerables visitas para coñecer o seu patrimonio acompañados por outro centro palentino e dous monitores.
En primeiro lugar visitamos a cidade de Murcia ás beiras do río Segura e o conxunto histórico e artístico da cidade. Tamén realizamos un paseo en barco pola Manga do Mar Menor onde analizamos a paisaxe e a repercusión do home sobre o medio natural. Ademais visitamos os astilleiros que a empresa de Navantia ten en Cartaxena . Neste mesmo lugar, visitamos as ruínas do famoso Teatro Romano así coma o Museo Naval e o Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática. Na vila mineira de La Unión, visitamos o parque mineiro onde vimos recreadas as pésimas condicións de traballo e as longas horas laborais dos mineiros.
Outro día dirixímonos ao parque natural de cabo de gata e ao coñecido “mar de plástico” na cidade de El Ejido, cidade rodeada por miles de hectáreas de invernadoiros dedicados a agricultura considerados unha das hortas máis importantes de Europa debido as súas innovadoras técnicas de cultivo. Non moi lonxe do mar, atopamos un deserto, O deserto de Tabernas, no cal se filmaban moitos filmes do oeste; no que realizamos unha ruta observando a característica paisaxe e a peculiar vexetación.
Granada é unha cidade citada por poetas e lugar clave entre as culturas occidentais e orientais, nela visitamos o Parque das Ciencias onde fomos ao planetario, a unha exposición de momias, ao mariposario e a sala do corpo humano. Como visita indispensable, a Alhambra e o conxunto histórico e artístico da cidade.
E como destino final, a cidade de Málaga, en primeiro lugar vista dende as alturas do Mirador de Gibralfaro e posteriormente unha visita guiada polo casco antigo. Ademais da visita ao Museo Picasso, natural de Málaga e ao Centro Pompidou de arte contemporánea.
Sen dúbida foi unha excelente experiencia para aprender e descubrir miles de cousas.Unha semana cargada de interesantísimas visitas en compañía de magníficos guías que nos amosaron a súa terra da mellor maneira posible.
Incrible!

Ana Garcia Novoa de 2 BAC A.




24 de nov. de 2015

ORGULLOSOS DAS NOSAS EX ALUMNAS

Inés Vaz Ogando é entrevistada por Lucía Díaz Nicolino. Moi interesante

Hoxe falamos con Inés, unha rapaza de 18 anos que estuda bioloxía na Usc. Unha entrevista moi interesante!Realizado por: Lucía Díaz Nicolino

Posted by O galego nos diferentes sectores on Martes, 24 de Novembro de 2015

QUÉROTE +

Actividade organizada polo departamento de orientación para os alumnos de de 3º ESO.
Resumo realizado por: Lucia Rodriguez Salgado de 3ºESO C


A monitora explicounos en que consistía o servizo QUÉROTE + e explicounos como pornos en contacto se queremos facerlle algunha pregunta.

O taller tratou sobre que cousas temos en común as persoas ,e fixemos un xogo sobre iso.

Logo fíxonos preguntas como para que serve ter cousas en común, e como pornos todos de acordo por exemplo para ir de viaxe a algún lado.

A continuación, fixemos o xogo da laranxa que consistía en adiviñar para que serve a laranxa e despois de ler o texto sacamos a conclusión de compartir o que non nos fai falta a nos pero si a agunhas persoas .

Por último a monitora colocounos un papel cunha profesión e nós polo que nos decían os compañeiros tiñamos que adiviñar a palabra e preguntabanos como nos sentimos pola reación dos compañeiros ao ver o nome que tiñamos.

A min pareceume un taller moi divertido,a monitora fixonos xogos para coñecernos unhos a outros e explicounos cousas que debemos saber.


Lucia rodriguez salgado 3ºESO C

16 de nov. de 2015

AS TROIANAS, DE EURÍPIDES

No día 10 de novembro do 2015, o grupo de teatro "A tecedora de soños", do IES Taboada Chivite (Verín), representou a traxedia grega As troianas, de Eurípides, unha obra na que estiveron a traballar intensamente durante o curso pasado. A actuación dos actores e actrices foi maxistral, e tivo lugar no salón de actos do IES Ribeira do Louro (O Porriño)

9 de nov. de 2015

DESEÑO DO ENVASE DUN PRODUTO NOVO PARA ALMORZAR

Os alumnos de 3º ESO deseñaron o envase dun produto novo para o almorzo. Para facelo formaron grupos de tres ou catro persoas e seguiron estes pasos:
- Elixiron o produto: cereais, leite, zume...
- Pensaron o nome.
- Elaboraron a etiqueta do mesmo na que tiñan que indicar: a data de envasado, a data de caducidade ou consumo preferente, a forma de conservación, os ingredientes e a información nutricional.
- Deseñaron e montaron o envase con diferentes materiais (vidro, cartón, plástico...)
- Escribiron no envase un texto breve que incitase a compralo ou a consumilo.





5 de nov. de 2015

DIA DA CIENCIA EN GALEGO

Onte máis de 100 alumnos do noso centro gozaron da videoconferencia a cargo de Xurxo Mariño. Grazas a Coordinadora Galega de ENDL pola organización do evento.

Claudia Vega de 1º de Bach resumo así a experiencia

19 de out. de 2015

ENCONTRO DRAGAL 2015 NA TVG

O venres pasado o alumnado do IES Taboada Chivite participamos no II Encontro Dragal. Proximamente colgaremos fotos e un resumo da experiencia. Polo momento deixámosvos co enlace ao noticiario da RTVG onde conectamos en directo

8 de out. de 2015

CONCURSO RELATO TERROR SAMAÍN 2015

  • Poderá participar calquera membro da comunidade educativa do IES Taboada Chivite
  • O relato debe ser orixinal e tratar o tema do medo, terror,… preferentemente usando os personaxes da nosa cultura popular (Lobishomes, Diaños, Meigas, Santa Compaña, Urco, Defuntos, Aparecidos, Trasnos, O Lobo da Xente, Mouros, Fadas etc…)
  • A extensión será breve, entre 1 e 3 folios
  • O prazo de entrega será ata o día 26 de outubro
  • Poderase entregar no correo electrónico ofiadeirodalingua@gmail.com , ao titor/a ou a calquera profesor membro do EDLG (Guiomar Vázquez, Carmen Trigo ou Daniel Lorenzo)..
  • Un xurado elixirá o relato gañador que será dado a coñecer o 29 de outubro. O relato gañador será publicado neste blog e na revista Faíscas.
  • Haberá agasallos para os mellores



5 de out. de 2015

CONCURSO-EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA: OUTONO NATUREZA E CELEBRACIÓNS (vendima, magosto, samaín...)

  • Para toda a comunidade educativa (alumnado, nais/pais, profesorado, persoal non docente)
  • Formato dixital. As fotografías enviaranse a ofiadeirodalingua@gmail.com dende hoxe ata o 10 de xaneiro
  • Débese incluir o nome do lugar e o nome do autor
  • Poden acompañarse de poemas, refráns, cantigas... alusivo á imaxe
  • Farase unha exposición coas fotografías presentadas
  • Haberá agasallos para as que o xurado seleccione como as mellores
Anímadevos a participar!!!

Licença Creative Commons
Fundo do Outono com abóboras na mesa (Photobank Grátis http://www.torange-pt.com) / © Este trabalho está licenciado com uma LicençaCreative Commons - Atribuição 4.0 Internacional. Para o site internet do hiperlink em www.tOrange-pt.com. Direitos para além do escopo desta licença estão disponíveis em: http://www.torange-pt.com/2347.html.

28 de set. de 2015

MUSICAL MAMMA MIA

Os nosos compañeiros comezan o novo curso como remataron o anterior: abraiándonos a todos coa súa arte.




4 de xul. de 2015

INSPIRACIENCIA E BO VERÁN A TODOS

Como derradeira entrada de este curso deixámosvos coas fotos e a experiencia de Ángela na recollida de premios de Inspiraciencia. Bo verán a todas e todos!!!

"Asistín o xoves á entrega de premios en Barcelona e finalmente quedei de segunda na miña categoria. A gala foi xenial e moi entretida igual que a xente do xurado coa que falei e a organizadora, todos moi amables. O premio moi ben para ser o segundo posto, un kindle, un vale de diñeiro para amazon, libros sobre a ciencia, e despois da editorial galaxia tamen un lote de libros que ainda me estan por chegar a casa... E tamen me fixeron unha entrevista jaja"

18 de xuño de 2015

Ciclo Briofitos

Ciclo briofitos: Jose Antonio Zubiela (letra), Adrián González (imaxes e partituras), María Pérez e María Romero (voces e instrumentos), David Santiago (voz, gravación e edición

SIMULACIÓN DO FENÓMENO "EL NIÑO"

Iago Lombao de 1º BAC A, deseñou un experimento para simular o fenómeno de "El Niño", que se produce no Pacífico oriental xunto as costas de Perú, cando os ventos alisios amainan e persiste a termoclina, cada 3-5 anos, alcanzando valores máximos no Nadal.

16 de xuño de 2015

RELATOS FINALISTAS CONCURSO INSPIRACIENCIA


Sabela Domínguez Souto co  relato "A danza" e Angela Lamas Gómez con "O inverno e as rosas" foron seleccionadas entre as finalistas do concurso de relatos Inspiraciencia na categoría xuvenil en galego. Parabéns!!!

15 de xuño de 2015

EXPERIMENTO SOBRE A RECRISTALIZACIÓN DO SAL

Mercedes Castro Cid comprobou co seu experimento a influencia do factor tempo (velocidade de enfriamento) na formación de cristais de cloruro sódico.

12 de xuño de 2015

MUSICAL MAMMA MIA

Deixámosvos as fotos do estreo do musical máis agardado da tempada.
Preme na foto para acceder ao resto do álbum

PAPEL DAS VÁLVULAS TRICÚSPIDE E MITRAL NO LATEXO CARDÍACO

A través do seguinte deseño experimental Marta Cid e Alba Parada de 1º BAC A amosan a función das válvulas aurículo-ventriculares no ciclo cardíaco, impedindo o retroceso do sangue.

11 de xuño de 2015

PRESENTACIÓN SOBRE ENFERMIDADES CAUSADAS POR PROTOZOOS

Verónica, David, Iris e Sandra de 1º BAC B, expuxeron na aula as causas, vías de transmisións tratamento, diagnóstico, prevención, zonas endémicas e casos en España de dúas enfermidades provocadas por protozoos: malaria e enfermidade do sono.

9 de xuño de 2015

OS XARDÍNS BOTÁNICOS

Iván da Concepción, Álvaro Moreiras e Aarón Rúa invítannos a coñecer e desfrutar dos mellores xardíns botánicos do mundo a través da seguinte presentación.

EXPERIMENTO. XEODAS CON PÓ DE ALUME

Ana García Nóvoa e David Santiago explícannos como fabricaron xeodas de diferentes cores empregando cascas de ovos, auga, colorantes alimenticios e pó de alume.Parabéns a estes alumnos e a súa profesora pola calidade do vídeo


8 de xuño de 2015

EN BUSCA DA IGUALDADE

Miguel, Ánxela, Noa, Noelia e Tania realizaron este magnífico traballo para o Concurso Escolar En Busca da Igualdade organizado polo Parlamento de Galicia. Non fostes premiados pero estamos moi orgullos do vós.

5 de xuño de 2015

O LATEXO CARDÍACO

A través do seguinte deseño experimental Marta Cid e Alba Rodríguez de 1º BAC A amosan a función das válvulas aurículo-ventriculares no ciclo cardíaco, impedindo o retroceso do sangue.



4 de xuño de 2015

3 de xuño de 2015

MODELO VENTILACIÓN PULMONAR

A alumna de 1º BAC B, Iria Prieto Domínguez, amósanos na seguinte presentación como deseñeu e construiu un modelo para recrear a ventilación pulmonar.



2 de xuño de 2015

DESPEDIDA SEGUNDO BACHARELATO. CRÓNICA ROSA

Ola amigos!
Hoxe toca facer unha reseña cuxa protagonista será a dona das reseñas, a profesora de bioloxía Guiomar Vázquez, tamén coñecida como Biomar.
A nosa Bioprofe asistiu o pasado venres día 29 de maio á graduación dos alumnos de segundo se Bacharelato, ós que ela tamén lles dera clase. E vaia se deu clase co seu vestido estampado de anxiospermas violetas, verdes e rosas. Estas cores tan chamativas foron escollidas pola nosa profesora para que así poidera coitinuar debidamente a polinización, isto é, as cores chamativas atraen ós distintos insectos para que se poida producir así a reprodución das plantas.

Guiomar, que podería pasar desapercibida entre as alumnas e subir ó escenario a recoller o seu diploma, acompañou o vestido cun bolso de esparto do que colgaban tres borlas de distintas cores a xogo co seu vestido. Tamén decidiu combinar os zapatos co resto dos complementos, deste xeito Guiomar lucía uns zapatos violetas cun gran lazo na súa punteira.
Non esqueceu pasar pola perruquería. Para esta ocasión a nosa mestra decantouse por un alisado integral que rematou cun pequeno recollido de pinzas na parte traseira da súa cabeza.
En canto á súa face, podemos observar a delicadeza das cores escollidas para a súa maquillaxe  combinadas cuns pendentes longos que colgaban das súas orellas.

Guiomar… non é por ser pelota… ías guapísima. Todo hai que dicilo.
Sabela Domínguez e Marta Cid 1º Bach A

26 de maio de 2015

CAMPOSANTO DE FÁTIMA PEÓN TORRES

O meu libro titúlase Camposanto, a súa autora é Fatima Peón Torres que naceu en Pontevedra , gañou varios certames literarios e foi galardonada polos premios Minerva . Ademais da narrativa tamén está interesada no cine e no teatro , xa que se formou na escola de interpretación de Pontevedra.
Escribiu catro libros entre os que podemos destacar , o libro que estamos a comentar e outro titulado "Trinta de novembro"  adicado ao seu avó paterno.

Camposanto é un libro que fala da infancia e da adolescencia entre dúas nenas amigas chamadas Sofía e Lea , que se coñecen dende que eran cativas. O libro divídese en dúas partes , unha parte narra a infancia de ambas as dúas rapazas , como son felices coas súas respectivas familias nun pequeno pobo chamado Liar onde pasan as vacacións . A outra parte do libro trata sobre a súa adolescencia en Pontadela , que ao contrario que na súa infancia, esta parte das súas vidas está chea de mortes e desgrazas onde a felicidade non é un factor importante.
Ambas as dúas partes do libro vanse alternando ao longo da historia , de maneira que conta un capítulo da infancia e outro da adolescencia , de maneira que se entende como chegaron dende un punto no que eran felices a outro no que ese termo non ten significado.
Os personaxes que máis me gustaron foron :
Sofía , unha das protagonistas , que é unha rapaza forte e loitadora que defende ao seu irmán por riba de todo.
Lea , a outra protagonista , é unha persoa moi observadora con moita imaxinación , que aínda non sabe se lle gustan os mozos ou non e cree na inxenuidade de que entre ela e Sofía non hai segredos.
Alberto, amigo da infancia de ambas as dúas protagonistas, que na actualidade so garda contacto con Lea.
O personaxe que menos me gustou foi o pai de Sofía que é un home cruel e maltratador que só pensa nel mesmo.

Camposanto pareceume un libro moi fácil de ler xa que a autora emprega un léxico moi doado de entender e tamén recorre ao diálogo e eso axuda moito. Un dos motivos polos que me gustou foi que é unha historia moi cribel xa que te esqueces de que é unha historia inventada porque te metes no papel das súas vidas fácilmente , o outro motivo que me gustou foi o valor da amizade entrea as dúas rapazas.

ANA SALGADO MARTÍNEZ   3ºESO C

21 de maio de 2015

XARDÍN SUSPENSO

O pasado luns 18, máis de 100 alumnos do IES Xesús Taboada Chivite puidemos asistir á representación da obra de teatro Xardín Suspenso de Abel Neves dirixida por Cándido Pazó. Esta sucede nun xardín construído por Lucía, a filla menor dunha familia galega acomodada. Este xardín non é verde con flores, en vez diso ten area e pedras, dado que esta ambientación ten un significado especial, está dedicado á unión dela co seu irmán adoptivo, Mateo, do cal está perdidamente namorada.

Todo parece normal ao principio ata o momento no que Mateo anuncia o seu compromiso coa súa noiva Paula. Lucía comeza a enfermar debido a que deixou de comer, sobrevivindo só con vasos de auga, para poder chegar con vida ao día da voda do seu irmán. Pasan as semanas e Lucía empeora, pero súa nai non a quere sacar de casa pola forza sentimento contrario ao do seu marido. Lucía deixa de falar e só conversa ás veces coa súa avoa. Por fin chega o gran día, a Lucía fáltanlle as forzas e comeza a delirar, entra en escena Mateo, esta pídelle un bico e este non é capaz de dicirlle que non, bícaa e morre non seus brazos, deixando aos seus pais e avoa sen resposta de por que fixo todo o que fixo.

Esta obra conta cun elenco reducido pero moi coñecido entre o público galego pola aparición destes en series emitidas pola TVG, como Padre Casares, Matalobos e Terra de Miranda. Estes actores estiveron sometidos a unha gran tensión debido ao guión e ao drama que representaban. Aínda así souberon transmitir os sentimentos e emocións ao público conseguindo que algúns dos asistentes botaran algunhas bágoas.

Xardín suspenso é unha representación de moitos estados de ánimo dentro da mesma obra, dende momentos de risa ata momentos de medo e tristeza pasando por algúns de tolemia.

Iria Prieto 1º BAC

20 de maio de 2015

MAQUETAS XEOMORFOLOXÍA

Maquetas sobre xeomorfoloxía, realizadas polos alumnos de 3º ESO, durante a 3ª avaliación. Nelas representaron formas de modelado volcánico, kárstico, glaciar, eólico e fluvial empregando diferentes materiais.




16 de maio de 2015

4 de maio de 2015

CHARLA SOBRE INMUNOLOXÍA

Fotografías tomadas por Sabela Dominguez Souto na conferencia sobre inmunoloxía, celebrada o día 29 de abril na Casa de Cultura as doce da mañá, impartida por dúas investigadoras da universidade de Vigo. Asistiron os alumnos do centro de 1º de Bacharelato que cursan Bioloxía.


Nesta charla, na cal se tratou o significado do noso sistema inmunitario foi moi proveitosa, xa que respondía varias preguntas que nos facemos todos entorno ao noso organismo e a súa defensa.
Durante a sesión puidemos comproba que o noso Sistema Inmunitario, ademais de funcionar a través do sangue tamén o fai polos órganos linfáticos onde poden madurar tanto os linfocitos B coma os T. O máis interesante desta explicación foi o coñecemento de que o noso organismo ten a capacidade de memoria, xa que ao entrar un axente patóxeno que xa estivera presente con anterioridade, permítelle recoñecelo e atacalo cunha maior preparación.

Por outra banda, a defensa que presenta o noso corpo ante patóxenos non é nada sinxela, xa que ademais dos linfocitos interveñen varias células dendríticas e macrófogas que axudan a eliminar este patóxeno por medio de anticorpos de varios tipos.

O noso Sistema Inmunitario pode proceder de vías tan directas coma do leite que tomamos durante a lactación como da nosa propia nai durante o desenvolvemento embrionario, pero a pesar diso, tamén debemos empregar unha vía indirecta por medio da vacina.
As vacinas conteñen o a xente patóxeno morto ou vivo pero sen a súa actividade plena, isto fai que ao inxectalo o noso organismo reaccione e xere anticorpos que axuden a previr esa enfermidade antes de que chegue ao noso organismo.
As vacinas son moi importantes para previr as enfermidades e non xerar pandemias, como o caso da viruela que foi exterminada no século pasado grazas as axudas destas vacinas.
Ademais das vacinas, o estudo do noso Sistema Inmunitario tamén nos permite elaborar outras medidas preventivas antitoxinas, como as elaboradas a partir da larva de mexillón ou estudos para tentar elaborar test de cocaína a partir da mucosa bucal.
Todo o que nos rodea móstranos un grave perigo para a nosa saúde, por iso, grazas a nosa pel que exerce de barreira natural , o noso Sistema Inmunitario é imprescindible para que levemos a cabo un tratamento destes organismos patóxenos.
Grazas aos estudos que se están levando a cabo por numerosos biólogos e químicos, fan que as posibilidades de erradicar certas enfermidades sexa maior. Probas como a monoclonación deste antipatóxenos fan posible que estes permanezan presentes durante moitos anos sen necesidade de arriscarse a perdelos.

En definitiva, o noso Sistema Inmunitario é fundamental para levar a cabo unha vida exenta dos perigos que nos rodean. Por iso figuras como os investigadores son cruciais para que a evolución chegue ao campo da bioquímica, e nos a axude a solucionar os problemas da nosa saúde.
Sandra Fernández Fraile 1º Bach B



Persoalmente esta charla pareceume moi interesante e gustoume moito, xa que non só nos explicaron correcta e fluídamente que era a inmunoloxía, senón que ademáis tamén nos falaron das súas aplicacións, manténdonos sempre atentos.
Non coñecía moito sobre esta rama da bioloxía, polo que me sorprenderon gratamente. Non sabía que se podía aplicar en tantos campos da nosa vida, polo que elas conseguiron que me interesase por ela e a teña en conta, xa que aínda non sei que carreira estudar.
Estas charlas gústanme e disfrútoas, xa que ao ser dada por entendidos no tema, a maioría das veces resultan máis amenas que lendoas nun libro.
Andrea Pérez Rivas, 1ºBach A


Persoalmente a charla gustoume bastante por varios motivos. Para empezar, pareceume moi enriquecedora en canto a conceptos e termos. Trataba sobre un tema do que xa tiñamos una base, polo que foi máis fácil de seguir.
Por outro lado, foi moi agradable que tivesen un acercamento con nós, o que fixo que non fose o tempo moi pesado e aburrido. Ademais, para facilitarnos a explicación argumentaron con exemplos fáciles de entender e da vida cotiá, como por exemplo cando nos cortamos cun coitelo.
Finalmente, tamén me gustou que a charla tratase sobre unha acción inmunolóxica que ocorre no noso organismo, pero da que nin sequera nos damos conta.
Andrea Álvarez Salgado, 1º Bach A


Dende o meu punto de vista, esta conferencia foi moi interesante porque permitiunos coñecer un campo moi interesante, a Inmunoloxía. Considero que o futuro da biomedicina xira entorno a este tema, polo que é un acerto que nos informemos ao respecto.

Aínda así, tamén debo reprochar certos aspectos. Para levar a cabo unha boa presentación de calquer tema, as diapositivas que se utilizan deben ser máis chamativas e conter menos información. A unha persoa cuxos coñecementos sobre a materia sexan mínimos pode resultar bastante pesado o feito de que lle presenten tanta información nun curto periodo de tempo. A forma máis práctica de aprender é traballando o esencial dunha forma dinámica e didáctica, algo que quizáis non lograron.

Con todo, un gran acerto pola súa parte foi a implementación de vídeos as súas explicacións e de apelacións ao oínte mediante preguntas ao público. En definitiva, o tema a tratar é bastante cautivador e importante na sociedade de hoxe en día.


David Santiago Rivas 1º BAC B

23 de abr. de 2015

RELATOS PREMIADOS I CERTAME DE RELATO BREVE MARÍA VARELA

O martes 14 de abril, tras a deliberación do xurado, escolléronse os tres relatos gañadores do I certame de relato breve María Varela e procedeuse á apertura dos sobres para coñecer a identidade dos gañadores. Os resultados foron:

Primeiro premio:
Noa Fdz. Méndez, do IES Xesús Taboada Chivite

Accésits:
Iria Ruá Vázquez, do IES Castro de Baronceli
Irea Rodríguez Cañueto, do IES Carlos Casares

A entrega formal dos premios realizarase durante a cerimonio que se celebrará no salón de actos do IES Taboada Chivite en data que se determinará proximamente. Os tres relatos pulicaranse na revista Faíscas e neste blog.. Parabéns ás gañadoreas e grazas a todos os que fixestes posible esta homenaxe coa vosa participación

Grazas a todos os participantes!

21 de abr. de 2015

CROMATOGRAFÍA

María Barreira Miranda de 1º BAC A, describe dun xeito sintético, como foi quen de separar pigmentos (clorofila, carotenoides...) en follas e flores, usando a cromatografia de papel.

17 de abr. de 2015

INSPIRACIENCIA 2015

Lembrámosvos que os relatos deben ter unha extensión máxima de 800 palabras. Toda a información aquí

16 de abr. de 2015

QUE FORZA EMPURRA A CLARA E A XEMA DO OVO A TRAVÉS DUNHA PALLIÑA?

Presentámosvos a presentación e o vídeo que realizou Sandra Fernández de 1º BAC B. Neles aparecen o obxectivo, o material, o procedemento e os resultados do experimento no que comprobou o fenómeno da osmose por medio dunha montaxe cun ovo de pita, auga e unha palliña



14 de abr. de 2015

OBSERVACIÓN DE BACTERIAS

Informe da práctica de laboratorio realizado por Sergio Salgado Santamarina e David Santiago Rivas de 1º BAC B sobre a preparación, tinción e observación de mostras de células procariotas.

Práctica- Observación de Bacterias

12 de abr. de 2015

NOVA SECCIÓN: EXPERIMENTOS. PODEN AS FLORES CAMBIAR DE COR?

A alumna de 1º BAC A Andrea Pérez Rivas deseñou e realizou un experimento sobre fisioloxía vexetal no que comprobou o ascenso por capilaridade do zume bruto a través do xilema. 

Na seguinte presentación aparecen as etapas da experiencia práctica, así como un vídeo explicativo.
A partir dos contidos impartidos na aula e da recopilación de información na Internet, foi quen de formular e comprobar a seguinte hipótese: As flores brancas cambian de cor ao mergullalas en agua tinguida con colorantes alimenticios debido ao transporte de auga coloreada polo xilema.

9 de abr. de 2015

O MISTERIO DAS BADALADAS DE XAVIER D.CAMPO


Na torre da igrexa de Eiranova acabaron de instalar un reloxo que, na primeira noite despois da instalación deu 13 badaladas medianoite, porque nas horas en punto dálle a badalada correspondente. Solo algunhas persoas se deran de conta dese acontecemento, entre elas Cristina que llo conta aos seus amigos ao día seguinte no colexio.
A seguinte noite volveuse producir ese mesmo acontecemento, entón Xes o cura decide chamar ao reloxeiro porque cree que está escachado. Pero os rapaces non están convencidos de que sexa por iso.
Volveu pasar o mesmo, Cristina encontra un mensaxe en clave nun libro que os reta a buscar o culpable dese acontecemento.

PERSONAXE
O personaxe que mais me gustou foi Cristina que foi a primeira en decatarse dese fenómeno e porque ela animou a descubrir a seus amigos o misterio das badaladas.

OPINIÓN PERSOAL
Gústanme os libros destes que te fan como participar na historia. Ademais de ser una lectura bastante entretida e lixeira de ler.
Ten ilustracións e adiviñas que é coma se ti os tiveses que descubrir. Recomendaríallo as persoas que lle guste o misterio, porque é coma se estiveses ti resolvendo o gran misterio.

O final causoume moitísimo misterio.
Noelia Morais Reis 3º ESO B

28 de mar. de 2015

RALLY SEN FRONTEIRAS


Os alumnos de 4º de ESO coordinados pola profesora Luz Blanco superaron a fase de centros do Rally de Ciencias organizado por Igaciencia.  Así, asistirán á final galega e á entrega de premios o día 8 de abril na Facultade de Química  na aula de Bioloxía de dita Facultade. Parabéns!!

26 de mar. de 2015

CONCURSO INSPIRACIENCIA 2015

 Inspiraciencia.
INSPIRACIENCIA é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico e participativo. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para. Preme aquí ou na imaxe para toda a información

Na edición 2014 Cristina Salgado alumna de este centro gañou o primeiro premio xuvenil co seu relato "Camiño de lembranzas".


AS SALINAS

Presentación sobre a explotación e o impacto ambiental producido polas salinas. Foi realizada por: Maria Barreira, Marta Carnero e Mercedes Castro de 1º BAC A. 



25 de mar. de 2015

20 de mar. de 2015

EDIPO REI

O pasado 6 de outubro, un magnífico grupo de alumnos de 2º de Bacharelato do IES Ribeira do Louro (O Porriño), capitaneados por Delio, Virginia e Patricia, deixounos marabillados coa súa fermosa versión de "Edipo, rei", de Sófocles. Deixámosvos a montaxe da representación

17 de mar. de 2015

I CERTAME DE RELATO BREVE MARÍA VARELA


BASES
1ª. Convócase o I certame de relato breve en memoria da profesora María Varela Sánchez. A temática dos relatos será libre, mais os participantes deberán incluír nos seus traballos os fragmentos de textos literarios seleccionados pola organización do certame.
2ª. Os relatos estarán escritos en lingua galega.
3ª. Poderán presentarse os alumnos que estean a cursar 2º ciclo da ESO en calquera centro educativo (público, concertado ou privado) de Verín e comarca, Viana do bolo ou A Gudiña.
5ª. Haberá un primeiro premio e dous accésit, que consistirán nunha tablet para o primeiro premio e un bono por valor de 30 euros, canxeable en calquera das librerías de Verín, para os accésit. Todos os traballos seleccionados e premiados serán publicados na páxina web do instituto. A entrega de premios terá lugar nun acto público no Salón de actos do IES Xesús Taboada Chivite, en data que se concretará e da que se informará os interesados.
6ª. En calquera das categorías o premio poderá quedar deserto se o xurado considera que os traballos non acadan un mínimo de calidade.
7ª. A fase de realización dos traballos terá lugar no IES Xesús Taboada Chivite o venres, 10 de abril de 2015, desde as 10:00 até as 12:00h.
8ª. Os relatos terán unha extensión máxima de 1DIN-A4 polas dúas caras escritas a bolígrafo, sen asinar. As follas oficiais do certame levarán un número como única identificación para garantir o anonimato.
9ª. Os datos persoais de cada participante figurarán dentro dun sobre pechado e numerado, que será entregado xunto có relato.
10ª. O xurado estará composto por tres profesores e dous alumnos do instituto que convoca. Como secretaria actuará unha das coordinadoras do grupo de teatro deste centro.
11ª. Os centros que colaboren no certame comunicarán á vicedirección do IES Xesús Taboada Chivite o número de alumnos que desexan participar, antes do 28 de marzo de 2015, mediante chamada teléfónica ou e-mail.
12ª. A presentación no certame supón a aceptación das bases por parte dos participantes.

Verín, 23 de febreiro de 2015

16 de mar. de 2015

CICLO VITAL DUN PTERIDÓFITO (FENTO)

Os alumnos de 1º BAC B atoparon un xeito ameno de aprender o ciclo vital dun pteridófito (fento), ao ritmo da música, grazas a un video en portugués, cunha canción moi pegadiza, colgado en youtube. O vídeo é o seguinte:


9 de mar. de 2015

SABELA DOMÍNGUEZ GAÑA O 3º PREMIO DO CONCURSO LINGUA DE NAMORAR

Sabela Domínguez Souto de 1º de BAC gaña o terceiro premio da categoría A do concurso Lingua de Namorar coa súa mensaxe "O meu ritmo". Parabéns!!!

Decidín asimilarte con cancións... E agora es o meu ritmo de vida.


Ligazón a Lingua de namorar. Abre en nova xanela

5 de mar. de 2015

NOVO BLOG DE EDLG DO IES CASTRO DE BARONCELI

Recentemente o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Instituto Castro de Baronceli abriu o seu blog: .O noso Baronceli

Dende hoxe teremos unha ligazón permanente a el no lateral desta páxina. Moita sorte co novo proxecto!!


4 de mar. de 2015

WEBINAR SOBRE "A ESPECIE ELEXIDA"

Sandra Fernández Fraile de 1º de BAC B realizou este abraiante seminario online sobre o libro de José Luis Arsuaga.
Aquí a pantalla completa

3 de mar. de 2015

O HOBBIT DE J.R.R.TOLKIEN

O libro trata sobre o protagonista Bilbo Bolsón,que vive tranquilamente no seu fogar ata que recibe a chamada de Gandalf e os ananos para comezar unha viaxe que consistirá en  recuperar o tesouro de Thorin,que é un dos ananos.

O tesouro esta no poder do temible dragón Smaug,que vive nas montañas máis altas do reino.Para chegar alí,os aventureiros pasan por varios ataques dos orcos e por varios lugares encantados como o bosque negro.O chegar as montañas,o lugar onde se encontra Smaug,Bilbo,con valentía,intentan recuperar ao tesouro de Thorín.Tras varios minutos de loita co dragón,o vencen cunha soa frecha,que lle da no peito do dragón Smaug,así facendo que caia morto ao solo,e que así Bilbo,poida recuperar o tesouro.

Opinión Persoal

Gustoume moito este libro xa que vin case todas as películas sobre O Hobbit e xa entendía mais ou menos do que ía.Gustáronme as loitas que fixeron contra os orcos e como terminan co dragón. O personaxe que máis me gustou foi Bilbo,xa que non perde a valentía durante toda a historia. J

IÑAKI FERNÁNDEZ RUIZ DE 3º ESO B

28 de feb. de 2015

O NOSO KUMBARIKIRA

Preme aquí e accederás a difusión que do noso Kumbarikira fai a Secretaría Xeral de Política Lingüística

25 de feb. de 2015

SADAKO E AS MIL GRÚAS DE PAPEL DE ELEANOR COERR

Este libro cóntanos unha historia real,a historia da vida de Sadako.

Sadako era unha nena xaponesa que vivía en Hiroshima, ela tiña dous anos cando os Estados Unidos lanzaron a bomba atómica, que causou miles de mortes e moitos enfermos como causa das radiacións. Dez anos despois, Sadako comezou a enfermar e decatáronse de que tiña leucemia como causa das radiacións daquela bomba. Cando estaba no hospital , a súa amiga Chizuko contoulle a historia das mil grúas de papel. A historia dicía que se unha persoa facía mil grúas de papel, os deuses escoitaban a súa pregaria e sandaba. Chizuko deulle a primeira e Sadako seguiunas facendo ata o seu fin,pero desgraciadamente non puido rematalas.

A min este libro gustoume moito porque reflexa a verdadeira amizade entre dúas amigas e porque nel tamén se ve como a persoa enferma é a que saca forzas para axudar a familia e que non se derruben.

Eu recomendaríalle este libro as persoas que non se ven capaces de afrontar un problema porque lles faría cambiar de opinión. Tamén llo recomendo as persoas que lles interese a historia de Sadako,porque aínda que foi unha nena que morreu con 12 anos, ela deixou unha pegada moi grande na historia e por iso ten unha estatua no parque da Paz en Hiroshima.

Alicia Paz Martínez  3º ESO B

23 de feb. de 2015

O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS DE MARCOS CALVEIRO

Libro no que se conta a historia dun adolescente problemático (non se da a coñecer o seu nome) que reside en París coa súa nai e que é enviado a pasar unha tempada coa súa tía Jojo á aburrida vila rural de Auvers. Durante este tempo coñece ao dono da pousada, a súa filla (Adeline), e a un pintor chamado Vicent  do que se fai amigo e axudante inseparable e o acompaña polas paraxes dos arredores da vila para pintar. 

O adolescente namórase de Adeline , e vense ás agachadas, Vicent namorase pero non é correspondido. Polo que Vicent é infeliz. Cada día vólvese máis alcohólico e recorre ao asente para afastarse e evadirse do mundo. Finalmente Vicent foxe ao bosque e dispárase no estómago, pero durante os tres días que dura a súa agonía está arroupado en todo momento polo seu axudante, Adeline e o seu pai, o seu irmán Theo e o doutor Gachet.
Despois da morte do seu amigo, o adolescente abandona a vila no mesmo tren que chegou dous meses antes, tras ver que súa nai non volve.

OPINIÓN PERSOAL:

Sinceramente gustoume moito porque é un libro que te incita a seguir léndoo, enganchado ao que o libro conta. Gustoume moito tamén pola amizade do rapaz con Vicent, e polos consellos que Vicent lle daba ao protagonista. O final non me gustou moito xa que o pintor falece.
Ana Carnero Rivera de 3º ESO B

20 de feb. de 2015

RÚA CARBÓN DE MARILAR ALEIXANDRE

A alumna Noemí Danta Diz de 3º ESO B tamén recomenda que leades o libro "Rúa de carbón", que presentou nesta sección Saioa Zozaya de 3º ESO C no mes de novembro.

Rúa Carbón é un libro narrado por Paula, a protagonista da historia, que vive en Vigo coa súa nai, o seu padrasto e a súa media irmá.

Ela xa sabe que o seu pai morreu antes de que ela nacera pero o que non sabe é que morrera colocando unha bomba de ETA. A súa nai decide contarllo antes de que ela se vaia de vacacións ao País Vasco onde viven a súas avoas e onde descubrirá coa axuda de Martín, un veciño da súa avoa, moitas cousas sobre o pasado dos seus pais.
Eu recomendolle este libro a calquera persoa, para aprender máis cousas sobre un gran problema vivido en España fai uns anos como foi a banda terrorista ETA.

                                                                                 Noemí Danta Diz 3ºB.

19 de feb. de 2015

LINGUA DE NAMORAR 2015

Os que participastes na nosa actividade Quere en Galego podedes aproveitar as vosas mensaxes para concursasr en Lingua de Namorar. Tendes de prazo ata o domingo.  Participa aquí

12 de feb. de 2015

VI OLIMPÍADA DE XEOLOXÍA

O noso alumnado de 1º de Bach acompañados por Guiomar Vázquez e Javier Rodríguez desprazáronse onte a Ourense para particpar na VI Olimpíada de Xeoloxía




11 de feb. de 2015

VISITA A USC

Mércores 4 de febreiro, ás oito da mañá, os alumnos de segundo de bacharelato dispoñémonos a vivir a nosa primeira experiencia universitaria, ou preuniversitaria máis ben. Co destino fixo en Santiago dous autocares cheos de dúbidas arrancaron desde o Taboada Chivite. O obxectivo era realizar unha pequena visita guiada polas facultades de interese para os alumnos en pequenos grupos. Deste xeito, cada un de nós recorrería as facultades máis acordes aos gustos persoais de cadaquén.

Unha vez na capital, as nosas preferencias leváronnos ou ben ao campus Sur (Bioloxía, Farmacia, Matemáticas, Física, Química, Dereito, Psicoloxía, Informática...) ou ao Norte (Medicina, Enfermaría, Filoloxías, Ciencias da Comunicación, Audiovisuais, Económicas, ADE, Historia...).
As mostras atopábanse fragmentadas en diferentes rutas que poderían englobar dúas ou ata tres graos diferentes. En cada unha das facultades que visitabamos, amosábansenos as instalacións propias da facultade ou anexas a esta e ofrecíasenos información de cada carreira (polo menos na maioría delas).
Boa parte dos alumnos de Bioloxía tivemos tamén a oportunidade de visitar o C.A.C.T.U.S., un centro científico dedicado á investigación da natureza dos materiais. Neste edificio puidemos entender grazas ás amables explicacións ofrecidas o funcionamento dun microscópico electrónico, un espectrómetro de masas, o comportamento dos superconductores... Unha das partes máis abraiantes da xornada sen lugar a dúbidas na miña opinión.

Por suposto, puidemos tamén gozar do exquisito e económico menú que a Facultade de Matemáticas nos brindou, de interese turístico igual ou maior ca o da Catedral e mailo casco vello.
Un dos valores máis grandes que unha saída coma esta pode aportar aos por natureza indecisos alumnos de segundo de bacharelato non é (que tamén) o feito de comezar a dirixir as nosas intencións de futuro a un punto concreto, senón experimentar tamén de primeira man a vida e o ambiente universitario, relacionarnos con alumnos máis adiantados ca nós que nos poden explicar e aconsellar acerca do que dentro dun ano (con algo de sorte) nos espera a unha gran maioría de nós.

As impresións, polo xeral, foron en boa parte positivas. É importante ter a oportunidade de comprobar como é a universidade desde dentro, saber que podes esperar nun futuro próximo e non levarte sorpresas con ningunha facultade que aguanta en pé pese a todo pronóstico (quen dixo Enfermería?).
Trala visita de interese puramente académico, tivemos boa parte da xornada para poder coñecer e visitar a cidade de Santiago e o seu atractivo casco vello, coas detalladas explicacións dos sempre atentos Eloi e Juan, ou, para os menos interesados, a oportunidade de nos relaxar en calquera esquina da cidade.


Como conclusión, desde o meu punto de vista persoal, coido que saídas coma estas son fundamentais para axudar a orientar as atolondradas cabeciñas dos que sufrimos segundo de bacharelato. Poucos son os afortunados que teñen un futuro claro, pero para a maioría na que me inclúo, o feito de poder observar o que cada carreira no ofrece ten un valor xigantesco para axudarnos a decidir de forma axeitada os nosos futuros.
Nayim González Rodríguez de 2º BAC B