Amosando publicacións coa etiqueta PORTUGUÉS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PORTUGUÉS. Amosar todas as publicacións

28 de abr. de 2021

LUCÍA DÍAZ NICOLINO, UNHA EXALUMNA QUE DEIXOU PEGADA NO CENTRO


Tivemos a sorte de entrevistar en RadioChivite, no programa número 10, a Lucía Díaz Nicolino, unha alumna que deixou pegada no Chivite e que está de novo connosco, facendo prácticas para, oxalá nun futuro non moi afastado, converterse en profesora de Lingua e Literatura Galega no noso centro, nunha profesora que seguro que vai namorar o seu alumnado, pola súa valía e humanidade.
Falamos con Lucía, entre outros temas, do seu artigo "A fronteira galego portuguesa. Actitudes e percepcións lingüísticas", que foi recentemente publicado nos CADERNOS DE LINGUA da Real Academia Galega, no seu número 38, mais tamén do seu paso como alumna, e agora como profesora en prácticas, polo noso centro.

17 de xan. de 2020

DIARIO DA VISITA DOS ERASMUS AO NOSO CENTRO POR PAULA GAGO PRIETO



Pavillón do IES Xesús Taboada Chivite

O día dous de decembro, o alumnado estranxeiro chegou ao instituto. Fineses, húngaros, italianos e portugueses, coas súas respectivas maletas, aproximadamente ás once da mañá. Estabamos todos moi nerviosos, tanto alumnos coma profesores, cando chegaron. Veu a banda de gaitas para darnos un pequeno concerto, durou aproximadamente vinte minutos. Ao rematar, levamos ao alumnado á sala de reunións onde os esperaba un gran almorzo, que tomarían mentres os demais desfrutabamos do recreo.


Despois deste, celebrouse unha xincana para romper un pouco o xeo. Ao rematar esta, déronnos unha charla e marchamos á cafetería, onde se celebrou un grande xantar. Despois de comer, realizamos unha visita guiada polo centro para o noso alumnado e así coñecémonos un pouco máis uns a outros; aínda que non todo o que nos gustaría, xa que chegou a hora de ir a clase, o momento de separarnos. Deixámolos na clase de lingua castelá, mentres eu fun a clase de francés. Ao rematar esta hora, reunímonos, e realizamos unha actividade TEI cos titorizados de primeiro e os  alumnos e alumnas de Erasmus.

 Acabouse a xornada lectiva e marchamos a casa, onde se instalou e de alí a un pouco reunímonos cos demais fineses para levalos  a coñecer Verín. Cando se cansaron, marchamos a casa, duchámonos, ceamos e fomos durmir.

O día tres de decembro realizamos moitas actividades xuntos, vimos unha película, tivemos unha charla e corremos unha carreira solidaria para “Save the children” onde se recadou moito diñeiro para as actuacións desta ONG. Pola tarde fixemos unha quedada, para levalos a percorrer Verín e ensinarlles o máis importante.

O mércores, catro de decembro, só realizamos unha actividade xuntas: a degustación dos pratos que deberíamos ter cociñado o día anterior pero que Katarina e máis eu fixemos esa mañá. Pola tarde quedamos tamén con todos os fineses aínda que a desfrutamos menos debido ao exame de bioloxía do día seguinte.
Visita ao Castelo de Monterrei
O xoves, día cinco de decembro realizamos unha actividade similar ao concurso de canción de  Eurovisión no salón de actos, desfrutamos do recreo, vimos unha curta na Casa da Cultura, xantamos e realizamos unha andaina ata o castelo de Monterrei, con visita guiada á torre e a todo o castelo. Despois, levámolos a mercar recordos para eles e os seu familiares. Katarina e máis eu marchamos a clase de
wu-shu ao ximnasio, acompañoume xa que é a actividade que realizo cada xoves. Ao rematar a clase, marchamos a casa a prepararnos para asistir a unha cea que organizamos os alumnos só para nós nun restaurante.

Visita a Santiago de Compostela
O venres, día seis de decembro, fixemos unha viaxe á cidade de Santiago para que o alumnado de Erasmus tivese a oportunidade de coñecer a cidade.

O sábado, día sete de decembro, despedímonos deles ás nove da mañá, choramos todos pero o noso consolo foi que nos volveriamos ver dentro dun ano.

Foi unha experiencia moi bonita, que repetiría durante máis tempo pero nunha época onde o alumnado galego non contara con tanto traballo escolar.


Paula Gago Prieto (3º ESO B)

11 de maio de 2018

OPS! NO TABOADA CHIVITE



O pasado venres, 4 de maio, a cuarta e quinta hora, os alumnos de 4º de ESO, tivemos o privilexio de ter un obradoiro de portugués, no cal aprendemos moitas cousas da lingua dos nosos veciños.
O obradoiro foi impartido por Graciela, unha muller que falaba portugués e galego, a cal entendimos perfectamente.
A actividade estaba organizada en tres partes: Introdución, teoría e práctica. Na introdución, contounos en que países se fala portugués, a orixe do idioma e que o galego e o portugués son linguas irmás. Na parte teórica, ensinounos as diferenzas na pronuncia e na escrita entre o portugués e a nosa lingua. Para rematar, na parte práctica, escoitamos unha canción en portugués, na que tivemos en encher ocos. Tamén "limos a galega" frases en portugués para ver as diferenzas.
Foi unha charla-obradoiro moi divertida e interesante.

Julio Alvar Rodríguez 4º ESO B

16 de mar. de 2015

CICLO VITAL DUN PTERIDÓFITO (FENTO)

Os alumnos de 1º BAC B atoparon un xeito ameno de aprender o ciclo vital dun pteridófito (fento), ao ritmo da música, grazas a un video en portugués, cunha canción moi pegadiza, colgado en youtube. O vídeo é o seguinte:


27 de out. de 2014

TODO O QUE O GALEGO DEBE SABER DO PORTUGUÉS. CAPÍTULO 1

Imos ir compartindo os 9 capítulos da serie Ben Falado que nos axudará a aproveitar o galego para entrar na lusofonía

1 de maio de 2012

DOCUMENTAL "BRASIL SOMOS NÓS"



O  vindeiro 3 de maio o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO poderá participar  na proxección da longametraxe documental protagonizada polo músico Carlos Núñez, nin dicir ten que é un dos mellores documentais galegos que se teñen feito.
A Historia narra a procura do bisavó de Carlos Núñez no Brasil, onde emigrara e onde parece ser que foi asasinado.
O documental investiga os nexos musicais que existen entre Galicia, Brasil e Irlanda.