29 de abr. de 2018

EXCURSIÓN A PONTEVEDRA



O día 23 de abril fomos de excursión a Pontevedra os alumnos de 3º e 4º de ESO. Celebramos unha xornada de convivencia con outros alumnos de relixión da diocese. Ao chegar a Pontevedra fixemos un pequeno percorrido pola cidade e visitamos a Igrexa da Virxe Peregrina. Despois esperábannos na Basílica de Santa María e alí tivemos unha visita guiada, na cal subimos á torre onde estan as campás.  Desde ela había unha vista fermosa da cidade e do río. 
O seguinte que fixemos foi ir xantar a unha  alameda moi preto das igrexas. Alí estivemos con moitos rapaces de distintos colexios, dos cales algúns xa coñecíamos e outros amigamonos con eles. A continuación, reunímonos coas nosas profesoras e deixaronnos tempo libre, no que podiamos ir tomar un xeado, ir de tendas...
Máis tarde fomos cara o autobus dirección a Verín cargados de bolsas das tendas.
O regreso no autobus foi xenial, pasámolo moi ben, porque botamos moitas risas xuntos. Foi un día xenial para todos nos.
Grazas a Puy por organizarnos esta fermosa escursión ( para o ano queremos outra igual ).
Sheila Alves Núñez 3º ESO B

Pódense visualizar máis imaxes da excursión, tomadas por María Pérez (3º ESO A), María González (3º ESO B) e a profesora Mª Jose Prada na seguinte LIGAZÓN

23 de abr. de 2018

OS PROFES LEN


Este ano, desde a Biblioteca,  propuxéronnos a actividade : "Os profes len", para conmemorar o Día do Libro.
Nun dos taboleiros don centro están expostas as fotografías dalgúns profesores e profesoras do instituto, lendo no seu recuncho favorito.

18 de abr. de 2018

BAIXO O MAR

Proxecto colaborativo entre a profesora de Inglés (Isabel Cota), o alumnado de Plástica de 1 ESO (profesora Marga García), de Literatura Galega do Século XX de 2 Bacharelato (profesora Rosa Alonso) e de Música de 4 ESO (profesor David Rodríguez).

15 de abr. de 2018

EXCURSIÓN A "BRACARA AUGUSTA", ORGANIZADA POLOS DEPARTAMENTOS DE GREGO E LATÍN

O martes, dez de abril, setenta alumnos do noso centro visitaron Braga, nunha excursión organizada polos departamentos de Grego e Latín.
O profesor Daniel García Cancio, un dos organizadores, describe na seguinte presentación, os lugares de interese que visitaron en Braga. Tamén aparecen fotos tomadas por un dos profesores acompañantes: Daniel Ortega (Educación Física) e pola alumna Ainhoa Jimeno Fernández (3º ESO C)



11 de abr. de 2018

SAÚDE PARA TODOS


O día 7 de abril, conmemorouse o día mundial da saúde. Este ano, o lema elexido pola OMS foi: "Saúde para todos" (cobertura sanitaria universal).
Nas seguintes presentacións, os alumnos de Anatomía Aplicada analizaron:

  • Que é a OMS? 
  • Lema elexido este ano para conmemorar o día da saúde.
  • Argumentos a favor e en contra da cobertura sanitaria universal.
  • Comparación de países que contán cun sistema público sanitario fronte aos que non o teñen.
  • Propostas para conseguir o obxectivo de saúde para todos.
  • Dificultades para acadar o obxectivo.
Podedes consultar as presentacións premendo na seguinte LIGAZÓN

5 de abr. de 2018

FACENDO CIENCIA EN GALEGO!!!!



Os alumnos e alumnas de 2ºde Bacharelato C puxeron as súas batas brancas, e decidiron investigar sobre temas científicos moi variados. Todo comezou co gallo da lectura do libro de Jorge Mira, A ciencia no punto de mira, o revulsivo que animou a estes emprendedores a crear ciencia e... quen sabe!, ó mellor co tempo son uns grandes científicos e científicas. De momento, coas súas investigacións chegaron a curiosas conclusións que, sen dúbida, nos sorprenderán. (E a pesar dos seus experimentos, o instituto inda quedou en pé!! Eu xa contaba o peor: unha explosión, queimaduras de 1º grao... pero...todo controlado. Que profesionalidade!)
Rosa Alonso (profesora de Lingua e Literatura galega)


A continuación podedes ver os vídeos coas conclusións as que chegaron os alumnos de 2º de Bacharelato C:


HABÍA UNHA VEZ...



Os galegos e galegas sempre tivemos un don especial para a leria; somos, de noso, uns grandes leriantes e contadores de historias. Pero o que non sabiades, seguro, é que os nosos rapaces e rapazas de 2 de Bacharelato teñen tamén unha arte especial para isto dos contos. E alá foron, ó Amaro e ó Princesa, divertir coas súas enxeñosas historias ós pequechos de Verín (Infantil e 1º de Primaria). Contáronme que o pasaron en grande, uns e outros, e que quedaron todos moi ilusionados coa promesa de volver repetir a experiencia. Os contos foron adaptacións feitas por eles, e de historias de clásicos galegos (Casares e Cunqueiro, quen senón!). Parabéns a estes futuros leriantes que, sen dúbida, poden xa vivir do conto.


Rosa Alonso (profesora de Lingua e Literatura Galega)

QUEN DIXO QUE OS RAPACES AGORA LEN POUCO?!?!?!





Que len pouco os cativos e cativas de agora?!?! Serán outros, porque os nosos, os do Chivite, rillan, devoran os libros, coma se dunha larpeirada ben doce se tratase. E entre os máis rillados, temos os de Ledicia Costas, unha autora galega que os apaixona. Será porque fala de intrépidos defuntos ou de mulleres que se converten en planta? Eu que sei! O caso é que causa furor entre a nosa pequena mocidade! É por iso que decidimos traela ó cole, e que ela mesma lles contase como crea estas historias tan engaiolantes. Os nosos rapaces e rapazas foron felices escoitando esta autora tan amena e espontánea, e ela...moi contentiña marchou!, posto que lle deron moitos agasallos, e algún ben gorentosos (ai, quen dera rillar, non só nos libros, senón tamén na bica de Laza que levou).

Grazas Ledicia por vires descubrirnos como se enxendra unha historia, e como se trae ó mundo, un parto nada fácil!

4 de abr. de 2018

CARTAS DE AMOR: 15 ARTISTAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Grazas ás integrantes do departamento de orientación, no mes de abril, contamos no noso centro, coa exposición da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia "Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero". Trátase dunha mostra do cómic galego sobre a violencia de xénero, con debuxos de autores de sona como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luís Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor,  Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Villán e Anxos Sumai.
Esta exposición ten por obxectivo sensibilizar á poboación máis nova, facer reflexionar ás e aos adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, tamén a eliminala.
Podedes consultar unha presentación da exposición premendo na seguinte LIGAZÓN