Amosando publicacións coa etiqueta ARTE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ARTE. Amosar todas as publicacións

9 de xuño de 2021

PREMIADOS NO CONCURSO DE DEBUXO DA ANPA

 

O día 4 de xuño tivo lugar a entrega de premios do concuso de debuxo, organizado pola ANPA do noso centro.
Os gañadores foron:
Primeiro premio, dotado con 70€ para Samuel Añel de 2 de bacharelato B.
Segundo premio para María García de 2 de bacharelato A, que recibiu 50€.
Terceiro premio dotado con 30€ para Sara Xing Moredo de 1º de bacharelato C.
Parabéns aos tres por estas obras cheas de talento e creatividade.
Grazas a Rosa Marina López, representante da ANPA por impulsar este tipo de iniciativas e a Javier Díaz, profesor de debuxo, que se encargou de coordinar esta actividade.

LITERATURA GALEGA "DE CINE"

O alumnado de Literatura Galega do século XX adaptou os carteis de películas, series e videoxogos aos títulos de obras en galego.

28 de abr. de 2021

ADRIÁN GONZÁLEZ, UN EXALUMNO FOTÓGRAFO

Adrián González está a piques de rematar o seu grao en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e compaxina os seus estudos co seu traballo artístico no eido da fotografía. Ten xa participado en numerosas exposicións e actualmente podemos ver obra súa na galería de arte Solaina, en Lugo. Será entrevistado no derradeiro programa de RadioChivite deste curso.

20 de abr. de 2021

CONCURSO DE DEBUXO ORGANIZADO POLA ANPA DO IES TABOADA CHIVITE

 

A ANPA do noso centro organiza un concurso de debuxo no que pode participar todo o alumnado do Chivite. 
Haberá tres premios de 70, 50 e 30 euros para as mellores obras.
Podedes entregar os vosos debuxos antes do día 17 de maio.
Animádevos a participar!!!

6 de abr. de 2021

VIDEOPOEMA "LETANÍA DE GALICIA", UXÍO NOVONEYRA


Alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato quixeron escenificar poemas coñecidos da literatura galega do período do século XX, porque para impregnarse cos versos dun poeta non fai falla lelos acochados no silencio, pois a través de xestos, imaxes ou obxectos podemos chegar á cerna da poesía. Cheguemos, xa que logo, tamén nós, e guiados da man destes precoces artistas!!!! Parabéns!!!!!!!!!!
Ao longo desta semana iremos publicando todos os traballos realizados. Comezamos con este  espectacular videopoema no que  Marina García, Claudia Álvarez, Claudia Martínez, Judith García, Uxía Estévez e Dalia Díaz interpretan e recitan o poema "Letanía de Galicia" de Uxío Noveneyra.

12 de mar. de 2021

IMAXES DO "PHOTOCALL DA TÚA PALABRA FAVORITA EN GALEGO"

Está a piques de rematar a nosa participación nos 21 Días co Galego e +, e desde o EDLG, queremos agradecer a participación de boa parte  da comunidade educativa do Chivite nesta actividade, que xa explicamos nunha entrada anterior.

Se queredes ver todas as imaxes, premede nesta LIGAZÓN


9 de mar. de 2021

CERÁMICA DE SARGADELOS

 Redacción e audio: Nuria Barreira, 1º ESO A


A Cerámica de Sargadelos xurdiu da iniciativa ilustrada de Antonio Raimundo Ibáñez nos primeiros anos do século  XIX, coa inauguración dunha fábrica de louza nunha parroquia do concello de Cervo, en Lugo, no ano 1806.

Para continuar lendo, preme na seguinte LIGAZÓN


EFÉMERO


Esta enxeñosa performance, seguindo o fío condutor do paso do tempo, pon de manifesto o contraste existente entre os esforzos que constrúen algo e que se poden prolongar no tempo e a brevidade coa que o progreso mal entendido pode desfacelos.

Unha intervención artística na que as alumnas de plástica elaboraron un arco da vella (hai algo máis efémero?) de post-its (material funxible por excelencia) nun lugar de paso, destinada non obstante a ser pisoteada por aqueles que precisaban camiñar por aí para chegaren ó exterior, e que viviron na súa pel a desazón de quen non ve valorados os seus desvelos.

O efémero ten precisamente unha vida máis longa na ollada prospectiva de quen proxecta, idea e fai que logo na realidade, porque os anceios sempre son máis duradeiros na nosa mente.

O bo é que a nosa memoria (ollada retrospectiva) pode facer revivir aquilo que deixou de ser.
Parabéns a Javier Díaz, profesor de Plástica e as súas alumnas!


Para ver o vídeo, premede nesta LIGAZÓN

1 de feb. de 2021

"PHOTOCALL DA TÚA PALABRA FAVORITA EN GALEGO"

Animamos a toda a comunidade educativa do noso centro a que participe na actividade “Photocall da túa palabra favorita en galego”.

Na entrada do centro estará instalado un mural coa foto gañadora do concurso fotográfico “Chegando a Ítaca” do 22 de febrero ao 14 de marzo de 2021, coincidindo coa participación no programa “21 Días co Galego e +”. O tema principal deste concurso foi o envellecemento activo e estivo organizado polo EDLG durante a primeira avaliación. Os maiores e a lingua galega son esenciais na nosa sociedade, por iso decidimos organizar esta actividade. Debemos por en valor e respectar estes dous tesouros: os avós e o galego.

En primeiro lugar, pensa na túa palabra favorita en galego e defínea brevemente. A continuación busca unha imaxe que a ilustre. Por último elabora un cartel coa palabra, a imaxe e a súa definición, como o que aparece no exemplo:

Con este cartel poderás facer unha foto na biblioteca.

Anímate a participar! Tes moito que aportar ao galego! Precisamos da túa colaboración para que a nosa lingua continúe viva.


28 de xan. de 2021

CHARLA DE SANTIAGO CAÑAVERAL, ANTIGO ALUMNO, PROFESOR DE TEATRO

 


Lección maxistral (texto de David Rodríguez)

Hoxe tivemos unha clase diferente en Linguaxe e Práctica Musical (1° Bacharelato).

Santiago Cañaveral Vaccari, antigo alumno do centro e agora profesor de teatro e amigo, veu explicarnos varias cousas: como foi a súa percepción do sistema educativo cando era alumno e como é agora, que foi o que lle fixo escoller o durísimo e azaroso camiño das artes escénicas, que enfoque segue el nas súas clases de teatro e como poden repercutir positivamente nas vidas daqueles/ as que se animen a apuntarse a elas, que empezarán en febreiro (e que aplican un estrito protocolo Covid aprobado pola Xunta de Galicia).

Orientounos facendo un exercicio de memoria ao volver estar nas nosas instalacións, convidounos a descubrir outras formas de entender a arte dramática, fixo dous exercicios con dous alumnos do instituto e, o que ía ser unha información sobre unha posible actividade extraescolar a cargo dun exalumno, acabouse convertendo nunha magnífica clase maxistral sobre o que pasa cando un fai o que o apaixona.

PARABÉNS, Santi Cañaveral.

8 de dec. de 2020

AS LAMBETADAS AXÚDANNOS A COÑECER A DOBRE HÉLICE DO ADN

 O alumnado de 4º ESO realizou maquetas da molécula da vida con lambetadas.

Nestes modelos comestibles cada nucleótido, inclúe: 

  • Unha pentosa; a desoxirribosa.
  • Ácido fosfórico. 
  • Unha base nitroxenada (adenina, timina, citosina ou guanina). 
Ademais, teñen en conta a complementariedade de bases: en fronte dunha adenina, vai unha timina, e en fronte dunha citosina, unha guanina.

A continuación aparecen as dobres hélices feitas por: Carla García, Juan José Rodicio e Noa Rodríguez de 4º ESO A.





29 de out. de 2020

O ALUMNADO DE PLÁSTICA DEULLE VIDA ÁS PALABRAS TREMELENTAS


Samaín no IES Xesús Taboada Chivite. O reto das palabras tremelentas.
O alumnado de Plástica de Javier Díaz debuxou moitas palabras que dan medo. Estarán penduradas nas paredes do instituto. Ocórrensevos máis?

17 de maio de 2020

MÁSCARAS CON MENSAXE. LETRAS GALEGAS 2020.


Neste tempo de confinamento, as alumnas de Javier Díaz, profesor de Plástica do Taboada Chivite, elaboraron máscaras con mensaxes de amor pola nosa terra e pola nosa lingua.
Parabéns polo fermoso traballo!!!

28 de abr. de 2020

PERSONAXES DE CADROS FAMOSOS CONFINADOS NAS CASAS DO ALUMNADO DE DEBUXO ARTÍSTICO


Os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato, que cursan Debuxo Artístico, coordinados pola súa profesora Tatiana Otero, escolleron algúns personaxes de cadros famosos e confináronos en espazos baleiros das súas  casas.
Que marabilla! Canta creatividade!

3 de mar. de 2020

EXPOSICIÓN MULLERES SINGULARES DA COMARCA DE VERÍN


Co gallo do Día da Muller, os membros do EDLG, recompilamos información sobre Mulleres Singulares da Comarca de Verín e montamos unha exposición que se atopa no corredor do segundo andar do IES Taboada Chivite que conduce á biblioteca. Ademais, a partir dos nomes desas mulleres, o alumnado de Javier Díaz, profesor de Plástica, fixo un orixinal alfabeto, que se pendurou nunha estrutura en forma de árbore feita por Javier Rodríguez e que podedes ver na planta baixa do instituto, preto do pavillón de deportes. 
Podedes ver máis imaxes do alfabeto das Mulleres Singulares da Comarca de Verín premendo na seguinte LIGAZÓN

20 de feb. de 2020

DEBUXOS ENTROIDEIROS "CUBISTAS"




O alumnado de 1 BAC que cursa Debuxo Artístico coa profesora Tatiana Otero, despois de estudar o cubismo, fixeron estes fermosos debuxos entroideiros, xeometrizando as imaxes. Parabéns!!!
Para ver máis debuxos, preme na seguinte LIGAZÓN

18 de feb. de 2020

AS MENINAS CHIVITIANAS NO DESFILE INFANTIL DO DÍA DE COMADRES EN VERÍN

Alumnas de 4º ESO e 1º BAC co seu profesor de Plástica Javier Diáz participarán no desfile infantil do Día de Comadres con estes espectaculares disfraces de meninas, cada un deles cunha temática diferente: cómic manga, xornal galego Nós, piano,etc.
Canta creatividade e talento artístico!!!
Podedes ver máis imaxes premendo na seguinte LIGAZÓN

14 de feb. de 2020

ROSALÍA DE CASTRO EN POP ART




Co gallo do Día de Rosalía de Castro, alumnos e alumnas de 3 ESO da profesora Tatiana Otero fixeron debuxos de Rosalía imitando a técnica empregada por Andy Warhol no seu famoso díptico de Marilyn Monroe.
Ademais, Érika Barbosa, de 4 ESO, interpretou, coa súa fermosísima voz, de xeito elegante e delicado, "Negra Sombra", o poema de Rosalía musicalizado por Xoán Montes, con David Rodríguez, profesor de música, ao piano.
Parabéns a todos!!!!