Amosando publicacións coa etiqueta EVENTOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EVENTOS. Amosar todas as publicacións

25 de mar. de 2020

XUNTOS, VENCERÉMOLO!!!



Alumnos e alumnas de 2º BAC do Chivite quixeron transmitir gratitude e ánimos nestes momentos tan duros.

Grazas Nao e Mini por deixarnos utilizar a vosa canción: "O soño necesario para un soño".

Moita forza e saúde para tod@s!!!!

18 de xan. de 2018

VISITA A CABREIROÁ

     
O día dous de outubro os alumnos e alumnas de 1º ESO tivemos unha mañá coma outra, só que á quinta hora marchamos do instituto rumbo a Cabreiroá. Eu persoalmente esquecérame por completo de que había tal saída e, cando as miñas amigas mo dixeron, quedei abraiada. Por sorte levaba o teléfono na chaqueta así que chamei á casa para que me trouxeran as cousas, xa que facían falta: dous bocadillos, auga, roupa cómoda e unha mochiliña para levalo todo. Miña nai empaquetou todo coma un raio e meu pai, rápido coma o vento, tróuxomo ao instituto xusto antes de que tocara o timbre.
     Como ía dicindo, á quinta hora marchamos camiñando ata Cabreiroá. Eu pensaba ir en autobús e quedei sorprendida; dende que marchamos aínda botamos un bo anaco camiñando ata alí. Protección civil foi con nós.
     Cando chegamos, agrupáronnos por clases para deixar as mochilas nunha área determinada; uns cinco minutos despois fixemos unha carreira de relevos, cada un cos seus compañeiros de clase; por desgraza, o meu equipo non gañou e quedamos en terceiro posto. Seguidamente estivemos xogando aos cazadores, que consiste en que un equipo colócase formando un círculo e outro no centro dese círculo e os xogadores que están formando unha roda collen un balón e intentan darlles aos do medio. Ao acabar este xogo deixáronnos facer o que quixeramos; a maioría optamos polo deporte.
     En Cabreiroá dérannos uns botellíns de auga pero acabáronse moi rápido; tamén foi porque os alumnos comezaron a tirarse auga uns a outros. As miñas amigas e eu pasamos algo de sede; había unha fonte pero o problema era que a auga con gas a ninguna nos gustaba. Polo demais paseino moi ben xa que había escorregadoiros, bambáns,barras para colgarse boca abaixo, barras de equilibrio, etc. Cando volvemos, dous rapaces atopáronse mal e Protección civil tívoos que traer no coche.

                                                                    Alumna: Paula Gago  1º ESO B

                                                                    Profesora: Carmen Trigo

EXCURSIÓN Á RIBEIRA SACRA


Nunha mañá fría saímos cedo cara a Ribeira Sacra. Unha zona máxica chea de viñedos e mosteiros ao carón do río Sil, que separa as provincias de Ourense e Lugo.
O primeiro que visitamos foi o Mosteiro de San Pedro de Rocas, único por estar escavado na rocha natural. O estilo arquitectónico é románico e pertence a orde relixiosa dos Benedictinos. A igrexa do mosteiro é do século VI. É un dos templos cristiáns máis antigos que se coñecen. Alí o guía fíxonos un xogo de preguntas e respostas sobre a Idade Media.
Comemos no Mosteiro de Santa María de Montederramo. Por fin saía o sol e non facía tanto frío. Este lugar sagrado pertenceu aos monxes cistercienses. O mosteiro ten un claustro de estilo renacentista e un coro, onde puidemos sentarnos en cadeiras de madeira do século XVI, foi o que máis me gustou.
Logo fomos no autobús por unha estrada moi estreita, chea de curvas. Desde o autobús, víase todo; os viñedos moi cerca do río. Parecía que íamos caer no río.
Pola tarde visitamos o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas do Sil, que é de estilo románico e pertence á orde dos Benedictinos, que se recollían neste lugar sagrado para meditar nos séculos XII e XIII. Está rodeado de árbores, pero unha delas destaca porque ten un tronco moi raro. Tamén subimos ao campanario da igrexa, pero faltáballe a campá.
Xa de volta no autobus cara Verín pensaba que nesta excursión paseino moi ben.

Sara Xing Moredo Martínez. 2º ESO C










BIODIVERSIDADE E CONSERVACIÓN

O venres 12 de xaneiro asistimos a unha ponencia sobre biodiversidade, impartida por unha profesora de zooloxía do campus de Lugo.

A charla comezou coa presentación dunha idea: Verín como un ecosistema, o uso deste sistema fixo que a charla fose moito máis interactiva. En resumo, a charla foi tratando os temas estándar sobre a biodiversidade ; é unha estrutura que non pode perder ningún compoñente que estea nela, senón pérdese o equilibrio.

En xeral, gustoume bastante a charla, en especial o feito de usar a Verín como exemplo, pois así axuda a captar a atención da xente que non estaba interesada nela. Moi importante tamén foi a concienciación sobre a importancia do equilibrio da biodiversidade , e que a mera presencia dos humanos o pode alterar, destruíndo así o ecosistema.
O mantemento do equilibrio é necesario, sobre todo hoxe en día, que incluso despois de ter varios congresos internacionais sobre os perigos da interferencia do ser humano, (Kioto, congreso OMD...)  séguense sen ter en conta os efectos do ser humano no mundo que nos rodea, cando o simple feito de construír a medio kilómetro dunha praia, provoca a diminución de sedimentos que se levan a ela, levando a unha recesión da liña de costa, afectando a todo ser vivo da zona circundante.

Hoxe máis ca nunca, nós como especies debemos centrarnos en preservar o equilibrio do planeta, pois coas nosas intencións egoístas estamos causando a desaparición de milleiros de especies todos os anos, moitas delas que nunca se chegarán a descubrir, pois estes eventos que alteran a orde natural acentúanse nas zonas de maior biodiversidade do planeta ( A selva amazónica). O noso planeta non é o patio de xogos do ser humano, é unha casa na que todos os seus habitantes teñen que coidala, a ela, e ao resto dos seus habitantes, xa que ao final do día, nos somos animais, e só por ter unha codia cerebral maior non deberíamos considerarnos superiores.

Jesús Alberto Raquel Pallares. 2º BAC A


10 de xan. de 2018

VIOLENCIA DE XÉNERO A TRAVÉS DAS NOVAS TECNOLOXÍAS CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

O luns 8 de xaneiro desenvolveuse entre os alumnos de 3º ESO un obradoiro sobre a violencia de xénero na rede. Foi organizado polo departamento de orientación en colaboración coa entidade "Pantallas Amigas".

Manuel Añel Prieto de 3º ESO C reflexiona sobre a información que lles proporcionaron:

Unha rede informática é un conxunto de dispositivos electrónicos interconectados entre si a través dun medio, que intercambian e comparten recursos.
Nas últimas xeracións na rede informática naceron as redes sociais. Nestas, cando é a primeira vez que as usas, ensínanche uns termos que moita xente acepta sen lelos. Entre eses termos está que os propietarios da rede social poden quedarse coas imaxes, videos ou textos que publica a xente.
A violencia de xénero é todo aquel dano físico ou psicolóxico que fai un home a unha muller só polo simple feito de ser muller. Isto ben influído pola cultura, e os estereotipos: como que os homes son os que teñen que traballar e as mulleres teñen que ser as que coidan da casa e dos nenos.
Agora empezan a darse casos de violencia de xénero nas redes, dependendo de cal sexa o problema ten varios nomes:
Sextorsión: A finalidade é a chantaxe, xa sexa para obter diñeiro ou dominio da vontade da vítima (moi común nos casos de ciber-violencia de xénero)
Sexting: Son aquelas fotos con contido sexual que se mandan por mensaxes, isto é un problema cando non queda na intimidade e se reenvían, perdendo o control da mesma foto.

Grooming: Esta é unha arma moi utilizada por pederastas, xa que se fan pasar por nenos para obter a confianza de verdadeiros nenos e extorsionalos para sacar proveito deles.

5 de xan. de 2018

MONÓLOGO DE LAURA POUSADA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO AUDITORIO DE VERÍN


"En maio do 17 subinme ao escenario do auditorio de Verín para levar á escena un breve monólogo escrito por min mesma denunciando a violencia de xénero. Precisaba condenar esta lacra da sociedade como é a violencia machista, que tantas vítimas se leva. Eu aspiro a vivir nunha sociedade máis xusta, máis humana, na que as mulleres non teñamos que ir con medo pola rúa, na que vivamos na tan ansiada igualdade. Liberémonos."

Laura Pousada


13 de dec. de 2017

CAMPAÑA NADAL SOLIDARIO

O 29 novembro púxose en marcha no noso centro a campaña "Nadal Solidario", de recollida de todo tipo de alimentos non perecedoiros e xoguetes, que serán doados  a Cáritas Verín para o seu reparto.




Ata o día 21 de decembro podedes seguir depositando alimentos e xoguetes na entrada do instituto, ao lado de conserxería. Sinalade no gráfico a cantidade de produtos que depositades para  realizar un seguimento do avance da recollida.
Moitas grazas pola vosa colaboración.

1 de dec. de 2017

RUTAS CIENTÍFICAS, ARTÍSTICAS E LITERARIAS 2017

 O  día 29 de novembro,  saíron de Verín vinte alumnos de 2º de bacharelato do IES Xesús Taboada Chivite, acompañados das profesoras Mª Jose Prada e Nuria Trigueros, rumbo a Madrid e Castela-A Mancha para participar nas "Rutas artísticas, científicas e literarias 2017" durante unha semana. Unha das alumnas participantes: Lucía González Álvarez, cóntanos en forma de diario a súa experiencia. Para lela podedes premer nesta LIGAZÓN

26 de nov. de 2017

NIN UNHA MÁIS!!

A violencia de xénero non é cousa dun día. Son meses, semanas, anos... e pode que incluso unha vida! A parella non é a única vítima. Tamén viven neste entorno nenos que sofren esta violencia. 
Quizais, se non foramos tan cegos, se non foramos tan mudos, seriamos o suficientemente valentes para salvar unha vida. 
Premendo no enlace veredes o estupendo vídeo elaborado, co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, por alumnas e alumnos de 2º BAC da materia de Literatura galega do século XX (impartida por Rosa Alonso) do IES Xesús Taboada Chivite.


24 de nov. de 2017

"DECÁLOGO" DE CARMEN RIVERO. POEMA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, día 24 de novembro, ás 11:20, nas escaleiras da fachada principal do instituto, varios alumnos e profesores recitaron o poema "Decálogo", escrito pola nosa compañeira Carmen Rivero Gallego, nun acto de rexeitamento da violencia de xénero organizado polo grupo de traballo da biblioteca.

O poema, que pertence ao libro "Berce de peliqueiros", conta a historia dunha pintora asasinada pola súa parella cando os seus cadros comezaban a ser recoñecidos.

DECÁLOGO
("Mentres se neguen os dereitos humanos ás mulleres,
 en calquera parte do mundo, non pode haber xustiza nin paz.").
 Shirin Ebadi, Premio Nobel da Paz.


 Pintaba cadros no seu maxín:
fermosos amenceres
con soles de marmelo,
 cachoeiras de auga transparente
en mundos que a invitaban a fuxir.
Non somos invisibles.

Algunha vez tentou pintar no lenzo,
imitando  a  Sorolla,
corpos espidos nunha praia deserta;
mais roxe o trebón:
-¡Deixa de facer o parvo e limpa a casa!
Non somos escravas de ninguén.

A tristura  esvaece por un intre o seu  desexo.
Agocha o  lenzo e  os pinceis.
Só a lúa,  muda testemuña,
alumea  en silencio os  seus temores
 para   que pinte cando o mundo dorme,
enchendo de calor a  vida fría
 con fermosos soles caribeños.
Temos dereito a facer realidade os nosos soños.

Mestura con mestría as cores
como faría o xenio de Kandinsky;
ao lonxe soa un blues nostálxico.
 Abstraída ,vai tecendo  pinceladas,
 iluminando o seu mundo gris
con  trazos harmoniosos e  radiantes .
Somos valiosas .

Tenta amosar ao mundo a súa obra:
fermosos amenceres,
 solpores soñadores,
nenúfares nadando en estanques verdes ,  
rostros  con sorriso infinito
de etéreas madonas ;
  un  marmóreo kuros grego
 que semella esculpido
polo gran mestre Miguel Anxo.
  Non é posible..., brama a fera:
-“¡O teu  traballo está  aquí, fai a comida!!”
               As tarefas do fogar deben ser compartidas.

 Bágoas  amargas asolagan
o anteface morado dos seus ollos ,
 abafando por un intre a súa teima;
pero o xenio que leva dentro rebélase con brío,
para facerlle fronte ao verdugo e á inxustiza.
 Non  ha de perder o único  paraíso que lle queda.
Sen medo  orde un plan, mentres cociña.
Somos donas do noso destino.

No xornal aparece esta noticia:
“Na Galería Van Gogh terá lugar esta tarde ás 18 horas
a exposición  dunha artista novel.
Firma as súas obras co pseudónimo  de Frida.
Emprega unha técnica nova ,colorista e vivencial,
  que  amosa un fermoso mundo 
combinando a arte  natural coa abstracción”.
Os nosos méritos deben ser recoñecidos.

A exposición é un éxito rotundo.
Por vez primeira está feliz e satisfeita,
sentíndose querida e respectada.
Saborea os meles do triunfo,
ao ver a súa obra valorada.
Temos dereito a participar en tódalas esferas da vida.

 O seu xúbilo axiña se transforma
en inmensa tristura ao volver a casa:
O meniño está chorando...,
dende o televisor chega a monótona voz do comentarista:
“ Iniesta  toca o balón e pasa a Villa....”
Estrala de novo a tormenta.
Volve  a negra realidade á súa vida:
-¿Son horas...?
Debemos ser tratadas sen violencia.

Está decidida a abandonalo todo
a ceibarse para sempre do pesado xugo.
 Fai a maleta coa alma e o corpo magoados,
sae silandeiramente  para sempre...

Mentres  soa a música doce dun piano bar....
resoan uns pasos na beirarrúa…
Un regueiro de sangue tingue de vermello o chan.
 Os soles abraiados póñense  para sempre  no ceo gris,
mentres que un lenzo  tétrico ,
co “Grito” de Munch  que ela detesta,
cobre a súa conciencia agonizante .
¡NUNCA MÁIS!!




Carmen Rivero Gallego.


16 de nov. de 2017

HOXE NA BIBLIOTECA DO CENTRO ESTÁS A SER ATENDIDO EN GALEGO

Ao longo desta semana, na biblioteca do centro estamos a ser atendidos nos distintos idiomas que se imparten no centro.
O luns falouse  en Inglés, o martes en Francés, o mércores en Castelán, hoxe fálase en GALEGO e mañá tócalle a quenda ao Portugués.

15 de nov. de 2017

AS ACTIVIDADES AUDIOVISUAIS DO SAMAÍN NO PORTAL DA LINGUA GALEGA

As tres actividades audiovisuais realizadas para celebrar o Samaín: "O Conxuro das meigas do Chivite", "Non é serio este cemiterio e "O concurso de coreografías de Thriller en galego" aparecen publicadas no PORTAL DA LINGUA GALEGA

13 de nov. de 2017

DESEÑO DO ENVASE DUN PRODUTO FEITO CON CASTAÑAS

Alumnos de 3º ESO e de 1º BAC deseñaron o envase dun produto feito con castañas.




Primeiro elixiron un produto (marmelada, crema, mousse, cervexa, paté, galletas, fariña, licor...) elaborado con castañas. A continuación inventaron un nome e fixeron unha etiqueta na que aparecesen os seguintes datos: data de envasado, caducidade, forma de conservación, ingredientes e información nutricional). Por último deseñaron e montaron un envase con diferentes materiais. Completaron o seu traballo escribindo no envase un texto breve, que incitase a compralo ou a consumilo. Estes envases están expostos na entrada do centro e ao lado da sala de profesores do segundo andar.

O LÉXICO DO MAGOSTO

Grazas aos alumnos de 2º ESO, ao longo desta semana aprenderemos novas palabras relacionadas coas castañas e o magosto.


Sobre un dos taboleiros do instituto, locen vistosas unha chea de castañas sobre fondo amarelo. Cada castaña leva un termo coa súa definición.

29 de out. de 2017

A TECEDORA DE SOÑOS NA VIII EDICIÓN DO FESTIVAL DE TEATRO ENTRE CULTURAS


O pasado venres 27 de outubro, ás 20:30, tivemos ocasión de ver actuar o grupo de teatro do noso instituto, A Tecedora de Soños, no Auditorio de Verín, dentro da oitava edición do Festival de Teatro ENTRE CULTURAS organizado por La Caja de Pandora.
Ademais dunha adaptación moi orixinal da LISÍSTRATA de Aristófanes, realizada polos profesores de Latín e Grego (Sonia Sanz e Daniel García), o grupo dirixido por Elisa Vilela e Sonia Sanz interpretou en galego catro cadros de Alonso de Santos: UNHA CUESTIÓN DE HONOR, SINCERIDADE, CARTA DE AMOR A SARA E UN BOCADILLO DE MIÚDOS.
A interpretación de todo o elenco foi excelente e moi aplaudida polo numeroso público asistente.
Esta foi a derradeira actuación de parte do alumnado coa Tecedora de Soños, dado que algúns actores e actrices están en 2º de Bacharelato e ese duro curso académico non lles vai permitir seguir cos ensaios, e outros comezan o seu primeiro curso universitario. Botarémolos moito de menos, mais sabemos que o teatro sempre seguirá con eles.
Longa vida ó teatro!!!!!!!!





19 de out. de 2017

MANIFESTO DO ALUMNADO DO CHIVITE EN REXEITAMENTO DOS INCENDIOS FORESTAIS

Hoxe 19 de outubro ás 11:20 da mañá, numerosos alumnos de todos os cursos concentrámonos na entrada do IES Xesús Taboada Chivite. Ademais dun minuto de silencio en nome das vítimas, quixemos facerlles unha homenaxe, mediante a palabra.
Cun motivo, unha razón. Un manifesto, por unha causa:
O total rexeitamento aos incendios forestais.

Aquí está, a continuación o discurso lido:
 MANIFESTO EN REXEITAMENTO DOS INCENDIOS FORESTAIS
Nas últimas semanas, como todos sabemos, as nosas vidas estiveron en xogo.
 Non somos quen de asimilar, o prezo que moitas familias están a pagar agora mesmo, nestre intre, e posiblemente mentres pronuncio estas palabras, un pai, unha nai, un avo… ou unha nena, están chorando de rabia e impotencia porque nada queda… daquelo que chamaban fogar.
 E se fosemos nós? E se estivesemos na súa pel? Onde está agora a Galiza verde que tanto nos enche o corazón?
216 incendios rexistrados, catro vítimas mortais xunto cunha trintena no país veciño, Portugal, que por suposto está terriblemente afectado. Isto non é un problema de España e para España, isto é un suceso enfermizo que se está a espallar á velocidade da luz, e moitos ignoramos as consecuencias que poden conlevar, e o que é peor, AS CAUSAS. Causas que por moito que nos enfade admitilo, residen na errónea política actual.
DEBEMOS POR EN MANIFESTO OS NOSOS DEREITOS, EN ESENCIAL, O NOSO MAIOR DEREITO, A VIDA.
Este dereito estase vendo quebrado, non só polos coñecidos ‘’incendiarios’’ senón por unha serie de intereses moi claros no ámbito estatal, que poden desatar sucesos como os ocorridos nas últimas horas.
SE O POBO FALA, debe ser escoitado. SE O POBO PIDE AXUDA, debe ser axudado. Non témo-los medios suficientes para combatir estas adversidades, e ao igual que nós temos dereitos, os gobernantes teñen DEBERES, deberes que á súa vez deberían ser inamovibles. A nosa terra, está sendo asasinada, e non queremos ver onde reside realmente o problema. Só unidos podemos cambialo.  Informádevos. Cómpre facelo.

Esther Santiago Casares 2º Bach B

25 de abr. de 2017

DÍA DO LIBRO

Co gallo do Día do Libro o noso alumnado recita algunha das súas obras favoritas en galego, portugués, inglés, castelán, francés e grego. Aquí vos deixamos unha lista de reprodución cos seus vídeos



7 de nov. de 2016

UNIDADE DIDÁCTICA A CASTAÑA

Compartimos a unidade didáctica elaborada polo Equipo de Normalización do IES MONTE CARRASCO DE CANGAS
 Ligazón  unidade didáctica

27 de out. de 2016

A TECEDORA DE SOÑOS

O epicentro do festival Entreculturas chegou para nós o venres 15 de outubro, cando representamos por última vez –que triste sona dicilo– La casa de Bernarda Alba, A estanqueira da Praza da Merced e Anfitrión. Foron tres obras das que sen dúbida todos aprendemos algo. Falando por min, cada personaxe aportoume algo distinto, e aínda que poida sonar irónico e incluso incoherente, Bernarda aportoume as gañas de loitar ao máximo pola liberdade en todos os apectos.


TECEDORA NO AUDITORIO 1 : Presentación & Anfitrión from DANIEL GARCIA CANCIO on Vimeo.
Creo que non me equivoco ao dicir que para todos os membros do grupo de teatro, foi unha experiencia inolvidable, non só por ter a oportunidade de mostrar aquelo que levabamos meses ensaiando; meses duros, pero que tiveron o seu bo resultado; senon tamén por recibir a maior das recompensas ante un traballo ben feito, os aplausos do público. Sinceros, cálidos, reais… Vivimos para eses aplausos. Nese momento non importan os erros que se cometeron, os nervios ou as discusións… calquera sacrifício dá o mesmo se a recompensa é tan grata. Porque sí, fixemos sacrificios. Horas que quizáis algúns precisabamos para estudar e que sen embargo llas entregamos ao teatro porque no fondo é o que nos gusta, porque estamos comprometidos con algo que disfrutamos, porque o escenario é o noso lugar. E pese a crer que moitas cousas poderían saír mal, que deixaramos o listón tan alto que xa non poderíamos subir de nivel… foi marabilloso, cada ano é ainda máis marabilloso ca o anterior. 

Pola miña parte, só teño que engadir que estou agradecida, e estareino eternamente. A todas esas persoas que dende as butacas do auditorio nos aplaudían case sen parar; aos meus compañeiros, de verdade, sodes todos incríbles á vosa maneira; e sobre todo, ás nosas mestras. A elas e ao seu apoio incondicional pase o que pase, nas boas e nas malas. Sen vós, non seriamos nada.



Noa Méndez 2º Bach B.