30 de mar. de 2020

ANTE O CORONAVIRUS, REUTILIZA E RECICLA ROUPA VELLA. RETO ECOLÓXICO DO MES DE ABRIL.

"A primavera que agora nos falta!" de Esther Garza Álvarez de 1º BAC C 
É o momento de rescatar pezas do armario e darlles unha nova vida.
Atréveste a redeseñar as túas prendas e convertelas noutras diferentes? O teu vestido da tempada pasada pode ser a túa nova saia ou "top" de primavera. Os pantalóns que xa non usas poden ser as bermudas que tanto desexarás no verán.
Se algunhas prendas están rotas ou estragadas, podes utilizar o resto da peza para outro tipo de obxecto ou complemento.
Deixa voar a túa imaxinación e realiza novos deseños.
Faille unha foto a túa nova creación, escribe un lema e enviaa a: ofiadeirodalingua@gmail.com xunto cos teus datos personais.
Agardamos os teus deseños, anímate!!!

25 de mar. de 2020

XUNTOS, VENCERÉMOLO!!!



Alumnos e alumnas de 2º BAC do Chivite quixeron transmitir gratitude e ánimos nestes momentos tan duros.

Grazas Nao e Mini por deixarnos utilizar a vosa canción: "O soño necesario para un soño".

Moita forza e saúde para tod@s!!!!

PRIMEIRA PROBA DO RALLY SEN FRONTEIRAS 2020






O martes, 10 de marzo, alumnado de 1º de ESO do noso centro,realizaron a primeira proba do "VIII Rally científico e matemático sen fronteiras", coordinados polos seus profesores de Matemáticas, Paula Páramo e Juan Manuel Cid.

Participaron na modalidade de matemáticas, alumnado de tres grupos de 1º ESO:
  •      1º ESO B: Pablo Álvarez Fernández, Inés González Rivero, Miguel Guerra Álvarez, Tania Guerra Barja, Rodrigo Martínez Barreal, Noa Pitarque Domínguez, Sara Regueiro Prado e Antía Sanmiguel Barreiros.
  •        1º ESO C: Cristián Araujo Rodríguez, Antón Ares Prieto, Nikolas Carneiro Andrade, Daniel Carnero Rodríguez, Adrián Dacosta da Costa, María Dosantos Moratinos, Fabián González Hernández e Marco López del Valle.
  •       1º ESO D: Álex Fernández Fernández, Iago García Gómez, Ruben García Grande, Lara García Núñez, Claudia Garza Afonso, Lucas Rodríguez González, Martín Salgado Guerra e Hugo Vázquez Moreiras.


23 de mar. de 2020

OLLOBOI COVIDEO DOMÉSTICO


Os organizadores de Olloboi 2020 convocan unha nova categoría: Olloboi Covídeo Doméstico aberta ás pezas que se fagan nas casas durante este tempo de confinamento.  
Estes vídeos aspirarán a un premio especial que consistirá en participar nunha rodaxe real. Haberá que  difundir os vídeos co cancelo #OlloboiCovídeoDoméstico, que tamén deberá constar nos créditos da peza ó inscribila en https://www.olloboi.com/subida-video/

Propóñennos que  reflexionemos sobre esta situación e a nosa vida agora, sobre o país que nos agarda á volta, sobre o ben público, e que canalicemos eses pensamentos cara á creación dunha obra. Pode ser algo de corte experimental e poético, con material actual ou de fondo de disco duro; documental, recollendo o diario da vida doméstica; de ficción ou animación, poñendo a discurrir a imaxinación…

Para axudarnos a crear poñen a nosa disposición estes recursos educativos en galego.

Esta modalidade réxese polas bases xerais do concurso, pero deben ser curtas non superiores a 10 minutos.

Animádevos a participar!!!

HOXE É O DÍA DA ÁRBORE E DA POESÍA


Nunha entrada anterior compartimos un vídeo que reflicte o paso de varios poetas polo noso instituto. Tamén puidestes escoitar o poema "Venceremos Nós", de Carmen Rivero.
Nesta entrada compartimos, no Día da Árbore, unha primeira versión do Himno Antilumes, que esperamos poidades escoitar pronto interpretado polo coro de profes. Polo de agora compartimos esta versión, interpretada por unha das integrantes do coro.
Ademais, Carmen Rivero recita un poema composto co gallo da vaga de lumes de outubro de 2017. 
Podedes escoitala premendo nesta ligazón de  iVoox
Ou nesta de Drive





21 de mar. de 2020

"VENCEREMOS NÓS", POEMA DE CARMEN RIVERO.

A poetisa Carmen Rivero, que foi profesora de Xeografía e Historia no noso instituto, compartiu connosco este poema, composto moi recentemente, no que nos exhorta a loitar.
Para escoitar o poema recitado pola autora premede  na seguinte LIGAZÓN.
Se tedes problemas para escoitalo en «Drive», premede AQUÍ para escoitalo en «iVoox»

DÍA DA POESÍA E DA ÁRBORE: POETAS QUE DEIXARON A SÚA PEGADA NO INSTITUTO...

Este vídeo pretende ser unha pequena homenaxe aos poetas que visitaron o noso centro ao longo deste últimos anos:  Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Estevo Creus e a poetisa e antiga compañeira, profesora de Historia no Taboada Chivite, Carmen Rivero. Ademais das fotos das visitas, aparece o traballo feito polo alumnado a partir da lectura das súas obras.

20 de mar. de 2020

ASPECTO POSITIVO DO CONFINAMENTO: REDUCIÓN DOS GASES DE EFECTO INVERNADOIRO




No mes de decembro plantexamos o compromiso ecolóxico de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. Por mor do confinamento é algo que estamos a cumprir toda a comunidade educativa.
Por iso, desde o EDLG retomamos este reto e  animámosvos a que compartades con nós imaxes sobre a redución dos gases de efecto invernadoiro,  acompañadas dun lema e dos vosos datos,  a través da seguinte dirección de correo electrónico:  ofiadeirodalingua@gmail.com

Moitas grazas pola vosa colaboración.

Forza!!! E...Quedade na casa!

18 de mar. de 2020

CÉSAR SÁNCHEZ, O DIRECTOR DO INSTITUTO, ENVIA UNHA MENSAXE DE ÁNIMO AO NOSO ALUMNADO

O noso director, César Sánchez, envía unha mensaxe de ánimo ao alumnado do IES Taboada Chivite.
Botámosvos de menos!!! Forza!!!!
Para ver o vídeo premede na seguinte LIGAZÓN

15 de mar. de 2020

"SACAR A CAROUTA PARA POR OUTRA", IMAXE GAÑADORA DE FOTONTROIDO 2020

A imaxe gañadora do concurso Fotontroido 2020 foi "Sacar a carouta para por outra", de Juan Carnero de 2º BAC A.
Parabéns!!!
Moitas grazas a todos por terdes participado.

14 de mar. de 2020

RADIOCHIVITE PROGRAMA 3


Nesta entrega poderemos escoitar no apartado Novas Chivitianas información sobre a exposición de Rosalía de Castro, a voz da alumna Érika Barbosa acompañada ao piano por David Rodríguez, executando de xeito excelente a engaiolante "Negra sombra".

Gozaremos tamén da entrevista que María Justo lle realizou a Sabela Souto, a creadora da curtametraxe Santa Baia de Montes.

Miguel Quintas realízalle unha entrevista "en diferido" ao coordinador do grupo de teatro do IES Ribeira do Louro, Delio García. As respostas non vos han deixar indiferentes.

Isabel Cota asume o rol de reporteira e entrevista a Javier Díaz e a un grupo de alumnas que estaban a confeccionar os seus traxes de meninas para o desfile infantil de Entroido.

No apartado de Novidades Bibliochivite, Maite preséntanos algunhas obras do voso interese.

E como sobremesa deste programa nº 3, a excepcional achega de David Rodríguez quen nos explica dunha maneira clara e ilustrativa as relacións que poden existir entre obras tan distantes en canto ao xénero e ao estilo musical como poden ser Greensleeves, "Torero" de Chayane ou "Hijo de la Luna" de Mecano.

Un programa para non perderdes!!!

Para escoitalo premede na seguinte LIGAZÓN

12 de mar. de 2020

BLOG MULLERES SINGULARES DA COMARCA DE VERÍN


Despois de realizar unha exposición no noso centro sobre mulleres singulares na Comarca de Verín, coincidindo co Día da Muller (8 de marzo), decidimos crear un blog con toda a información e imaxes recompiladas.
O noso obxectivo é compartir de xeito permanente as biografías desas mulleres excepcionais que fixeron e fan historia nesta comarca.
Agradacemos que nos acheguedes datos e fotos de mulleres do nosa contorna que tiveron ou teñen relevancia pola súa traxectoria vital para incluilas neste blog.  Podedes aportar esta información enviando un correo a: mulleressingularesverin@gmail.com.

Podedes acceder ao blog "Mulleres Singulares da Comarca  de Verín" premendo nesta LIGAZÓN.

9 de mar. de 2020

DEBATE SOBRE IGUALDADE DE XÉNERO CON ROSA TALLÓN, FISCAL E ANTIGA ALUMNA DO CHIVITE.


Hoxe, 9 de marzo, ás 17:00, no IES Taboada Chivite, tivo lugar un debate sobre igualdade de xénero coa fiscal Rosa Tallón (antiga alumna do noso centro). Asistiu o alumnado de 4º ESO. 
Rosa Tallón respondou dun xeito cordial e cunha linguaxe sinxela a todas as cuestións que lle plantexou o alumnado.
Moitas grazas por vir! 

MULLERES INVENTORAS


A Biblioteca do IES Taboada Chivite organizou, co gallo do Día da Muller, unha estupenda actividade que nos permitiu descubrir cinco mulleres inventoras cuxos inventos son esenciais nas nosas vidas. As alumnas (e grandes actrices) Sara Xing Moredo, Laura Seoane, María Guerra, María Justo e Oumaima Fathallah deron vida a esas mulleres ante alumnado de 2°, 3° e 4° ESO. Entraron nas súas clases convertidas en:
Marion O' Brien, de Indiana, que inventou o cueiro de celulosa.
Josephine Crichane, de Ohio, que inventou o lavalouza.
Leticia Mumford Geer, de Nova York, que inventou a xeringa.
Ángela Ruiz Robles,de Ferrol, que inventou a enciclopedia visual.
Josefina García, de Porto do Son, que inventou o tecido impermeable.
Parabéns á Biblioteca!!!!!!

Podedes ver imaxes desta actividade premendo nesta LIGAZÓN

8 de mar. de 2020

MARTA SOMAZA, ANTIGA ALUMNA, GALARDOADA CO PREMIO EXTRAORDINARIO DE FORMACIÓN PROFESIONAL 2017-2018 EN CANTABRIA

Marta Somoza Trueba, antiga alumna do Chivite, que estudou o ciclo formativo de grao superior Guía, Información e Asistencias Turísticas (GIAT) en Decroly, e graduouse como Técnico Superior, foi galardoada co Premio Extraordinario de Formación Profesional Hostelaría e Turismo, correspondente ao curso 2017-2018, na Comunidade Autónoma de Cantabria. Ler máis
Parabéns!!!

7 de mar. de 2020

6 de mar. de 2020

IMPACTOS AMBIENTAIS NOS MONTES DA COMARCA DE VERÍN


María Pérez e Lorena Rodríguez de 1º BAC B no seu proxecto de investigación analizaron as consecuencias dos principais impactos que sofren os montes da comarca de Verín: tala de árbores, lixo, contaminación das augas, incendios forestais, obras do AVE e caza furtiva. Ademais propuxeron algunhas solucións.
Podedes ler o seu informe premendo na seguinte LIGAZÓN

5 de mar. de 2020

TEN A FLORA DOS MONTES DE VERÍN INTERÉS PARA A APICULTURA?


A flora galega máis interesante para a apicultura inclúe as seguintes especies: castiñeiro, carballo, rebolo, silvas, breixo, xestas, romeu, crucíferas e árbores froiteiras. Todas estas especies son abundantes nos montes de Verín. Esta é a conclusión a que chegaron tanto Daniel Fernández e Yago Plaza de 1º BAC A, como Daniel González e Francisco Rodríguez de 1º BAC B, despois de realizar os seus proxectos de investigación.
A apicultura ten dous grandes beneficios para o ser humano: O 84% dos cultivos comerciais dependen da  polinización realizada polas abellas. Ademais, proporciona produtos directos como o mel, o pole, a cera, o própole, a apitoxina e a a xelea real.
As abellas son uns seres vivos moi importantes de cara a revertir o cambio climático, pero son moi sensibles aos cambios no ambiente. Así, se nós coidamos o entorno e creamos un medio favorable para as abellas, elas axudarannos a nós tamén.

Podedes ler estes dous estudos realizados por alumnado de 1º de bacharelato:

  • Para consultar o traballo de Daniel Fernández e Yago Plaza preme nesta LIGAZÓN
  • Para consultar o traballo de Daniel González e Francisco Fernández preme AQUÍ


3 de mar. de 2020

EXPOSICIÓN MULLERES SINGULARES DA COMARCA DE VERÍN


Co gallo do Día da Muller, os membros do EDLG, recompilamos información sobre Mulleres Singulares da Comarca de Verín e montamos unha exposición que se atopa no corredor do segundo andar do IES Taboada Chivite que conduce á biblioteca. Ademais, a partir dos nomes desas mulleres, o alumnado de Javier Díaz, profesor de Plástica, fixo un orixinal alfabeto, que se pendurou nunha estrutura en forma de árbore feita por Javier Rodríguez e que podedes ver na planta baixa do instituto, preto do pavillón de deportes. 
Podedes ver máis imaxes do alfabeto das Mulleres Singulares da Comarca de Verín premendo na seguinte LIGAZÓN