A continuación aparece a reseña sobre esta conferencia realizada por María Pérez Luis de 1º BAC B:
O xoves 16 de
xaneiro tivemos a oportunidade de escoitar a un enxeñeiro de montes do Campus
de Lugo (USC) para aprender moito máis acerca dos nosos bosques.
En primeiro
lugar, amosounos unha imaxe dunha plantación de eucaliptos, especie frondosa
foránea á que se lle adican máis de 300.000 ha en toda Galicia. Isto é debido á
gran capacidade de adaptación a diversos terreos e á súa produtividade. Non
obstante, a extensión de especies frondosas autóctonas (afortunadamente) é
maior, con máis de 400.000 ha de 3 millóns e atópase en aumento debido á
despoboación do rural. Algunhas das árbores que podemos atopar nestes últimos
son: carballos, freixos, cerquiños, nogueiras, bidueiros, cerdeiras…
En Galicia
tamén se mostra vexetación perenne, (Pinus
radiata, piñeiro de Oregón, Pinus pinaster…), mais, onde se presenta maior
diversidade é nos caducifolios, por exemplo, A devesa da Rogueira contén unhas
21 formas arbóreas diferentes.
Tamén se
resaltou a importancia da sostibilidade, concepto que se puxo en marcha polas
mans das institucións no 1987 e que procura o desenvolvemento social- económico
e a protección do medio ambiente de xeito equilibrado.
A
continuación, coñecimos as variantes que podemos atopar no noso territorio:
Soutos: Bosques de castiñeiros, tal e como o Souto de
Rozavales (Manzaneda), o cal é un monumento natural. Este posúe un castiñeiro
cun tronco de tal diámetro que se precisan aproximadamente unhas 15 persoas
para rodealo.
Bidueiros/albelos: Normalmete mesturados con
outras especies. Ex: O bidueiral de Montederramo.
Amieirais: Bosques de amieiros. Un exemplo famoso son os
amieiros pintados polo artista Agustin Ibarrola en Allariz.
Bosques de faias: Comúns nas serras de Lugo. Podemos citar á Fraga da Marronda (600ha),
presente na Rede Natura e que a pesar de estar ameazada por outras especies, os
amieiros xorden con forza ao xermolar ben baixo a sombra e ser propios do
terreo.
Bosques de ribeira/galería: Freixos, carballos, bidueiros… Ex: Bosque da fervenza ou a Lagoa de
Antela antes de ser desecada.
Finalmente, tamén descubrimos que moi preto
de nós tamén temos verdadeiras paisaxes naturais e faunísticas recoñecidas coma
o Parque do Invernadoiro, aínda que este fora froito dunha plantación.
En definitiva, considero que a información
recibida é moi importante porque trataba o noso arredor e impartiuse dunha
maneira entendible para todo o público. Ademais, resultou un tema curioso e
ameno para aquelas persoas ás que lle interese o rural e a natureza máis
achegada.