11 de feb. de 2015

VISITA A USC

Mércores 4 de febreiro, ás oito da mañá, os alumnos de segundo de bacharelato dispoñémonos a vivir a nosa primeira experiencia universitaria, ou preuniversitaria máis ben. Co destino fixo en Santiago dous autocares cheos de dúbidas arrancaron desde o Taboada Chivite. O obxectivo era realizar unha pequena visita guiada polas facultades de interese para os alumnos en pequenos grupos. Deste xeito, cada un de nós recorrería as facultades máis acordes aos gustos persoais de cadaquén.

Unha vez na capital, as nosas preferencias leváronnos ou ben ao campus Sur (Bioloxía, Farmacia, Matemáticas, Física, Química, Dereito, Psicoloxía, Informática...) ou ao Norte (Medicina, Enfermaría, Filoloxías, Ciencias da Comunicación, Audiovisuais, Económicas, ADE, Historia...).
As mostras atopábanse fragmentadas en diferentes rutas que poderían englobar dúas ou ata tres graos diferentes. En cada unha das facultades que visitabamos, amosábansenos as instalacións propias da facultade ou anexas a esta e ofrecíasenos información de cada carreira (polo menos na maioría delas).
Boa parte dos alumnos de Bioloxía tivemos tamén a oportunidade de visitar o C.A.C.T.U.S., un centro científico dedicado á investigación da natureza dos materiais. Neste edificio puidemos entender grazas ás amables explicacións ofrecidas o funcionamento dun microscópico electrónico, un espectrómetro de masas, o comportamento dos superconductores... Unha das partes máis abraiantes da xornada sen lugar a dúbidas na miña opinión.

Por suposto, puidemos tamén gozar do exquisito e económico menú que a Facultade de Matemáticas nos brindou, de interese turístico igual ou maior ca o da Catedral e mailo casco vello.
Un dos valores máis grandes que unha saída coma esta pode aportar aos por natureza indecisos alumnos de segundo de bacharelato non é (que tamén) o feito de comezar a dirixir as nosas intencións de futuro a un punto concreto, senón experimentar tamén de primeira man a vida e o ambiente universitario, relacionarnos con alumnos máis adiantados ca nós que nos poden explicar e aconsellar acerca do que dentro dun ano (con algo de sorte) nos espera a unha gran maioría de nós.

As impresións, polo xeral, foron en boa parte positivas. É importante ter a oportunidade de comprobar como é a universidade desde dentro, saber que podes esperar nun futuro próximo e non levarte sorpresas con ningunha facultade que aguanta en pé pese a todo pronóstico (quen dixo Enfermería?).
Trala visita de interese puramente académico, tivemos boa parte da xornada para poder coñecer e visitar a cidade de Santiago e o seu atractivo casco vello, coas detalladas explicacións dos sempre atentos Eloi e Juan, ou, para os menos interesados, a oportunidade de nos relaxar en calquera esquina da cidade.


Como conclusión, desde o meu punto de vista persoal, coido que saídas coma estas son fundamentais para axudar a orientar as atolondradas cabeciñas dos que sufrimos segundo de bacharelato. Poucos son os afortunados que teñen un futuro claro, pero para a maioría na que me inclúo, o feito de poder observar o que cada carreira no ofrece ten un valor xigantesco para axudarnos a decidir de forma axeitada os nosos futuros.
Nayim González Rodríguez de 2º BAC B

Ningún comentario:

Publicar un comentario