19 de out. de 2017

A DERRADEIRA REPRESENTACIÓN DO MUSICAL GREASE






Verín tivo o pasado venres trece unha cita ca música, o teatro e o baile. Grease, o musical que representamos este ano con ilusión alumnos e profesores do IES Xesús Taboada Chivite, despediuse dos escenarios nunha emotiva derradeira actuación que non deixou indiferente a ninguén.
Despois de meses e meses de ensaios, vimos reflectido o resultado final no escenario do auditorio de Verín ca tristeza característica que embaza todos os finais. Os aplausos da xente foron unha das moitas mostras de que todo o noso traballo mereceu a pena, de que a suor estaba recompensada e de que ningún de nós ía esquecer endexamais aquel momento.
Esa noite pechamos unha porta nos nosos corazóns, porque Grease foi moito máis que un musical ou un traballo extraescolar. Grease foi facer amigos, compartir experiencias, rir con xente que non coñecías, bailar con amigos e inimigos, viaxar no tempo ata os anos 50 e meterte na pel dalgúns dos protagonistas ata sentir que non somos tan diferentes.
Grease foi un antes e un despois. Para algúns o primeiro e para outros o último, pero para todos unha pegada que vai quedar sempre no noso interior e proba diso foron as bágoas que se derramaron ao saber que era un adeus a Danny e Sandy.
Foi un adeus, si, pero foi un adeus espectacular. Bailamos ata que nos doeron os pés, cantamos ata quedar sen voz e actuamos ata mesturarnos cos nosos personaxes. Fixémolo o mellor posible, porque queriamos que todos aqueles que puxeron un pouco de si mesmos neste musical estivesen tan orgullosos coma nós de ser parte desta marabilla.

                                                                                                                               Sara Guerra Sandoval

Ningún comentario:

Publicar un comentario