30 de xan. de 2020

PROGRAMA PILOTO DA EMISORA PODCAST RADIOCHIVITE

O día 26 de xaneiro a emisora podcast radioChivite do IES Xesús Taboada Chivite emitiu o seu programa-piloto
Neste primeiro programa, Xabier Álvarez, profesor de Lingua Galega e coordinador desta actividade danos a benvida a este espazo radiofónico e invita a todos os membros da nosa comunidade educativa a colaborar nesta iniciativa para que radioChivite sexa unha radio viva.
Cada programa contará con distintas seccións nas que participarán: a Biblioteca, o EDLG, os distintos departamento didácticos, a dirección, o alumnado e todas as voces que queiran intervir.
Desde o EDLG queremos animarvos a que escoitedes este programa piloto. Só tedes que entrar no "Blog da radioChivite" , cuxa dirección é:  https://radiochivite.blogspot.com/ Merece a pena! 
A medida que vaian gravando máis programas, iranos subindo. Colaboremos e apoiemos esta iniciativa!


26 de xan. de 2020

PUBLICITA UN ORGÁNULO CELULAR EUCARIOTA



O alumnos e as alumnas de 1º de bacharelato, na materia de Bioloxía, simularon ser publicistas dunha empresa, que se adica a construción de orgánulos celulares.
De xeito individual ou por parellas tiveron que deseñar e gravar un anuncio publicitario dun orgánulo celular que lles foi asignado para promocionar a súa venta.

PARABÉNS AO ALUMNADO DE 1º ESO POR ESTOS FERMOSOS "ZENTANGLES"!!!


O alumnado de 1º ESO, coodinado pola súa profesora de Plástica Tatiana Otero realizaron estes fermosos "zentangles", que están expostos nun dos corredores do primeiro andar do noso centro.


O método Zentagle consiste en debuxar libremente patróns deixando voar a nosa creatividade, ao mesmo tempo que a concentración mental neste exercicio consegue relaxarnos. Zentangle: "zen" e "tangle"("enredo" en inglés)




ESTHER ESTÉVEZ CASADO E O SEU PROXECTO "DÍGOCHO EU" DA TVG


Parabéns, parabéns, parabéns á nosa exalumna Esther Estévez Casado por ese gran proxecto que é o #DígochoEu e pola súa enorme profesionalidade!!
Para poder ver a entrevista que lle realizaron no programa "A Revista" da TVG  podedes premer na seguinte LIGAZÓN

22 de xan. de 2020

CONFERENCIA SOBRE OS BOSQUES DE FRONDOSAS AUTÓCTONAS: CONSERVACIÓN E XESTIÓN SOSTIBLE


A continuación aparece a reseña sobre esta conferencia realizada por María Pérez Luis de 1º BAC B:

 O xoves 16 de xaneiro tivemos a oportunidade de escoitar a un enxeñeiro de montes do Campus de Lugo (USC) para aprender moito máis acerca dos nosos bosques.

   En primeiro lugar, amosounos unha imaxe dunha plantación de eucaliptos, especie frondosa foránea á que se lle adican máis de 300.000 ha en toda Galicia. Isto é debido á gran capacidade de adaptación a diversos terreos e á súa produtividade. Non obstante, a extensión de especies frondosas autóctonas (afortunadamente) é maior, con máis de 400.000 ha de 3 millóns e atópase en aumento debido á despoboación do rural. Algunhas das árbores que podemos atopar nestes últimos son: carballos, freixos, cerquiños, nogueiras, bidueiros, cerdeiras…


   En Galicia tamén se mostra vexetación perenne, (Pinus radiata, piñeiro de Oregón, Pinus pinaster…), mais, onde se presenta maior diversidade é nos caducifolios, por exemplo, A devesa da Rogueira contén unhas 21 formas arbóreas diferentes.

   Tamén se resaltou a importancia da sostibilidade, concepto que se puxo en marcha polas mans das institucións no 1987 e que procura o desenvolvemento social- económico e a protección do medio ambiente de xeito equilibrado.

   A continuación, coñecimos as variantes que podemos atopar no noso territorio:
Soutos: Bosques de castiñeiros, tal e como o Souto de Rozavales (Manzaneda), o cal é un monumento natural. Este posúe un castiñeiro cun tronco de tal diámetro que se precisan aproximadamente unhas 15 persoas para rodealo.

Bidueiros/albelos: Normalmete mesturados con outras especies. Ex: O bidueiral de Montederramo.

Amieirais:  Bosques de amieiros. Un exemplo famoso son os amieiros pintados polo artista Agustin Ibarrola en Allariz.



Bosques de faias: Comúns nas serras de Lugo. Podemos citar á Fraga da Marronda (600ha), presente na Rede Natura e que a pesar de estar ameazada por outras especies, os amieiros xorden con forza ao xermolar ben baixo a sombra e ser propios do terreo.

Bosques de ribeira/galería: Freixos, carballos, bidueiros… Ex: Bosque da fervenza ou a Lagoa de Antela antes de ser desecada.


   Finalmente, tamén descubrimos que moi preto de nós tamén temos verdadeiras paisaxes naturais e faunísticas recoñecidas coma o Parque do Invernadoiro, aínda que este fora froito dunha plantación.



  En definitiva, considero que a información recibida é moi importante porque trataba o noso arredor e impartiuse dunha maneira entendible para todo o público. Ademais, resultou un tema curioso e ameno para aquelas persoas ás que lle interese o rural e a natureza máis achegada.




17 de xan. de 2020

DIARIO DA VISITA DOS ERASMUS AO NOSO CENTRO POR PAULA GAGO PRIETO



Pavillón do IES Xesús Taboada Chivite

O día dous de decembro, o alumnado estranxeiro chegou ao instituto. Fineses, húngaros, italianos e portugueses, coas súas respectivas maletas, aproximadamente ás once da mañá. Estabamos todos moi nerviosos, tanto alumnos coma profesores, cando chegaron. Veu a banda de gaitas para darnos un pequeno concerto, durou aproximadamente vinte minutos. Ao rematar, levamos ao alumnado á sala de reunións onde os esperaba un gran almorzo, que tomarían mentres os demais desfrutabamos do recreo.


Despois deste, celebrouse unha xincana para romper un pouco o xeo. Ao rematar esta, déronnos unha charla e marchamos á cafetería, onde se celebrou un grande xantar. Despois de comer, realizamos unha visita guiada polo centro para o noso alumnado e así coñecémonos un pouco máis uns a outros; aínda que non todo o que nos gustaría, xa que chegou a hora de ir a clase, o momento de separarnos. Deixámolos na clase de lingua castelá, mentres eu fun a clase de francés. Ao rematar esta hora, reunímonos, e realizamos unha actividade TEI cos titorizados de primeiro e os  alumnos e alumnas de Erasmus.

 Acabouse a xornada lectiva e marchamos a casa, onde se instalou e de alí a un pouco reunímonos cos demais fineses para levalos  a coñecer Verín. Cando se cansaron, marchamos a casa, duchámonos, ceamos e fomos durmir.

O día tres de decembro realizamos moitas actividades xuntos, vimos unha película, tivemos unha charla e corremos unha carreira solidaria para “Save the children” onde se recadou moito diñeiro para as actuacións desta ONG. Pola tarde fixemos unha quedada, para levalos a percorrer Verín e ensinarlles o máis importante.

O mércores, catro de decembro, só realizamos unha actividade xuntas: a degustación dos pratos que deberíamos ter cociñado o día anterior pero que Katarina e máis eu fixemos esa mañá. Pola tarde quedamos tamén con todos os fineses aínda que a desfrutamos menos debido ao exame de bioloxía do día seguinte.
Visita ao Castelo de Monterrei
O xoves, día cinco de decembro realizamos unha actividade similar ao concurso de canción de  Eurovisión no salón de actos, desfrutamos do recreo, vimos unha curta na Casa da Cultura, xantamos e realizamos unha andaina ata o castelo de Monterrei, con visita guiada á torre e a todo o castelo. Despois, levámolos a mercar recordos para eles e os seu familiares. Katarina e máis eu marchamos a clase de
wu-shu ao ximnasio, acompañoume xa que é a actividade que realizo cada xoves. Ao rematar a clase, marchamos a casa a prepararnos para asistir a unha cea que organizamos os alumnos só para nós nun restaurante.

Visita a Santiago de Compostela
O venres, día seis de decembro, fixemos unha viaxe á cidade de Santiago para que o alumnado de Erasmus tivese a oportunidade de coñecer a cidade.

O sábado, día sete de decembro, despedímonos deles ás nove da mañá, choramos todos pero o noso consolo foi que nos volveriamos ver dentro dun ano.

Foi unha experiencia moi bonita, que repetiría durante máis tempo pero nunha época onde o alumnado galego non contara con tanto traballo escolar.


Paula Gago Prieto (3º ESO B)

15 de xan. de 2020

EXPOSICIÓN DE FOTOS SOBRE O VALOR DOS NOSOS MONTES



Nun dos corredores do segundo andar podedes contemplar a exposición coas mellores imaxes que participaron no concurso fotográfico "O valor dos nosos montes".