Primeiramente, comezou a describirnos o que causa o arsénico en humanos, morte en doses concentradas e en doses diluídas un gran número de enfermidades cutáneas e mesmo cancro. Despois pasou a explicarnos a situación en Bangladesh, un país do sureste asiático no que millóns de persoas sofren destas lesións por culpa de que os seus pozos de auga, feitos pola OMS están contaminados co devandito arsénico.
Ata o de aquí todo ben, pero despois pasou a explicarnos como foi todo o proceso de investigación ata chegar á verdadeira fonte da contaminación (un sedimento profundo que transmite o arsénico á auga) relatándonos as diversas hipóteses que se barallaron cun vocabulario e unhas explicacións químicas na miña opinión moi técnicas para as idades que tiñamos os espectadores. Con isto o que aconteceu foi que a explicación, aínda que boa, causara a perda de interese de moitos de nós ante a imposibilidade de entendela.
Despois desta primeira parte, pasou a contarnos o experimento que levou a cabo en colaboración con colexiados de Ecuador e Brasil sobre as concentracións de arsénico na auga destes países. Os resultados foron positivos xa que segundo nos explicou, os niveis dos tres estados están dentro do permitido, co engadido de que os niveis de España eran os máis baixos.
Para finalizar aconsellounos sobre como consumir arroz, unha planta que ao crecer inundada, é moi susceptible a contaminarse co arsénico, e suxeriunos lavar e facer unha cocción previa ao arroz que foramos a comer, para minimizar os riscos de inxerir o elemento tóxico.
A presentación foi certamente interesante, xa que nos informou sobre un problema que segundo eu penso é descoñecido para gran parte da poboación, descoñecemento que pode desembocar, como vimos en Bangladesh, en situacións verdadeiramente difíciles. Porén, non creo que fora unha presentación adecuada para rapaces da nosa idade. O primeiro motivo é o uso de tecnicismos demasiado avanzados para nós que comentei anteriormente e segundo, e para min máis importante, que non se pode facer nada en contra do arsénico.
De acordo co que o conferenciante nos dixo, é unha contaminación 100% natural e que aínda que factores coma o uso de fertilizantes pódena agravar, se hai arsénico nos sedimentos, é moi difícil escapar del. O que a min me produce isto é que aínda que a charla me resultara interesante, pareceme un coñecemento baleiro e un tempo “perdido” que se puido ter empregado en falarnos dun problema ambiental combatible. Charlas deste tipo deberían ser empregadas en que nós, as xeracións do futuro, tomemos conciencia de procedementos incorrectos que se levan a cabo hoxe en día, para que polo menos a longo plazo, se reduzan estes problemas. De todos xeitos foi unha presentación interesante e ben tratada da que puidemos aprender moitas cousas.
Como conclusión quería expresar que aínda que lle atopara algúns fallos a esta conferencia, paréceme ben que se nos saque un pouco do ámbito escolar convencional e que aprendamos e nos conciencemos sobre temas dos que, de outro xeito, non teriamos información ningunha.
Francisco Fernández Rodríguez 1º BAC B
Ningún comentario:
Publicar un comentario